Portal:Muller/Biografía destacada/Arquivo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aquí están todas as biografías destacadas no portal Muller:

1[editar a fonte]

Andrea Dworkin, nada en Camden, Nova Jersey, o 26 de setembro de 1946 e finada en Washington, D.C. o 9 de abril de 2005, foi unha ensaísta estadounidense, teórica do feminismo radical. Foi coñecida sobre todo pola súa crítica da pornografía, que comparou coa violación e outras formas de violencia contra as mulleres.

Militante antibelicista e achegada ao anarquismo de fins dos anos 1960, Dworkin escribiu máis dunha decena de libros sobre a teoría e a práctica do feminismo radical. A finais dos anos 1970 e 1980, gañou sona nacional como portavoz do movemento feminista antipornografía e polos seus escritos sobre pornografía e sexualidade, particularmente polos libros Pornography: Men Possessing Women (1979) e Intercourse (1987), as súas dúas obras máis coñecidas.

A súa personalidade e as súas posicións categóricas sobre a sexualidade e a pornografía foron admiradas e aplaudidas por numerosas feministas, así como tamén foron o punto de mira de críticas, sobre todo por parte de feministas liberais.


2[editar a fonte]

Angela Gheorghiu (nome real Angela Burlacu), nada o 7 de setembro de 1965 en Adjud (Romanía), é unha soprano romanesa. Dende o seu debut profesional en 1990 na Opera Națională Română din Cluj-Napoca en 1990 ten interpretado os papeis principais de numerosas óperas na Metropolitan Opera de Nova York, a Royal Opera House de Londres, a Wiener Staatsoper de Viena, o Teatro alla Scala de Milán, e moitos outros teatros de ópera de Europa e os Estados Unidos. Ten unha abundante discografía, principalmente cos selos EMI Classics e Decca, e é especialmente coñecida polas súas interpretacións de óperas de Giacomo Puccini, se ben é considerada a raíz das súas interpretacións de La traviata de Giuseppe Verdi como unha das mellores Violetta do mundo.

Gheroghiu casou, cando aínda era estudante, co enxeñeiro hidráulico Andre Gheorghiu, de quen tomou o apelido e conservou logo de divorciarse del por consello da súa discográfica. Posteriormente coñeceu ao tenor francés, coa que contraeu matrimonio en 1996, divorciándose del en 2009.


3[editar a fonte]

Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro, nada en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837 e finada en Padrón o 15 de xullo de 1885, é unha das meirandes escritoras en lingua galega así como tamén unha das principais responsábeis do Rexurdimento galego decimonónico. O 17 de maio, Día das Letras Galegas celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos.

Na actualidade, a figura de Rosalía de Castro e as súas creacións literarias continúan sendo obxecto dunha abondosa bibliografía e recibindo unha constante atención crítica, tanto no territorio galego como no estranxeiro.

É tal a aceptación e o interese que as obras desta escritora espertan no mundo, que nas últimas décadas os seus poemas foron traducidos a linguas como o francés, o alemán, o ruso ou o xaponés. O 24 de febreiro de 2015, o Doodle Google estivo adicado a Rosalía de Castro, para conmemorar o 178 aniversario do seu nacemento.


4[editar a fonte]

María Amelia de Braganza, nada en París o 1 de decembro de 1831 e finada en Funchal (Madeira) o 4 de febreiro de 1853, foi unha princesa do Imperio do Brasil e membro da rama brasileira da casa de Braganza. Os seus pais foron o emperador Pedro I, primeiro rexente do Brasil, e Amelia de Leuchtenberg. Única filla do segundo matrimonio do seu pai, María Amelia naceu en Francia trala abdicación de Pedro I en favor do seu fillo Pedro II. Antes de que María Amelia cumprise un ano de idade Pedro I viaxou ata Portugal para restablecer a coroa da filla maior do seu primeiro matrimonio, María II, librando con éxito unha guerra contra o seu irmán Miguel I, quen usurpara o trono de María II.

Poucos meses trala súa vitoria Pedro I faleceu a causa dunha tuberculose. A nai de María Amelia levouna a Portugal, onde permaneceu a maior parte da súa vida sen chegar a visitar o Brasil. O goberno brasileiro non recoñeceu a María Amelia como membro da casa imperial do Brasil xa que nacera no estranxeiro, pero cando o seu medio irmán maior Pedro II foi declarado maior de idade en 1840, este interveu en favor de María Amelia con éxito.

