Albarellos, Albarellos, Monterrei
Albarellos | |
---|---|
Campanario da igrexa parroquial | |
Parroquia | Albarellos |
Concello | Monterrei |
Coordenadas | 41°56′52″N 7°29′48″O / 41.947787065929, -7.4965522062708 |
Poboación | 431 hab. (2017) |
[ editar datos en Wikidata ] |
O lugar de Albarellos é a capital administrativa do concello de Monterrei. Está situado no fondo do val de Monterrei, á beira do río Rubín, a unha altitude duns 400 m. Albarellos é o único núcleo da parroquia de Santiago de Albarellos. En 1795 sitúase na xurisdición do conde de Monterrei, con alcaldes ordinarios[1], e en 1834 atribúenselle 263 habitantes [2].
Albarellos ocupa o espazo de transición entre o val e o monte das Melas. O asentamento ocupa 22,39 has., das que 7,79 corresponden ao seu núcleo tradicional. Ten 382 vivendas, do que resulta unha densidade de 23,40 viv./ha[3]. No seu territorio agrícola predominan os viñedos, que ocupan terreos sen relevo destacable. A súa morfoloxía foi desfigurada por unha recente concentración parcelaria[4]. Está separado do núcleo polo leste polo río Rubín e polo trazado da variante da estrada N-525.
Morfoloxía
[editar | editar a fonte]O núcleo tradicional
[editar | editar a fonte]O núcleo tradicional de Albarellos é compacto de nidio, como adoitan ser na comarca. Ten unhas dimensións duns 440 m (N-S) por 330 m (E-O). Está atravesado de noroeste a sueste pola Vía da Prata do camiño de Santiago, que ven de Monterrei e continúa cara ao alto das Estibadas. De Albarellos saen tamén camiños que levan á Caridade, á Salgueira e a Vilaza. O Camiño de Santiago ven bordeando o val, atravesa o río Rubín pola ponte Pequena e entra no núcleo para ir atopar o que ven dende Vilaza na praza Ángel Medeiros. Alí continúa cara a Infesta (rúa Central) cruzando a estrada vella (rúa do Progreso).
Ao incorporarse o Camiño ao núcleo convértese nunha rúa pechada pola edificación en ringleira. Os crecementos históricos seguen a traza do Camiño en dirección a Infesta e tamén arredor do punto onde se atopan os catro camiños que desembocan en Albarellos. O núcleo tradicional desenvólvese en dous barrios principais, aínda que se poden distinguir aglomerados menores dentro de cada un, especialmente no nacemento dos camiños e na cabeceira da ponte vella. O barrio do sur é o de maior tamaño e o máis compacto, e probablemente trátase do aglomerado de máis antiga formación. O barrio do norte ten unha configuración sensiblemente lineal, disponse ao longo do camiño que se dirixe a Infesta, formando o seu principal aglomerado arredor da igrexa parroquial. Separan estes dous barrios as grandes hortas de dous pazos e os terreos do igrexario.
O crecemento urbano
[editar | editar a fonte]A construción da vella estrada Nacional no século XIX ten servido de soporte para un novo aglomerado lineal duns 480 m ao norte da ponte. Este crecemento conformou unha rúa-corredor (rúa do Progreso) que deu lugar a tipoloxías entre medianeiras con horta ou curral traseiros. Na outra banda da ponte da estrada este crecemento, duns 270 m, preséntase menos consolidado e menos compacto. Os puntos de contacto entre estes novos agregados e o núcleo tradicional foron quen de xerar un certo crecemento en mazás pechadas e dar continuidade á malla existente. Asemade, entre as traseiras dos novos edificios e o río creáronse novos espazos representativos e de lecer que atraeron máis adiante os edificios de uso administrativo ou dotacional.
A arquitectura deste novo tecido difire da tradicional na súa concepción funcional, afastada do traballo do campo, e na súa inspiración académica, representativa dun status social burgués.
O crecemento difuso
[editar | editar a fonte]Na saída cara a Verín, ao longo da rúa do Progreso, o crecemento iniciado no século XIX viuse continuado nas últimas décadas por unha sucesión de vivendas unifamiliares espalladas de xeito descontinuo no seu extremo máis próximo á nova variante da estrada Nacional. A partir da glorieta de conexión coa N-525, en dirección a Verín, abondan máis os edificios industriais e hostaleiros que os residenciais. Estes novos crecementos non son quen de xerar tecido nin espazos públicos. A saída cara ao norte pola estrada vella figura na foto de 1956 como na actualidade, coa excepción dunhas poucas casas illadas.
O acceso rodado ao núcleo faise principalmente pola rúa do Progreso, dende a estrada N-525, e pola estrada que ven de Vilaza e conecta coa autovía A-52. A estrada que leva a Infesta tamén é apta para o uso de vehículos.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Albarellos, Monterrei.
-
Igrexa parroquial de Santiago de Albarellos
-
Casa en Albarellos
-
Fonte
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Albarellos
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia de Albarellos no concello de Monterrei (Ourense) | |
---|---|
Parroquias de Monterrei
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Echard, L.; Vegas, A.: Diccionario geográfico universal. Tomo I. Madrid, 1795.
- ↑ S.B.M.F.C.L.D.: Diccionario Geográfico Universal dedicado a la Reina Nuestra Señora. Vol. I. Barcelona, 1834.
- ↑ INE
- ↑ "Consellería de Medio Rural". Arquivado dende o orixinal o 29 de xaneiro de 2011. Consultado o 23 de xullo de 2020.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Albarellos, Albarellos, Monterrei |