Liga Agrario-Redencionista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Liga Agrario-Redencionista
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]

A Liga Agrario-Redencionista, constituída en xuño de 1910 foi un grupo político galego.

Historia e características[editar | editar a fonte]

O 15 de xuño de 1910 desenvolveuse no Centro Gallego de Madrid un mitin que abriu unha serie de reunións do agrarismo galego na capital española. Entre os asistentes estaban os homes de Acción Gallega, Portela Valladares, Eduardo Vincenti e os dous principais orientadores do Directorio Antiforista de Teis, Prudencio Landín e Emilio Rodal. Nestes encontros Alfredo Vicenti suxeriu reunir os núcleos agrarios de Madrid e de Galicia para formar un gran partido que podería chamarse Partido Redencionista Agrario Gallego. A súa proposta foi reforzada por Rodal, que conseguiu que daquela xuntanza saíse a comisión elaboradora dos estatutos, integrada por Alfredo Vicenti, Portela Valladares, Eduardo Vincenti, Basilio Álvarez e Julián Estévez, presidente do Directorio de Teis.

Dúas semanas despois, con motivo da celebración dun banquete en homenaxe a Rodal no restaurante madrileño Labraña, constituíuse a Liga Agrario-Redencionista. Domiciliada provisionalmente no Centro Gallego de Madrid, tiña tres directores (Vicenti, Vincenti e Portela), un tesoureiro, un secretario (Basilio Álvarez) e seis vocais, a designar polas distintas asociacións agrarias. O seu programa limitábase á redención foral, que ocupaba a metade do breve manifesto redactado por Portela Valladares. As adhesións ao manifesto e á nova organización foron: o Directorio de Teis, as diversas sociedades antiforais, os lerrouxistas, os republicanos pontevedreses, a revista Acción Gallega, que actuou como o seu voceiro, e dos diarios republicanos El Liberal, El Radical e El País.

As súas accións parecían condenadas ao declive dende o primeiro momento, co que Eduardo Vincenti, xunto con outros deputados, presentou unha emenda sobre a cuestión foral á mensaxe da coroa, que a habilidade parlamentaria do presidente do Consello de Ministros, José Canalejas, neutralizou con promesas de tipo redencionista.

A Liga Agrario-Redencionista, con apoio do Directorio de Teis, dirixiu unha intensa campaña de axitación en Galicia con mitins por Pontevedra e Lugo, encabezada por Portela Valladares, que se erixiu en líder principal da Liga aínda que, cos seus duros ataques a Montero Ríos, acabou por expulsar dela os liberais. A perda do sector liberal compensouse, en certo modo, coa inclusión de novos disertadores, como Joaquín Núñez de Couto e Juan Amoedo Seoane (que xogaron despois un importante papel no movemento agrario galego). Pero a pesar diso a campaña de axitación directa finalizou en setembro de 1910.

A partir de entón sucedéronse as confirmacións da desfeita: o 20 de setembro desapareceu Acción Gallega; Emilio Rodal, presidente honorario e delegado xeral do Directorio de Teis, presentou a súa renuncia a ámbolos cargos debido ao esquerdismo antimonterista da organización; Prudencio Landín tamén se separou ante as divisións internas; e o liderado de Portela Valladares extinguiuse en novembro, cando Canalejas o nomeou gobernador civil de Barcelona. Ademais, a maioría das sociedades agrarias galegas receaba dos políticos da Liga. Todo isto fixo escindir o agrarismo e preparou a definitiva desintegración do Directorio de Teis.