Prometeuse co arquiduque Maximiliano de Austria a comezos do ano 1852, pero antes de que tivera lugar o matrimonio ela contraeu tuberculose e foi trasladada a vila de Funchal na illa portuguesa de Madeira. Malia o clima de saudable reputación que tiña aquel lugar, a saúde de María Amelia continuou deteriorándose, e faleceu o 4 de febreiro de 1853. O seu corpo foi levado ó continente e soterrado no panteón familiar do mosteiro de São Vicente de Fora. Uns 130 anos despois os seus restos trasladáronse ó Brasil. En conmemoración da súa filla, Amelia de Leuchtenberg financiou a construción do hospital "Princesa D. Maria Amélia" en Funchal. O prometido de María Amelia, Maximiliano, fixo unha peregrinación ata o Brasil e Madeira, viaxe que influíu na súa aceptación do trono de México en 1864.


5[editar a fonte]

Nadezhda Konstantínovna Krúpskaia (en ruso: Наде́жда Константи́новна Кру́пская), nada en San Petersburgo o 14 de febreiroxul./ 26 de febreiro de 1869greg. e finada en Moscova o 27 de febreiro de 1939, máis coñecida como Nadia Krúpskaia, foi unha escritora, pedagoga e revolucionaria rusa, recoñecida figura do Partido Comunista da Unión Soviética. Foi unha das principais responsables da creación do sistema educativo soviético e pioneira do desenvolvemento das bibliotecas rusas. O seu esposo foi o revolucionario bolxevique Vladimir Ilich Ulianov, coñecido como Lenin.

Malia a penuria económica que sufriu a familia ao falecer o seu pai en 1883, logrou completar a súa educación nun prestixioso ximnasio feminino da capital rusa. Permaneceu como profesora nesta institución ata 1891. Convertida ao marxismo a comezos da década, ingresou no Grupo para a Loita pola Emancipación da Clase Obreira, onde coñeceu a Lenin en 1894. Detida en agosto de 1896 como outros membros deste, en 1897 aceptou cumprir a súa condena de exilio interior xunto a Lenin en Siberia, para o que tivo que casar con el por imposición das autoridades rusas. En abril de 1898, partiu a Siberia, onde se converteu en esposa e colaboradora de Lenin.

Máis tarde pasou ao exilio en Europa occidental e converteuse en secretaria da publicación socialista Iskra e logo na do comité central do Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia. No exilio escribiu algunhas obras sobre educación.

Trala Revolución de Outubro, obtivo importantes cargos no Ministerio de Educación. A partir de maio de 1922, con Lenin doente, reduciu o seu traballo no ministerio para atendelo. Parte da oposición política a Stalin a mediados da década, finalmente uniuse a el na campaña contra a oposición interna do partido. Mantívose como vicecomisaria de Educación entre 1919 e 1939 e como membro do comité central do partido entre 1927 e 1939, ano no que faleceu.


6[editar a fonte]

Fanny Bullock Workman, nada en Worcester, Massachusetts, o 8 de xaneiro de 1859 e finada en Cannes, Francia, o 22 de xaneiro de 1925, foi unha xeógrafa, cartógrafa, exploradora, escritora de viaxes e montañeira estadounidense, de forma notable no Himalaia. Foi unha das primeiras alpinistas profesionais femininas, e ademais de realizar exploracións escribiu varios libros sobre as súas viaxes. Marcou varios récords femininos de altitude, publicou oito libros de viaxe xunto ó seu esposo e promoveu os dereitos das mulleres e o sufraxio feminino.

Tras dar os seus primeiros pasos no montañismo en Nova Hampshire, Fanny viaxou por diversas partes do mundo xunto co seu home William Hunter Workman. Fanny non se consideraba unha muller de familia e víase a si mesma como unha "Nova Muller" que podía igualar a calquera home. Os Workman comezaron as súas viaxes realizando varias xiras en bicicleta por Suíza, Francia, Italia, España, Alxeria e India. Escribiron libros sobre cada unha das súas viaxes, nos que Fanny adoitaba comentar a situación das mulleres en cada lugar que visitaban.

Ao finalizar a súa viaxe en bicicleta pola India, a parella viaxou ata o Himalaia occidental e ata Karakorum, onde comezaron a realizar alpinismo de grande altitude. Os Workman exploraron varios glaciares e acadaron os cumios de varias montañas, chegando eventualmente ós 7 000 metros do pico Pinnacle, marcando un récord feminino de altitude naquela época.

Fanny Workman converteuse na primeira muller estadounidense en dar unha charla na Sorbona, e a segunda en falar na Royal Geographical Society. Recibiu numerosas medallas de honra de sociedades europeas xeográficas e de montañismo, e foi recoñecida como unha das montañeiras máis importantes da súa época. Naquel momento demostrou que unha muller podía escalar a grandes altitudes da mesma forma que un home, contribuíndo a eliminar a barreira de xénero no alpinismo.


