Saltar ao contido

Polinices

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Antígona e o corpo de Polinices

Polinices (grego antigo: Πολυνείκης), na mitoloxía grega, era fillo de Edipo e Iocasta (ou de Euriganía, segundo algunhas versións) e irmán de Etéocles, Antígona e Ismene. Cando o seu pai morreu, o seu irmán Etéocles e el encerelláronse nunha guerra en que se deron morte entre si. O seu tío Creonte, irmán de Iocasta, proclamouse rei de Tebas. Este deu orde de non sepultar o cadáver de Polinices pola súa traizón a Tebas, mais Antígona, irmá deste, desobedeceuno.

Maldición de Edipo aos seus fillos

[editar | editar a fonte]

Cando Edipo descubriu que casara coa súa propia nai, Iocasta, maldixo os seus fillos varóns, Polinices e Eteocles. Desexoulles que loitasen entre eles polo reino de Tebas ou, segundo outra versión, que se matasen un ao outro. Polinices e Etéocles repartiron Tebas pactando que cada un reinaría alternativamente durante un ano. Durante o ano que non estivesen no trono, deberían marchar da cidade para tentar evitar a maldición do pai.

Tras un ano de reinado de Etéocles, este negouse a cumprir o pacto e cederlle o trono ao seu irmán. Os motivos desta negativa son diversos, segundo diferentes versións. Adóitase dicir que Etéocles, sinxelamente, negouse a respectar o pacto. Porén, segundo Helánico de Mitilene, Etéocles pactara co irmán escoller entre o trono ou varios tesouros, entre eles o colar e o peplo de Harmonía, e que Polinices escollera o tesouro.

Polinices en Argos

[editar | editar a fonte]

Expulsado de Tebas, Polinices refuxiouse en Argos. Chegou ao palacio de Adrasto ao mesmo tempo que Tideo, quen fora desterrado de Etolia. Esta circunstancia causou unha loita entre eles que foi detida finalmente por Adrasto. O rei recibira un oráculo polo cal casaría as súas dúas fillas cun león e un xabaril. Daquela, decidiu que Deípile casaría con Tideo, e Arxía, con Polinices (pois Polinices vestía unha pel de león e Tideo, a dun xabaril). Polinices tivo con Arxía varios fillos: Tersandro, Timia e Alastor.

Tras coñecer as súas historias, Adrasto prometeu a Polinices e a Tideo restituílos nos tronos dos seus respectivos reinos.

Expedición dos sete contra Tebas

[editar | editar a fonte]

Adrasto formou un exército para tomar Tebas comandado por sete caudillos, coñecido como Os sete contra Tebas.[1] Un deles, Anfiarao, negábase a formar parte da expedición, pois era adiviño e sabía que ía morrer na expedición. Porén, Polinices subornou a Erifila, a súa esposa, co colar de Harmonía, para que decidise nunha arbitraxe que o seu esposo tomaría parte na expedición. Durante a marcha a Tebas, realizáronse uns xogos fúnebres na honra de Arquémoro, un neno que morrera accidentalmente mordido por unha serpe e nos que Polinices logrou a vitoria na proba do puxilato. Durante o asedio a Tebas, Polinices atacou a porta que defendía o seu irmán Etéocles e, nun reto, déronse morte un ao outro.

Sepultura do corpo de Polinices

[editar | editar a fonte]

Creonte, que pasou a ocupar o trono de Tebas, prohibiu que o corpo de Polinices fose sepulto por pelexar contra a súa propia patria. Con todo, a súa irmá Antígona desobedeceu e deulle sepultura. Antígona foi condenada a ser encerrada viva nunha tumba, onde morreu. Noutra versión, foi salvada polo seu prometido, Hemón.[2]

  1. Kury 1999, p. 333
  2. HIGINO: Fabulae 72.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Apolodoro: Biblioteca mitológica III,6-7.
  • GRIMAL, Pierre (1981). Diccionario de mitología griega y romana (en castelán). Barcelona: Paidós. ISBN 84-7509-166-0. 
  • Hixino: Fabulae, 72.
  • Ruiz de Elvira, Antonio (1982). Mitología clásica (en castelán). Madrid: Gredos. ISBN 84-249-0204-1. 
  • Kury, Mario da Gama (1999). "Polinices". Dicionário da Mitologia Grega e Romana (en portugués). Sao Paulo: Zahar. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]