Portal:Celtas/Lugar de interese/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Gallaecia foi unha provincia romana do noroeste da Península Ibérica que ía da Lusitania no sur até a Terraconense polo leste. Abranguía o que hoxe é a comunidade autónoma de Galicia, o norte de Portugal e as provincias españolas de Asturias, León e Zamora. As súas capitais estaban en Bracara Augusta (Braga), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga).

Os romanos déronlle o nome de Gallaecia ao noroeste da Península Ibérica polos callaeci, que constituían unha amálgama de pobos máis ou menos celtizados que vivían entre o Douro e o Miño, que os romanos coñecen por vez primeira coa chegada de Décimo Xunio Bruto ao norte do río Douro no 139 a. C. Décimo Xunio Bruto, quen recibiu o sobrenome de Galaicus, continuou a súa expedición cara ao norte, sometendo ós pobos castrexos, ata chegar ó río Limia, considerado o Lethes ou río do esquecemento. Alí vence a superstición e continúa ata o río Miño onde se detivo. Como resultado deste primeiro acercamento o territorio costeiro entre o Douro e o Miño quedou explorado e sometido, mal que ben, a control romano. A partir de entón a sociedade indíxena galaica comeza a recibir influxos romanos, realizando xa intercambios comerciais directamente con Roma.