7[editar a fonte]

Vera Ivanovna Zasulich (en ruso: Ве́ра Ива́новна Засу́лич), nada en Mikhailovka (provincia de Smolensk) o 27 de xulloxul./ 8 de agosto de 1849greg. e finada en Petrogrado o 8 de maio de 1919, foi unha escritora e revolucionaria marxista, membro fundador do Grupo para a Emancipación do Traballo.

Nada nunha familia nobre empobrecida, frecuentou durante os seus estudos en Petrogrado os ambientes revolucionarios estudantís. Foi encarcerada en 1869 por manter correspondencia co líder nihilista e anarquista Sergei Netchaev. Trala súa excarceración en 1871, estabeleceuse en Kíiv, onde contactou con Insurxentes de Kíiv, un grupo revolucionario de seguidores de Mikhail Bakunin, chegando a converterse nunha líder respectada.

En 1878, Zasulich e a revolucionaria social María Kolenkina planearon asasinar Vladislav Zhelekhovski, un promotor famoso polos seus procesos contra a militancia revolucionaria, e o coronel Teodor Trepov, gobernador de Petrogrado, que era coñecido por proscribir as rebelións polacas en 1830 e 1863. O atentado contra Zhelekhovski resultou infrutuoso, mais Zasulich conseguiu ferir gravemente Trepov. Foi atrapada, mais no seu amplamente difundido proceso, un xurado favorable a ela declarouna inocente...


8[editar a fonte]

Amy Jade Winehouse, nada en Londres, Inglaterra o 14 de setembro de 1983 e finada na mesma cidade o 23 de xullo de 2011, máis coñecida simplemente como Amy Winehouse, foi unha cantante e compositora inglesa recoñecida polo seu alcance vocal contralto, descrito como "acusticamente poderoso" e capaz de expresar "profunda emoción", destacando pola mestura ecléctica de xéneros musicais, incluíndo soul, rhythm and blues, jazz e reggae.

O seu álbum de debut do ano 2003 Frank foi valorado positivamente pola crítica especializada e foi comercialmente un éxito no seu país natal, o Reino Unido, e foi candidato ó premio Mercury Prize. O seguinte álbum de Winehouse do ano 2006, Back to Black, levou cinco premios Grammy, igualando naquel entón a marca de maior número de triunfos nunha única noite para unha artista feminina, e foi a primeira muller británica en gañar cinco premios Grammy...


9[editar a fonte]

Rebecca Clarke, nada o 27 de agosto de 1886 en Londres (Inglaterra) e finada o 13 de outubro de 1979 na cidade de Nova York (Estados Unidos), foi unha compositora e violista coñecida especialmente pola súa produción camerística para viola. Nada no borough londiniense de Harrow, estudou na Royal Academy of Music e no Royal College of Music de Londres, posteriormente converteuse nunha das primeiras mulleres en tocar en orquestras profesionais. Sorprendida polo inicio da segunda guerra mundial nos Estados Unidos, estableceuse de xeito permanente na cidade de Nova York e casou co compositor e pianista James Friskin en 1944. Clarke morreu na súa casa de Nova York aos 93 anos de idade.

Aínda que Clarke escribiu pouco, en parte polas súas ideas sobre o rol da muller compositora, a súa obra foi recoñecida pola súa mestría. A maioría das súas obras aínda non foron publicadas (ou foron publicadas recentemente), e foron esquecidas durante moito tempo despois de que deixara de compoñer. O estudo e o interese nas súas composicións reviviu en 1976. A Rebecca Clarke Society creouse no ano 2000 para promover o estudo e a interpretación da súa música...


10[editar a fonte]

Kathleen Mary Ferrier, CBE, nada en Blackburn (Inglaterra) o 22 de abril de 1912 e finada en Londres o 8 de outubro de 1953, foi unha contralto británica. Acadou reputación internacional como cantante escénica, de concerto, así como polas súas gravacións, cun repertorio que se estendía dende a canción tradicional e as baladas populares ata as obras clásicas de Bach, Brahms, Mahler e Elgar. A súa morte por cancro, no momento álxido da súa carreira, causou un forte impacto no mundo musical e especialmente no público, que non coñeceu a natureza da súa enfermidade ata despois da súa morte. Foi especialmente coñecida no Reino Unido pola súa gravación da canción tradicional de Northumbria Blow the Wind Southerly, que foi emitida frecuentemente na BBC Radio durante moitos anos despois da súa morte.

