Ordenamento xurídico
O ordenamento xurídico (orde xurídica) é o conxunto de normas que rexen nunha determinada época e nun lugar determinado. No caso dos estados democráticos, o ordenamento xurídico está formado pola Constitución do Estado, que se edifica como a norma suprema, polos códigos de dereito público e privado, as leis (nos seus diversos tipos e clases), os regulamentos e outras regulacións menores en cantidade (que non en importancia), tales como os tratados, convencións etc.
Fai referencia a ese dereito obxectivo, é dicir, ao conxunto de normas polas que se rexe unha sociedade. Pódese definir como un conxunto sistemático de regras, principios ou directrices a través das cales se regula a organización da sociedade.
Notas e características
[editar | editar a fonte]O ordenamento xurídico caracterízase polo seguinte:
- Posúe unha estrutura elástica, é dicir, que os seus compoñentes están artellados e seleccionados ben de forma coordinada ou subordinados os uns aos outros
- Estrutura dinámica: xa que o ordenamento xurídico establece métodos de renovación.
- Posúe un método para detectar erros e contradicións.
- É pechado xa que non depende para a súa validez doutros sistemas.
Segundo o profesor Díez Picazo, o ordenamento xurídico é unha realidade orgánica, é dicir, non é un novo conxunto de normas senón que tamén son as formas de elaboración, desenvolvemento, aplicación e axuizamento.
O ordenamento xurídico caracterízase pola estatalidade das normas xa que estas son ditadas polos órganos aos que a constitución atribúe potestade normativa.
Outra característica é a unidade formal do ordenamento xurídico, é dicir, cada tipo de norma en función da súa fonte de produción vai ser igual ás que seguen a súa mesma forma aínda que o contido sexa distinto.
Outra característica do ordenamento xurídico é que é o resultado da harmonización de dúas ou tres ordes normativas: No caso do Estado Español: ordenamento estatal, ordenamento autonómico e ordenamento comunitario. No caso de estados federais como Estados Unidos, Brasil, México ou Canadá: ordenamento xurídico federal e ordenamentos xurídicos das entidades federativas.
Orixe
[editar | editar a fonte]Existen polo menos dúas concepcións da orixe do ordenamento xurídico:
- A corrente normativa,s egundo a cal o ordenamento é un conxunto de normas que se entenden e que se rexen de acordo cunha serie de xuízos de valor, crenzas e conviccións.
- A corrente institucional establece que o ordenamento xurídico está formado pola sociedade, polos mecanismos que producen aplican e garanten as normas, por todas as institucións e os criterios de aplicación.
O ordenamento xurídico como sistema
[editar | editar a fonte]Cando unha orde xurídica é un conxunto de normas que interactúan entre si e están interconectadas fálase de sistema xurídico. Segundo o xurista inglés da Universidade de Oxford, Herbert H. Hart, o dereito está formado por dous tipos de regras xurídicas: as regras xurídicas primarias que impoñen obrigas de conduta (por exemplo, a regra segundo a cal é obrigatorio pagar impostos), mentres que as regras xurídicas secundarias confiren potestades para que algunhas persoas introduzan regras primarias (por exemplo, a regra que faculta á Cámara de Deputados a fixar os impostos). Un sistema xurídico é, de acordo con Hart, un conxunto de regras xurídicas primarias e secundarias que goza de certa eficacia.
Límites do ordenamento xurídico
[editar | editar a fonte]- Temporal:está contido por normas vixentes nun momento dado.
- Social: porque este ordenamento dáse entre un grupo social.
- Material: porque se expresa como normas xurídicas.
Principios
[editar | editar a fonte]A maioría dos ordenamentos xurídicos contemporáneos baséanse en principios:
- Principio de xerarquía normativa.
- Principio de temporalidade ou de sucesión de normas, a lei posterior derroga á anterior.
- Principio de especialidade, a que prevalece da xeral.
- Principio de competencia.
- Principio de aplicación analóxica.
- Principio de supremacía da Constitución.
- Principio de suxeición ao sistema de fontes.
- Principio de publicidade normativa.
- Principio de estabilidade das normas.
- Principio de xeneralidade e permanencia das normas.
- Principio de imperatividade.
Clases: Ordenamento simple e complexo
[editar | editar a fonte]- Ordenamento Simple: aquel que é propio de cada institución particular, que é coherente e incompleto, xa que necesita estar en conexión cun ordenamento xeral.
- Ordenamento Complexo: aquel de ámbito xeral composto dun ordenamento base, e polo ordenamento das institucións, este é completo. Este ordenamento xeral, está formado por un conxunto de sistemas e por un conxunto de ordenamentos relacionados en base a 4 principios:
- Principio de Separación: eses ordenamentos particulares teñen autonomía propia, están relacionados entre si por un vértice común.
