Posthumanidade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Post-humanidade»)

Posthumanidade é un concepto orixinado nos campos da ficción científica, a futuroloxía, a arte contemporánea e a filosofía, que literalmente significa "persoa ou entidade que existe nun estado alén do ser humano". O concepto concita cuestións de ética e xustiza, linguaxe e comunicación trans-específica, sistemas sociais, e as aspiracións intelectuais da interdisciplinariedade. O "posthumanismo" non se debe confundir co "transhumanismo" (a mellora nanobiotecnolóxica dos humanos) e coas definicións limitadas do posthumano como a esperada transcendencia da materialidade.

Posthumanismo[editar | editar a fonte]

En teoría crítica o posthumano é un ser hipotético que representa ou procura reconcibir o humano. É o obxecto da crítica posthumanista, que cuestiona criticamente o humanismo renacentista, unha rama da filosofía humanista que defende que a natureza humana é un estado universal do cal o ser humano emerxe; a natureza humana é autónoma, racional, capaz do libre albedrío, e unificado en si mesmo como cúspide da existencia. Así, a postura posthumana recoñece a imperfectibilidade e desunión dentro dun, e entende o mundo a través de perspectivas heteroxéneas mentres procura manter o rigor intelectual e a dedicación ás observacións obxectivas. É clave nesta práctica posthumana a habilidade de cambiar perspectivas de xeito fluído e manifestarse a través de diferentes identidades. O posthumano, para os teóricos críticos do tema, presenta unha ontoloxía emerxente e non estática; noutras palabras, o posthumano non é un individuo singular e definido, senón un que pode "chegar a ser", ou encarnar, distintas entidades, e comprender o mundo segundo perspectivas múltiples e heteroxéneas.[1]

Os discursos críticos arredor do posthumanismo non son homoxéneos, senón que de feito presentan unha serie de ideas contraditorias, e o mesmo termo é obxecto de discusión, cun dos dos máis prominentes autores asociados co posthumanismo, Manuel de Landa, lamentando o termo como "moi parvo".[2] A exposición das ideas de, por exemplo, Robert Pepperell, en The Posthuman Condition, e N. Katherine Hayles en How We Became Posthuman, baixo un mesmo termo, é claramente problemático debido a estas contradicións.

O posthumano identifícase a grandes trazos co "cyborg" de A Cyborg Manifesto de Donna Haraway.[3][4] O concepto de cyborg de Haraway é unha versión irónica das concepcións tradicionais de cyborg, invertendo o tradicional tropo do cyborg cuxa presenza vén cuestionar a prominente diferenza entre humanos e robots. O cyborg de Haraway sería, segundo moitos puntos de vista, unha versión "beta" do posthumano, pois a súa teoría cyborg levou a que a teoría crítica se ocupase do tema.[5]

Seguindo a Haraway, Hayles, cuxo traballo está na base de gran parte do discurso posthumano crítico, asevera que o humanismo liberal, que separa mente e corpo, facendo do corpo unha "envoltura" ou vehículo para a mente, faise progresivamente máis complicado a finais do século XX e no XXI, porque a tecnoloxía da información pon en cuestión o corpo humano. Hayles mantén que debemos ser conscientes dos avances na tecnoloxía da información ao tempo que entendemos a información como "incorpórea", isto é, algo que, fundamentalmente, non pode substituír o corpo humano, senón que pode ser unicamente incorporado nel e nas prácticas da vida humana.[6]

Trans-humanismo[editar | editar a fonte]

Definición[editar | editar a fonte]

De acordo cos pensadores trans-humanistas, un posthumano é un hipotético ser futuro "cuxas capacidades básicas exceden tan radicalmente as dos actuais humanos como para non se poder considerar humano de xeito unívoco segundo os patróns vixentes".[7]

Métodos[editar | editar a fonte]