Filla dun mestre de escola dunha pequena vila de Lancashire, Ferrier amosou axiña talento como pianista e gañou numerosos concursos de piano a nivel afeccionado mentres traballaba como telefonista na General Post Office. Non comezou a adicarse en serio á canción ata 1937, cando despois de gañar un concurso de canto no Festival de Carlisle comezou a recibir ofertas para cantar profesionalmente. Despois diso tomou clases de canto, primeiro con J. E. Hutchinson e posteriormente co barítono Roy Henderson...


11[editar a fonte]

Jane Marian Joseph, nada o 31 de maio de 1894 en Londres (Inglaterra) e finada na mesma cidade o 9 de marzo de 1929, foi unha compositora, arranxadora e profesora de música inglesa. Foi alumna e posteriormente compositora asociada de Gustav Holst, e estivo estreitamente implicada na organización e na xestión de varios festivais de música que Holst patrocinou. Moitas das súas obras foron compostas para ser interpretadas nestes festivais e en ocasións similares. A súa morte prematura, que impediu a plena realización do seu talento, foi considerada polos seus contemporáneos como unha perda considerable para a música inglesa.

Holst foi o primeiro en observar o potencial de Joseph cando estaba a ensinarlle composición na St Paul's Girls' School. Comezou a actuar como a súa copista en 1914, cando estaba a compoñer The Planets, a súa especial responsabilidade era a preparación da partitura do movemento "Neptune". Continuou a asistir a Holst con transcricións, arranxos e traducións, e foi a súa libretista para o ballet coral The Golden Goose. Durante a súa breve vida profesional converteuse en membro activo da Society of Women Musicians, foi a principal promotora do primeiro Kensington Musical Competition Festival, e axudou a fundar a Kensington Choral Society. Tamén ensinou música en escolas femininas, onde a filla de Holst, Imogen, foi unha das súas alumnas, e converteuse nunha das figuras máis importantes na vida musical do Morley College...


12[editar a fonte]

Rosa Luxemburg (en polaco: Róża Luksemburg), nada en Zamość (Imperio Ruso) o 5 de marzo de 1871 ou 1870, e finada en Berlín o 15 de xaneiro de 1919, foi unha militante socialista, teórica marxista e feminista polaca de orixe xudía, nacionalizada alemá.

Foi membro do partido da Socialdemocracia do Reino de Polonia e Lituania (SDKPiL), do Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD), do Partido Independente Socialdemócrata de Alemaña (USPD) e do Partido Comunista de Alemaña (KPD).

En 1915, debido ao apoio prestado polo SPD á participación alemá na primeira guerra mundial, ela, xunto con Karl Liebknecht fundaron a Liga Espartaquista (Spartakusbund) que posteriormente se convertería no Partido Comunista Alemán.

Durante a Revolución Alemá de 1918 fundou o xornal Die Rote Fahne (A Bandeira Vermella), que se converteu no órgano central do movemento espartaquista...


13[editar a fonte]

Prudencia Eugenia Juana Osterberger Luard, coñecida simplemente como Eugenia Osterberger, nada en Santiago de Compostela o 20 de decembro de 1852 e finada en Niza o 8 de febreiro de 1932, foi unha compositora galega do romanticismo. Filla dunha coruñesa e un gravador e litógrafo alsaciano, Eugenia Osterberger pronto amosou interese pola música, aprendendo dende nena a tocar o piano. Anos despois do seu regreso de formarse en Francia casou co enxeñeiro francés Francisco Saunier e instalouse na cidade da Coruña. Na cidade herculina Osterberger mantivo relación non só con destacadas personalidades da música galega do seu tempo, senón tamén da literatura, como Emilia Pardo Bazán, integrándose na sociedade El Folk-Lore Gallego, que presidía a propia Emilia. Polas súas achegas no campo da música foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega cando esta se fundou en 1906. En 1908 trasladouse coa súa familia á cidade de Niza, onde residiu ata a súa morte...


14[editar a fonte]

Mary Wollstonecraft, nada en Spitalfields, Londres o 27 de abril de 1759 e finada o 10 de setembro de 1797, foi unha filósofa, escritora inglesa e defensora dos dereitos das mulleres. Durante a súa breve carreira, escribiu novelas, tratados, unha narración de viaxe, unha historia da Revolución Francesa, un manual de conduta e un libro para a mocidade. Wollstonecraft é coñecida por Vindicación dos dereitos da muller (1792), onde argumenta que as mulleres non son naturalmente inferiores aos varóns, mais semellan selo porque non reciben a mesma educación. Ela suxire que tanto varóns coma mulleres deben ser tratados como seres racionais e imaxina unha orde social fundada pola razón. Con esta obra estableceu as bases do feminismo moderno e converteuna nunha das mulleres máis populares de Europa da época.