- Principio de Cooperación: Os distintos ordenamentos deben de manter relacións co ordenamento xeral.
- Principio de Supremacía: o sistema xeral, ten unha posición de superioridade material.
- Principio de Complementariedade: está en relación co de cooperación.
Plenitude e coherencia
[editar | editar a fonte]A plenitude do ordenamento xurídico consiste en que, segundo algúns autores, este ten supostamente a propiedade de conter normas para regular todo caso concreto. Hans Kelsen cría que todo sistema xurídico era completo como resultado do principio segundo o cal "o que non está prohibido está permitido". Outros autores, como Carlos Alchourrón e Eugenio Bulygin, consideran que si existen lagoas no dereito.
A coherencia supón que no ordenamento xurídico non existen normas incompatibles entre si. Os ordenamentos xurídico realmente existentes non son totalmente coherente. Por iso é polo que nos atopemos co problema das antinomias.
A lagoa xurídica e os sistemas de solución
[editar | editar a fonte]A lagoa é unha falta, unha insuficiencia de regulación xurídica dentro do ordenamento.
A doutrina establece, entre outros, dous tipos de lagoas
- Lagoas de Lei: Significa que non existe unha lei que poida resolver o suposto exposto.
- Lagoas de Dereito: Non existe nin lei nin costume nin principio que poida resolver ese caso. Xeralmente non están admitida a súa existencia nos ordenamentos occidentais, xa que o xuíz debe resolver en todo caso os asuntos de que coñeza aténdose ao sistema de fontes establecido. Dito doutro modo, cando un suposto litixioso carece de lei que o regule, o xuíz debe resolvelo, "producindo Dereito", a partir dos sistemas que veremos de seguido. As lagoas de dereito son sumamente escasas, pois realmente os principios xerais do dereito están incorporados ao ordenamento xurídico.
Para solucionar a existencia dunha lagoa xurídica, pódese recorrer a dous sistemas:
- Sistema de Autointegración
Consiste en solucionar a falta de regulación a través do propio ordenamento xurídico e dentro do ámbito da propia fonte dominante que vai ser a lei.
A analoxía consiste en aplicar a un suposto carente de regulación a solución que o ordenamento dá a un suposto similar.
- Analoxía de Lei: a aplicación dunha lei ou parte dunha lei, a supostos non previstos nela pero semellantes aos que regula.
- Analogía de Dereito: a aplicación de principios xerais ao caso non previsto.
- Sistema de Heterointegración
Consiste en solucionar a falta de regulación acudindo a outras fontes distintas á dominante, ou acudindo a outros ordenamentos. Neste procedemento destaca a utilización da equidade (a equidade vén significar xustiza, rectitude) e a equidade é a adaptación da norma á complexidade da vida social, e se corresponde co principio de "dar a cada un o que lle corresponde".
Antinomias
[editar | editar a fonte]Un ordenamento non é coherente cando existe o denominado problema das antinomias ou conflitos de normas. Existe antinomia cando dúas ou máis normas, que pertencen ao mesmo ordenamento imputan ao mesmo caso solucións incompatibles entre si, e que dan lugar a que a aplicación simultánea das normas produza resultados incompatibles e imposibles. Por iso é polo que se teña que elixir entre unhas e outras. Se existe conflito entre unha obrigación e unha prohibición en relación a unha mesma materia hai unha incompatibilidade. Tamén existe contradición entre unha obrigación e permiso negativo e entre prohibición e permiso positivo, sempre que regulen a mesma materia. Segundo o profesor Ros, pode existir antinomia total que é cando existe unha incompatibilidade absoluta, xa que coinciden totalmente os campos de aplicación.
- Unha incompatibilidade parcial-parcial: cada norma ten un campo adicional de aplicación.
- Unha incompatibilidade total-parcial: dáse cando o ámbito de aplicación dunha norma está incluído no doutra, pero esta última ten casos adicionais.
- Criterio utilizado para resolver as antinomias
- Principio de Xerarquía Normativa: establece que a norma superior prevalece sobre a inferior.
- Principio de Cronoloxía ou Temporalidade: supón que toda norma posterior ou de igual ou superior rango derroga á anterior.
- Principio de Especialidade: supón que a norma especial prevalece sobre a xeral.
Pode ocorrer que para solucionar as antinomias nos atopamos con conflitos de criterio. Cando se dea o conflito entre o criterio xerárquico e o cronolóxico sempre se resolverá a favor do xerárquico (será aplicable a norma superior).
Se o conflito se dá entre o criterio cronolóxico e especial ou entre o especial e o xerárquico, haberá que estudar caso por caso, e será o xuíz quen decida.