Os posthumanos poderían ser intelixencias artificiais completamente sintéticas, ou unha simbiose de humano e intelixencia artificial, ou consciencias transferidas, ou o resultado de aplicar a un humano biolóxico moitas melloras tecnolóxicas pequenas pero con efecto acumulativo, isto é, un cyborg. Algúns exemplos disto último poden ser o redeseño do organismo humano usando nanotecnoloxía molecular ou melloras radicais usando combinacións de tecnoloxías como a enxeñería xenética, a psicofarmacoloxía, as terapias de prolongamento da vida, interfaces cerebro-computador, ferramentas avanzadas de manexo da información, fármacos de mellora da memoria, computadores vestíbeis ou implantados, e técnicas cognitivas.[7]

Futuro posthumano[editar | editar a fonte]

Tal como se usa neste artigo, "posthumanidade" non se refire necesariamente a un hipotético futuro onde os humanos se extinguiron ou desapareceron da Terra dalgún outro xeito. O mesmo que as especies derivan unha doutra, tanto humanos como posthumanos poderían coexistir. Porén, o escenario apocalíptico semella ser un punto de vista compartido por unha minoría de trans-humanistas, como Marvin Minsky e Hans Moravec, que se poderían considerar misántropos, polo menos en canto á humanidade no seu estado actual. Pola contra, outros, como Kevin Warwick, defenden a probabilidade de que humanos e posthumanos coexistan, pero cunha predominancia destes na sociedade, debido ás súas superiores capacidades.[8] Recentemente algúns académicos teñen comezado a especular que o posthumanismo proporciónanos unha análise alternativa do cinema e a literatura apocalípticas, e así vampiros, lobishomes e mesmo zombis pasan a se considerar potenciais formas evolutivas do humano.[9]

Moitos autores de ficción científica, como Greg Egan, H.G. Wells, Bruce Sterling, Frederik Pohl, Greg Bear, Charles Stross, Neal Asher, Ken MacLeod e autores do proxecto Orion's Arm,[10] teñen escrito traballos ambientados en futuros posthumanos.

O Deus posthumano[editar | editar a fonte]

Unha variación do tema posthumano é a noción dun "Deus posthumano": a idea de que os posthumanos, xa non confinados aos parámetros da natureza humana, poderían adquirir tal poder físico e mental como para semellar seres divinos segundo os actuais patróns humanos.[7] Esta noción non se debería interpretar como relacionada coa idea representada nalgunhas obras de ficción científica de que unha especie suficientemente avanzada pode "ascender" a un plano de existencia superior. Máis ben significa soamente que algúns seres posthumanos poden chegar a un grao tal de sofisticación intelectiva e tecnolóxica que o seu comportamento non sería comprensíbel aos humanos actuais, simplemente por causa da súa intelixencia e imaxinación limitadas.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Haraway, Donna J, "Situated Knowledges" en Simians, Cyborgs, and Women. Routledge, Nova York: 1991
  2. "CTheory.net". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2015. Consultado o 11 de maio de 2015. 
  3. "Texto completo de A Cyborg Manifesto en inglés". Arquivado dende o orixinal o 28 de febreiro de 2011. Consultado o 28 de febreiro de 2011. 
  4. Texto de A Cyborg Manifesto en español
  5. Haraway, Donna J, Simians, Cyborgs, and Women. Routledge, Nova York: 1991. "A Cyborg Manifesto" apareceu orixinalmente en Socialist Review en 1985.
  6. Hayles, N. Katherine (1999). How We Became Posthuman: Virtual Bodies in Cybernetics, Literature, and Informatics. University Of Chicago Press. ISBN 0-226-32146-0. 
  7. 7,0 7,1 7,2 World Transhumanist Association (2002–2005). "The transhumanist FAQ" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 31 de decembro de 2006. Consultado o 27 de agosto de 2006. 
  8. Warwick, K: “I,Cyborg”, University of Illinois Press, 2004
  9. Deborah Christie, Sarah Juliet Lauro, ed. (2011). Better Off Dead: The Evolution of the Zombie as Post-Human. Fordham Univ Press. p. 169. ISBN 0-8232-3447-9, 9780823234479
  10. Orion's Arm - Encyclopedia Galactica - Archailects
  11. Michael Shermer. Shermer's Last Law, Jan 2002

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]