Partido Agrario Republicano Autonomista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Partido Agrario Republicano Autonomista

O Partido Agrario Republicano Autonomista foi un pequeno partido liderado polo político galego Manuel Portela Valladares con especial implantación na provincia de Lugo que conseguiu un escano nas Cortes constituíntes de 1931 da República Española pola mesma provincia. Foi claramente herdeiro do agrarismo das dúas primeiras décadas do século XX de Galiza, posto que Portela Valladares xa tiña sido deputado polo distrito da Fonsagrada durante a Restauración en diferentes eleccións, combatendo ao caciquismo e defendendo os intereses agraristas, seguindo a liña de Solidaridad Gallega, do Directorio Antiforista de Teis, da Acción Gallega de Basilio Álvarez, da Liga Agrario-Redencionista e das Asembleas Agrarias.

Historia[editar | editar a fonte]

O partido tivo unha curta vida e non logrou agromar no resto do país coma herdeiro do agrarismo galego,[1] deste xeito non puido facer fronte aos dous grandes partidos republicanos de Galiza: a ORGA ou PRG, de Casares Quiroga, e o PRR, de Lerroux, que dominaron a política galega entre 1931 e 1936 xunto co PG de Bóveda e Castelao.

O PARA mantivo unha postura claramente autonomista e a prol do Estatuto, coincidindo cos galeguistas e cos sectores máis comprometidos coa autonomía da ORGA. Tan foi este talante autonomista que Portela Valladares foi un dos propostos a presidir a Xunta trala aprobación do Estatuto por sectores do galeguismo, ao ser visto como un home conciliador. Contaban cunha arma importante grazas ao seu líder: o xornal El Pueblo Gallego, o maior xornal do país na época.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El Pueblo Gallego, 26-5-1931, p. 9.