Peixe pau

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Peixe pau
Molva dypterygia
Blauleng.jpeg
Peixe pau
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Infrafilo: Gnathostomata
Superclase: Osteichthyes
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Orde: Gadiformes
Familia: Lotidae
Xénero: Molva
Especie: M. dypterygia
Nome binomial
Molva dypterygia
Pennant, 1784
Sinonimia
  • Gadus dypterygius Pennant, 1784
  • Molva dypterygia dypterygia (Pennant, 1784)
  • Molva dipterygius (Pennant, 1784)
  • Gadus abyssorum Nilsson, 1832
  • Molva abyssorum (Nilsson, 1832)

O peixe pau,[1][2] Molva dypterygia, tamén coñecida como maruca azul,[3] é un peixe osteíctio da orde dos gadiformes e familia dos lótidos, que vive nas costas do Atlántico norte.

Esta especie, descrita por Pennant en 1784 (como Gadus dypterygius), vive nas primeiras capas das augas profundas, polo que aínda é pouco coñecida. Ademais, é unha das numerosas especies de peixes cuxas poboacións parece que diminúen rapidamente desde que, na década dos anos 1970, os arrastreiros pescan nas zonas onde os reprodutores se reúnen para a posta.

Moitas veces o peixe pau é confundido cunha especie moi semellante, Molva macrophthalma, a maruca do Mediterráneo,[3] de xeito que nalgunhas estatísticas sobre pesca, e en moitos mercados, estas marucas aparecen indistintamente cun ou outro nome.[4]

Características[editar | editar a fonte]

Anatomía[editar | editar a fonte]

Moi semellante á maruca, da que se diferenza pola forma do corpo, moito máis alongada, ademais pola mandíbula proxectada cara á adiante, superando ao maxilar superior.[5] Mide xeralmente de 70 a 110 cm de longo, pero a lonxitude máxima é de 155 cm.[6]

A cabeza é grande, así como os ollos, presentando unha única barbela no mento. Ten dúas aletas dorsais, a primeira pequena, triangular, e con de 10 a 12 raios; a segunda é longa, estendéndose desda a primeira até o pedúnculo caudal; a aleta anal é semellante á segunda dorsal, pero máis curta; as pectorais son estreitas e alongadas, e as pelvianas, situadas debaixo da cabeza, teñen o segundo raio máis longo que os outros. O corpo está cuberto de pequenas escamas e é de cor cobriza polo dorso, cos flancos de cor azul prateada e o ventre é abrancazado.[2]

Hábitat e bioloxía[editar | editar a fonte]

Vive en augas profundas, entre os 350 e os 500 m, aínda que se ten atopado entre os 200 e os 1 000 m. Aliméntase de crustáceos e de peixes (gobios, peixes planos e outros),[2] e de diversos invertebrados bentónicos.

Alcanza a madurez sexual entre os 6 e os 12 anos de idade, reproducíndose de maio a xuño en fondos de 500 a 1 000 m.[2]

A súa área de distribución abarca gran parte do Atlántico norte, desde as costas do norte do Canadá (península do Labrador e a illa de Terranova, o sur de Groenlandia, Islandia o norte da península Escandinava e Rusia occidental, até as costas da península Ibérica, o norte de Marrocos e o Mediterráneo occidental, pasando polas cosas das illas Azores.[6][7]

En Galicia[editar | editar a fonte]

En Galicia varios autores rexistraron a súa presenza, como de Buen, en 1932, citándoa como M. elongata (un sinónimo de M. macrophthalma) ou Lozano e Rey, que a cita en Pontevedra en 1960 como M. macrophthalma; Fernández et al. (1978, 1979) e Fariña et al. (1983), e como M. dypterygia, en toda a plataforma continental galega en fondos de máis de 200 m, desde a desembocadura do Miño até Ribadeo.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rodríguez Solórzano et al. (1983)
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Rodríguez Villanueva et al. (1995)
  3. 3,0 3,1 Lahuerta e Vázquez (2000)
  4. Ver páxinas 17 a 23 da avaliación do 2008 do ICES ICES Advice 2008, Book 9.
  5. 5,0 5,1 Solórzano et al. (1983)
  6. 6,0 6,1 Icelandic Fisheries Arquivado 24 de setembro de 2013 en Wayback Machine..
  7. Mapa en FishBase.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingïue de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
  • Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]