Parque Natural de l'Alt Pirineu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
L'Alt Pirineu

A Pica d'Estats, o maior cumio de Cataluña
Marco Legal
Figura de Protección: Parque natural
Ano de constitución: 1 de agosto do 2003
Superficie: 69.850 hectáreas, incluíndo 478 hectáreas de reserva natural
Lexislación: Decreto 194/2003 do 1 de agosto
Datos de interese
País: España España
Provincias: Lleida
Concellos: Alins, Alt Àneu, Esterri d'Àneu, Esterri de Cardós, Farrera, La Gingueta d'Àneu, Lladorre, Llavorsí, Montferrer i Castellbò, Rialp, Soriguera, Sort, Tirvia, Vall de Cardós, Les Valls de Valira
Ríos:
Picos Pica d'Estats (3143 metros), Pic de Sotllo (3084 metros), Pic de Baborte (2938 metros), Monteixo (2902 metros),
Direccións de interese: Seu administrativa del Parc Natural, Carrer de la Riba, 1. 25595, Llavorsí, Lleida
Teléfonos: 973 622335, Fax: 973 622070

O Parque Natural de l'Alt Pirineu atópase nos Pireneos entre o Val de Arán e o Principado de Andorra en sentido leste-oeste, e entre Francia e o Prepireneo en sentido norte-sur. É o parque natural de maior extensión de toda Cataluña. A súa superficie esténdese por 15 municipios diferentes repartidos entre as comarcas do Alt Urgell e o Pallars Sobirà.

Valores naturais[editar | editar a fonte]

Case todo o parque está incluído na Rede Natura 2000 e tamén conta con dúas reservas naturais. Existen 6 hábitats declarados de interese comunitario prioritario, entre os cales atópase a única formación de Juniperus thurifera de Cataluña. Outros lugares de interese son a fraga de Virós, a Lagoa e o Pico da Mariola, o Ecomuseo do val de Aneu ou os pobos de Boldís Jussa e Boldís Sobirà. Ademais a importancia ecolóxica do parque vese reforzada porque limita con outras dúas áreas protexidas: o Parque Natural dos Valls del Comapedrosa en Andorra e co Parque Natural Rexional dos Pyrénées Ariégeoises en Francia.

Historia[editar | editar a fonte]

O parque natural combina as paisaxes alpinas de alta montaña pirenaica coas fragas e praderías. A paisaxe é froito de milleiros de anos da acción humana e da explotación dos recursos pola súa parte. As primeiras mostras de actividade humana transformadoras do medio remóntase 6.000 anos atrás que se van multiplicar na época romana coa explotación intensiva dos xacementos minerais da zona. Posteriormente na Idade Media a agricultura e a gandería desenvolvéronse en gran medida culminando no século XIX no máximo demográfico alcanzado na zona pirenaica. Posteriormente produciuse un descenso continuado na poboación ata os nosos días, onde a gandería e as actividades relacionadas co turismo rural e de aventura son as fontes principais de actividade económica da zona.

Orografía[editar | editar a fonte]

Dentro dos límites do parque atópase a Pica d'Estats, que con 3.143 metros de altitude é o meirande cumio de Cataluña. Porén existen outros cumios que sobresaen ou se achegan ós 3.000 metros. Estas montañas son froito do movemento chamado oroxenia alpina, ocasionado polo achegamento das placas tectónicas ibéricas e eurasiática. No lado oposto está o Santuario de Arboló coma punto máis baixo do parque con 600 metros. O clima do parque está condicionado polo relieve, namentres que nos fondos dos vales predomina un clima submediterráneo de tendencia continental nos cumios das montañas predomina o clima medio europeo alpino. Entre elas existen zonas de transición onde o clima pódese considerar coma subalpino. Ademais existen lagoas de montaña formadas pola sobreexcavación glacial. Estas lagoas son dun gran valor xeolóxico pola súa orixe e porque non foron afectadas pola construción de infraestruturas hidroeléctricas ou a introdución de especies exóticas.

Flora[editar | editar a fonte]

O Parque conta cunha gran riqueza de flora, téñense detectados ata 1.529 taxons, moitos deles estritamente protexidos. Pódense salientar 22 especies de flora amezadas ou moi raras, coma poden ser a junipecus thurifera, a hippuris vulgaris ou a cerinthe glabra. Outras especies destacábeis son a roseira silvestre (Rosa canina), o azafrán silvestre (Crocus Nudiflorus) e os Lirios, representados polas subespecies Martagon e Pyrenaicum. No parque dominan os elementos boreoalpinos, existindo fragas extensas, ben conservadas e maduras de piñeiro negro, piñeiro rubio e abeto. Porén, a faia escasa.

Fauna[editar | editar a fonte]

A fauna do parque natural componse de moitas e diversas especies, de feito téñense inventariado ata 257 vertebrados. Moitas delas dun grande interese científico por ser endémicas ou ben por estar en perigo de extinción. Así, pódese mencionar o oso pardo, a lagartiña pallaresa (endemismo pirenáico en perigo de extinción), o tritón pirenaico (tamén endémico) ou a pita do monte, que ten no parque a poboación máis ampla de toda a Península Ibérica. Consideradas de grande interese son as aves presentes no parque. Así atopamos a Choia de bico amarelo, o gabeador azul, o Pardal alpino (que sempre vive por enriba dos 2000 metros) ou o Moucho de Tengmalm descuberto no parque no 1983. Ademais as catro grandes aves necrófagas de Europa teñen presenza no parque: o quebraosos, o voitre negro, o voitre branco e o voitre leonado. Outras especies dun grande interese serían a lontra e o rebezo e o aguaneiro.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Parc Natural de L'Alt Pirineu. Editado pola Generalitat de Cataluña, Departament de Medi Ambient i Habitatge, ano 2.005.
  • Parc Natural de L'Alt Pirineu. Editorial Viena, Espais Naturals. Fotografías de Jordi Bas. Textos de Jordi Palau e Jordi Abella.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Web do Parque Natural de L'Alt Pirineu da Generalitat de Cataluña (en catalán)