Portal:Italia/Biografía destacada/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Michelangelo di Lodovico Buonarroti Simoni, coñecido xeralmente como Michelangelo ou Miguel Anxo, nado o 6 de marzo de 1475 en Caprese Michelangelo, e finado o 18 de febreiro de 1564 en Roma, foi un escultor, arquitecto, pintor e poeta do Renacemento italiano, considerado un dos máis grandes artistas da historia da arte de Occidente, tanto polas súas esculturas coma polas súas pinturas e a súa obra arquitectónica. Desenvolveu o seu labor artístico ao longo de máis de setenta anos entre Florencia e Roma, que era onde vivían os seus grandes mecenas, a familia Medici de Florencia, e os diferentes papas romanos.

Triunfou en todas as artes nas que traballou, caracterizándose polo seu perfeccionismo. A escultura, segundo declarara, era a súa arte predilecta e a primeira á que se dedicou; a continuación, a pintura, case como unha imposición por parte do papa Xulio II, e que se concretou nunha obra excepcional e magnífica, a bóveda da capela Sistina; e xa nos seus últimos anos dedicouse a diversos proxectos arquitectónicos.

Michelangelo é famoso principalmente pola creación dos frescos do teito da capela Sistina, un dos traballos máis extraordinarios de toda a arte occidental, e tamén polo Xuízo final, e o A crucifixión de San Pedro e a Conversión de San Paulo na capela Paulina do Vaticano. Entre as súas moitas esculturas cóntanse a Piedade e o David, tamén elas sublimes obras mestras, e maila Virxe, o Baco, o Moisés, a Raquel, a Lea, e estatuas de membros da familia Medici. Foi tamén el quen concibiu a cúpula da basílica de San Pedro en Roma.