Saltar ao contido

Padroado da Cultura Galega do México

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Padroado da cultura galega de México»)
Padroado da Cultura Galega do México
Tipoasociación cultural
Data de fundación29 de xuño de 1953
PaísMéxico
editar datos en Wikidata ]

O Padroado da Cultura Galega do México foi unha asociación creada o 29 de xuño de 1953 coa finalidade de promover distintas iniciativas culturais relacionadas coa cultura galega.

O Padroado da Cultura Galega foi fundado por un grupo de galegos exiliados a México por causa da guerra civil española. Este grupo compartía un sentimento común de galeguidade, pois utilizaban o galego na súa vida diaria como instrumento de comunicación e instrumento literario en libros e revistas. O proxecto comezou como consecuencia dun chamamento feito por Roxelio Rodríguez de Bretaña, quen ocupou o posto de secretario na primeira xunta directiva, “aos bos e xenerosos”. A primeira directiva estivo presidida polo violinista Jesús Dopico Ferreiro. Entre os participantes do Padroado destacan o político e xornalista Luís Soto, o cineasta Carlos Velo, o político Manuel Porteiro, o avogado Xoán López Durá, o musicólogo Xesús Bal y Gay, o aviador Elixio Rodríguez e o médico Francisco Comesaña.

Existían dúas liñas dentro do Padroado: unha máis radical liderada por Luís Soto e outra non tan extremista.

O número de socios fundacionais da entidade era de apenas 44 e no ano 1954 acadáronse arredor de 300 afiliados[1].

Obxectivos

[editar | editar a fonte]

Os tres principais obxectivos do Padroado eran: a defensa da cultura galega, o estudo dos problemas culturais, sociais e económicos e a procura de posibles solucións e o fortalecemento dos lazos do pobo galego cos de España, Portugal e México[2].

Actividades

[editar | editar a fonte]

Para levar a cabo os obxectivos marcados realizaron diversas actividades.

Vieiros, revista do padroado da cultura galega do Mexico.

A revista Vieiros publicouse por primeira vez no 1959. Contou co deseño de Castelao, Arturo Souto, Carlos Maside, E. Gascón, Bartoli, Gironella e Ledo, baixo a dirección de Luís Soto, Carlos Velo, precursor da realización da revista, Elixio Rodríguez, Arturo Souto e o administrativo Xermán Raño. Nas publicacións coincidían exiliados de diferentes ideoloxías que fuxían do conformismo e do folclorismo.

Hora de Galicia foi unha emisión de radio de carácter divulgador que durou case 20 anos e que transmitía todos os domingos noticias, música galega e información cultural.

O libro Presencia de Galicia en México foi publicado polo Padroado en 1954. Simboliza unha evocación de Galicia e que constou de dous obxectivos moi diferentes: ofrecer algunhas das características do pobo galego e presentar un elenco de homes e mulleres que constitúen a honra de Galicia.

O Padroado tamén impartiu clases de Lingua e Literatura Galega, Xeografía e Historia de Galicia, Economía e Psicoloxía Social Galega, danza e gaita. Ademais organizou festas e romarías propias de Galicia.

Formaron unha banda de gaitas, un coro, un teatro galego experimental e ata un grupo de fútbol chamado Celta.

  1. Alonso Montero, Xesús (2007). Presencia de Galicia en México. Xunta de Galicia, Secretaría Xeral de Comunicación, D.L. ISBN 978-84-453-4527-6. 
  2. "O padroado da cultura galega de México - Condado de Salvaterra do Miño". Condado de Salvaterra do Miño - Galicia - España (en castelán). Consultado o 2016-04-04. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]