Portal:Muller/Biografía destacada/6

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Fanny Bullock Workman, nada en Worcester, Massachusetts, o 8 de xaneiro de 1859 e finada en Cannes, Francia, o 22 de xaneiro de 1925, foi unha xeógrafa, cartógrafa, exploradora, escritora de viaxes e montañeira estadounidense, de forma notable no Himalaia. Foi unha das primeiras alpinistas profesionais femininas, e ademais de realizar exploracións escribiu varios libros sobre as súas viaxes. Marcou varios récords femininos de altitude, publicou oito libros de viaxe xunto ó seu esposo e promoveu os dereitos das mulleres e o sufraxio feminino.

Tras dar os seus primeiros pasos no montañismo en Nova Hampshire, Fanny viaxou por diversas partes do mundo xunto co seu home William Hunter Workman. Fanny non se consideraba unha muller de familia e víase a si mesma como unha "Nova Muller" que podía igualar a calquera home. Os Workman comezaron as súas viaxes realizando varias xiras en bicicleta por Suíza, Francia, Italia, España, Alxeria e India. Escribiron libros sobre cada unha das súas viaxes, nos que Fanny adoitaba comentar a situación das mulleres en cada lugar que visitaban.

Ao finalizar a súa viaxe en bicicleta pola India, a parella viaxou ata o Himalaia occidental e ata Karakorum, onde comezaron a realizar alpinismo de grande altitude. Os Workman exploraron varios glaciares e acadaron os cumios de varias montañas, chegando eventualmente ós 7 000 metros do pico Pinnacle, marcando un récord feminino de altitude naquela época.

Fanny Workman converteuse na primeira muller estadounidense en dar unha charla na Sorbona, e a segunda en falar na Royal Geographical Society. Recibiu numerosas medallas de honra de sociedades europeas xeográficas e de montañismo, e foi recoñecida como unha das montañeiras máis importantes da súa época. Naquel momento demostrou que unha muller podía escalar a grandes altitudes da mesma forma que un home, contribuíndo a eliminar a barreira de xénero no alpinismo.