Orde de San Bieito

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Orde de san Bieito»)
San Bieito de Nursia (c. 480-543), dun detalle do fresco de Fra Angelico, Basílica de San Marco, Florencia (c. 1400-1455).

A Orde de San Bieito (O.S.B.) é unha orde relixiosa fundada por Bieito de Nursia, que segue a Regra ditada por este para a abadía de Montecasino. Bieito de Nursia contribuíu decididamente na evanxelización cristiá da Europa polo que foi declarado Patrón de Europa.

Actualmente a Orde está estendida por todo o mundo, con mosteiros masculinos e femininos.

Seguindo o seu exemplo e inspiración, diversos fundadores de ordes relixiosas basearon a normativa dos seus mosteiros na Regra deixada por Bieito, cuxo principio fundamental é Ora et labora, é dicir, reza e traballa.

Os mosteiro beneditinos están sempre dirixidos por un superior que, dependendo da categoría do mosteiro, pode chamarse prior ou abade; este é escollido polo resto da comunidade. O ritmo de vida beneditino ten como eixe principal o Oficio Divino, tamén chamado Liturxia das Horas, que se reza sete veces ao día, tal como San Bieito ordenara. Xunto coa intensa vida de oración en cada mosteiro, trabállase en diversas actividades manuais, agrícolas etc, para o sustento e o autoabastecemento da comunidade.

Reformas da Orde Beneditina[editar | editar a fonte]

Durante o transcurso da súa historia, a Orde Beneditina sufriu numerosas reformas, debido á eventual decadencia da disciplina no interior dos mosteiros. A primeira reforma importante foi a adiantada por San Odón no século X; esta reforma, chamada cluniacense (nome proveniente de Cluny, lugar de Francia onde se fundou o primeiro mosteiro desta reforma), chegou a tomar un grande impulso, a tal punto que durante gran parte da Idade Media, practicamente tódolos mosteiros beneditinos ficaban so o dominio de Cluny.

Os cluniacense adquiriron gran poder económico e político, e os abades máis importantes chegaron a formar parte das cortes imperiais e papais. Varios pontífices romanos foron beneditinos, provenientes dos mosteiros cluniacenses (Alexandre II, 1061-73; san Gregorio VII e moitos máis).

Tanto poder adquirido levou á decadencia da reforma cluniacense, que atopou unha importante contraparte na reforma cisterciense, palabra proveniente de Císter (Cîteaux, en francés), lugar onde se formou o primeiro mosteiro desta reforma. San Roberto de Molesmes, santo Esteban Harding e san Roberto de Chaise-Dieu foron os fundadores da Abadía de Cîteaux en 1098. Procuraban apartarse do estilo cluniacense, que caera na disciplina e o relaxamento da vida monástica. O principal obxectivo dos fundadores de Císter foi impoñer a práctica estrita da Regra de San Bieito e o regreso á vida contemplativa.

O principal impulsor desta reforma foi san Bernaldo de Claraval (1090-1153), que foi discípulo dos fundadores de Cîteaux, regresando alí no ano 1108. Encargóuselle a fundación da Abadía de Claraval, converténdose no principal conselleiro dos papas, e varios dos seus monxes chegaron igualmente a ocuparen a Sé Pontificia. Bernaldo predicou tamén a Segunda Cruzada. Ao morrer fundara 68 mosteiros da súa orde.

A reforma cisterciense subsiste até hoxe como orde beneditina independente, dividida igualmente en dúas ramas: a Orde Cisterciense da Común Observancia (O. Cist.) e a Orde Cisterciense da Estrita Observancia (OCSO), tamén coñecida como Trapistas. Chámaselle tamén beneditinos brancos, debido á cor do seu hábito, en contraposición aos demais monxes da Orde de San Bieito, a quen se lle chama beneditinos negros

Durante a Idade Media saíron outras reformas importantes da Orde Beneditina. A de san Romualdo (†1027), que deu inicio á reforma camaldulense. Esta reforma subsiste até hoxe en dúas ramas: a primeira forma parte de Confederación Beneditina (beneditinos negros); a segunda é independente, mais vertébrase igualmente pola Regra de San Bieito. Outra reforma importante foi a emprendida por san Xoán Gualberto (†1073), quen fundou os Beneditinos de Val Umbrosa, polo lugar en Italia no que se construíu o primeiro mosteiro desta reforma; é igualmente hoxe en día unha congregación da Confederación Beneditina. A reforma de san Silvestre (1177-1267), fundador dos Beneditino de Montefano, que subsiste hoxe tamén como congregación asociada á Confederación Beneditina. A reforma do beato Bernaldo Tolomei (1272-1348), que deu orixe aos Beneditinos de Monte Oliveto, hoxe tamén forma parte integrante da Confederación Beneditina.

Após axitados períodos da historia, como a Reforma en Alemaña e dos Países Baixos, a expulsión ou execución de relixiosos católicos por Henrique VIII en Inglaterra, seguido do período revolucionario en Francia, así como tamén a decadencia da disciplina nos mosteiros, levou a que diminuíse a poboación de monxes. Despois da Revolución francesa, foi Prosper Guéranger quen fixo renacer a orde beneditina en Solesmes, en Francia, a partir do 1833.

Hábito[editar | editar a fonte]

Na Idade Media os monxes beneditinos levaban camisa de la e escapulario. O hábito ou vestidura superior é negro, polo que o pobo os chamou monxes negros, en oposición aos cistercienses, que levan túnica e escapulario branco, denominados os monxes brancos.

Actualidade[editar | editar a fonte]

En 2020, a Orde de San Bieito contaba con 6 802 monxes, dos que 3 419 eran sacerdotes. Isto supón unha redución de case a metade con respecto os valores de 1963, cando sumaban 12 131 relixiosos.[1]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre relixión é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.

  1. "Order of Saint Benedict (Institute of Consecrated Life - Men) [Catholic-Hierarchy]". www.catholic-hierarchy.org. Consultado o 2022-01-27.