Río Albarellos, río Búbal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Albarellos
PaísGalicia Galicia
NacementoSerra de Meda
ConcaDouro
DesembocaduraRío Búbal, en Monterrei

O Albarellos é un río galego que transcorre polo concello ourensán de Monterrei e é afluente do río Búbal. É coñecido tamén como río Rubín.

Curso e afluentes[editar | editar a fonte]

Nace no Penedo do Oso, situado na serra de Meda, entre os concellos de Cualedro, Laza e Monterrei. Durante o seu curso atravesa a localidade abandonada de Paradiña e mailas localidades de Infesta e Albarellos (esta última é a que lle dá un dos seus nomes), para finalizar o seu percorrido desembocando no río Búbal á altura da aldea de Vilaza.

Ao saír de Infesta recibe un dos seus principais afluentes, o río de Rebordondo.

Construcións salientables[editar | editar a fonte]

Ao paso por Paradiña é atravesado por unha ponte do século XX. No seu percorrido están a presa das Lagas e mais a presa de Infesta, ambas empregadas para o baño. Preto de Infesta o río discorre paralelo a unhas canalizacións de auga que datan de 1918.

Fauna e flora[editar | editar a fonte]

Ao igual que no resto dos bosques de ribeira galegos, abundan os bidueiros, amieiros, freixos e salgueiros nas beiras do río. Nalgúns puntos da zona alta do curso tamén se estenden prados aos lados.

En canto á fauna, o río é fogar de numerosas especies de anfibios, como a ra patilonga (Rana iberica), réptiles como a cobra de colar (Natrix natrix) ou a cobra sapeira (Natrix maura) e mamíferos coma o ourizo cacheiro (Erinaceus europaeus). Ocasionalmente pódense avistar garzas (Ardea cinerea).


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre ríos de Galicia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.