Esta ópera, debido á súa curta duración, é representada e gravada xeralmente xunto con Cavalleria rusticana de Mascagni. Estas dúas óperas teñen en común que se centran na morte por celos amorosos. O prólogo de Pagliacci constitúe un verdadeiro manifesto do verismo musical, que pretendía converter a ópera nun abrupto "fragmento de vida" extraído da realidade social máis dura en contraposición aos excesos dos románticos. Este movemento, que procedía directamente do verismo literario italiano inspirado polo naturalismo francés de Émile Zola, afectou tamén á linguaxe musical, cunha continuidade narrativa asegurada pola orquestra e pola abolición das estruturas pechadas da ópera do decimonónica.
Pagliacci mostra o tráxico desenlace dun conflito amoroso. A acción −inspirada nun feito real que tivo que xulgar, como maxistrado, o pai de Leoncavallo− sitúase entre uns cómicos ambulantes que actúan nunha vila en Calabria, o día da Asunción da Virxe.