Portal:Ourense/Artigo destacado/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A esmorga é unha novela tremendista escrita por Eduardo Blanco Amor, publicada en Buenos Aires en 1959 e en Galicia en 1970. Foi unha das primeiras novelas galegas de posguerra, e marcou un fito na historia da literatura galega. A súa repercusión nas xeracións posteriores levouna a ocupar un lugar destacado do canon literario. O libro foi traducido a varias linguas. A acción desenvólvese na cidade de Auria, representación de Ourense, con diversas referencias a espazos ourensáns reais.

A obra foi levada ao cine en dúas ocasións, a primeira delas co título de Parranda en 1977, con dirección de Gonzalo Suárez e guión do propio Blanco Amor; e a segunda, estreada no Festival de Cine Internacional de Ourense o 15 de novembro de 2014 co título A esmorga, con dirección de Ignacio Vilar.

Tamén foi levada ao teatro en diversas ocasións. O grupo ourensán Sarabela Teatro realizou sendas montaxes en 1996 e 2010, sobre a adaptación que escribiron os dramaturgos Begoña Muñoz e Carlos Couceiro. Ambas as dúas montaxes recibiron premios María Casares de teatro.