Ata finais do século XX, a vida de Wollstonecraft, que abranguía varías relacións persoais non convencionais, recibía máis atención ca a súa obra. Despois de dous maos asuntos con Henry Fuseli e Gilbert Imlay (con quen tivo unha filla, Fanny Imlay), casou co filósofo William Godwin, un dos devanceiros do movemento anarquista. Wollstonecraft finou á idade de 38 anos, once días despois de dar a luz a súa segunda filla, ficando atrás varios manuscritos inacabados...


15[editar a fonte]

Clara Langhorne Clemens Samossoud, anteriormente Clara Langhorne Clemens Gabrilowitsch, nada en Elmira (Nova York) o 8 de xuño de 1874 e finada en San Diego (California) o 19 de novembro de 1962, foi unha cantante estadounidense, filla do escritor Samuel Clemens, máis coñecido como Mark Twain. Foi contralto de concerto e, como única filla supervivente do seu pai, xestionou a súa herdanza e preservou o seu legado despois da súa morte. Casou dúas veces, a primeira co pianista ruso-estadounidense Ossip Gabrilowitsch, e logo (despois da morte de Gabrilowitsch) con Jacques Samossoud. Escribiu biografías de Gabrilowitsch e do seu pai. Ao final da súa vida converteuse en científica cristiá.

Clara foi a segunda das tres fillas nadas do matrimonio de Samuel Clemens e a súa muller Olivia Langdon Clemens en Elmira, Nova York. A súa irmá maior, Susy, morreu cando Clara tiña 22 anos. O seu único irmán, Langdon, morreu sendo aínda un bebé antes de que ela nacese. A súa irmá pequena foi Jean. Clara tivo un grave accidente de pequena, cando baixaba nunha zorra acabou sendo lanzada contra un gran carballo. Isto provocou unha grave lesión na perna que case provocou a súa amputación...


16[editar a fonte]

Maria Goeppert-Mayer, nada en Katowice o 28 de xuño de 1906 e finada en San Diego (California) o 2 de febreiro de 1972, foi unha física estadounidense de orixe alemá que recibiu o Premio Nobel de Física en 1963 pola proposta do modelo nuclear de capas do núcleo atómico. Foi a segunda muller en recibir este premio, tras Marie Curie.

Graduada pola Universidade de Gotinga, escribiu o seu doutoramento sobre a teoría da posible absorción de dous fotóns dos átomos. Nesa época as posibilidades de verificar de forma experimental esa tese eran remotas, pero grazas o desenvolvemento posterior do láser esta teoría puido ser verificada. Por isto, a unidade de medida para a sección cruzada de absorción de dous fotóns coñécese co nome de unidade Goeppert Mayer (GM).

En 1930 casou con Joseph Edward Mayer e trasladouse ós Estados Unidos de América, onde traballou como profesora asociada da Universidade Johns Hopkins. As estritas normas en contra do nepotismo da universidade non lle permitían ser membro da facultade, pero traballou como asistenta e publicou un estudo sobre o decaemento beta dobre no ano 1935...


17[editar a fonte]

Isabella Augusta Gregory (nada Persse), máis coñecida coma Lady Gregory, nada en Roxborough, Galway o 15 de marzo de 1852 e finada o 22 de maio de 1932, foi unha dramaturga, folclorista e directora de teatro irlandesa. Xunto a William Butler Yeats e Edward Martyn co-fundou o Teatro Literario de Irlanda e o Abbey Theatre, escribindo gran cantidade de obras curtas para ámbalas dúas compañías. Lady Gregory produciu unha serie de libros de recontos de historias tomadas da mitoloxía irlandesa. Nada baixo o seo dunha familia burguesa pro-británica, rebelouse contra ela. A súa conversión ó nacionalismo cultural, evidenciada polas súas obras, considérase emblemática de moitas das loitas políticas que tiveron lugar en Irlanda durante o seu período.

Lady Gregory encadrouse dentro do movemento coñecido coma o renacemento literario irlandés. O seu fogar en Coole Park no condado de Galway serviu de lugar de reunión para algunhas das figuras principais deste renacemento, e o seu traballo inicial coma membro da directiva do Abbey Theatre está considerado tan importante coma as súas obras creativas para o propio desenvolvemento do teatro...