O tempo escuro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O tempo escuro
Autor/aModesto Hermida
CubertaAntón Pulido
OrixeGalicia
LinguaGalega
Xénero(s)Narrativa
EditorialIr Indo
Data de pub.2018
Páxinas175
editar datos en Wikidata ]
O autor lendo no libro en Vigo o 06/12/2018

O tempo escuro é un libro de relatos de Modesto Hermida publicado en Ir Indo en 2018.[1]

Características[editar | editar a fonte]

O libro consta de tres apartados:

  • Relatos de Valdelama: 8 relatos
  • Relatos urbanos: 3 relatos
  • Referencias: 5 relatos

O espazo principal é Valdelama, inspirado no interior de Galicia na zona do Faro e o Farelo, terras limítrofes das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra. Tamén ten importancia o espazo da emigración a América.

O tempo é a posguerra, o franquismo das primeiras décadas.

Segundo Ramón Nicolás[2]:

Para iso, para afondar ao cabo nas dimensións da memoria, velaí como se perfila un feixe de personaxes que exhiben, desde o territorio ficcional de Valdelama, case diría que carnalmente, as súas contradicións, as súas singularidades, o seu papel na historia máis íntima das súas vidas onde non é menor a férrea vontade de resistencia que guía os seus pasos, formulándose ás veces a posibilidade para que agrome o extraordinario exposto cunha marabillosa naturalidade, aínda en situacións que se asoman aos abismos da crueldade humana.

Contido[editar | editar a fonte]

Presentación da obra na Libraría Paz de Pontevedra (24/01/2019): Anxo González Guerra, Modesto Hermida e Bieito Ledo

Memorias de nós con palabras que saben a pan[editar | editar a fonte]

Prólogo de Ramón Nicolás:

É este, así pois, un libro de relatos, ou como tal así se presenta aínda que os fíos que os ordenan vaian saltaricando dun a outro conto alimentando a percepción dunha construción compacta desde as primeira páxinas... Os contos, os máis deles, son “do” tempo escuro, isto é, dese territorio da longa noite de pedra ferreiriana que afonda as raíces na atmosfera ofegante, grisalla e cincenta da posguerra e do franquismo, retratada con efectividade e verosimilitude. [3]

Relatos de Valdelama[editar | editar a fonte]

Nesta parte da Galicia interior poden situarse os relatos de Valdelama

Dedicatoria aos pais: Na memoria de José Hermida Gómez (1909-1981) e Modesta García Fernández (1911-2008), que combateron pola subsistencia digna naqueles tempos escuros.

Tratitos de Valdelama
Eran tempos de miseria e carentes de permeabilidade. Cada parroquia, se se me apura cada aldea en xeografía de dificultosa comunicación, era un universo sen cancelas de saída. [4]

Eran tempos escuros os que viviu Tratitos, Desiderio Curbeira López, un zapateirallo sen moito choio e amigo das tabernas. Faise referencia a outros vendedores ambulantes que andaban polo país, coma os lotoeiros, nos que destaca o señor Romén.

O cisma de C.

Adelaira, dona Maruxa e Andreíta non poden entrar no ceo, non as deixa o porteiro, o arcanxo Gavriel, que San Pedro saíu. Volve San Pedro que lles aclarará a causa da prohibición para sorpresa delas. Pero antes sabe o lector da luxuriosa vida de don Martiño, o cura da parroquia, e dos seus problemas co bispo que levaba a camisa azul de falanxista debaixo da sotana.

Pintosiño

Ese é o nome que lle dan a Claudio Pena dos Montes, seu pai chámalle Coloudino. O cativo volve da escola e topa coa violencia dun pai autoritario e bebedor que o manda buscar a besta ao monte. Polo camiño reflexiona sobre a vida e as cousas, escoita o canto da curuxa. Volve á casa e dorme pero non descansa.

Crime sen asasino.

A comezos dos anos cincuenta unha noite apareceu o cadáver golpeado do Arximiro da Forxa nun camiño. Cóntanse os amores e encontros dos mozos, especialmente de dúas mozas e dous mozos, Adelaira e Candelaria, Arximiro e Olinto. Tamén os costumes e o mocear da época; ademais da importancia da economía nos matrimonios. Os mozos vanse emparellando, mais a traxedia rolda detrás dos amoríos.

A estraperlista

Outono de 1945, o Manuel de Naxerga entra no cuartel da Garda Civil. Cóntase a historia de Manuel desde mozo, o casamento, a súa profesión de xastre, vendedor de feiras e taberneiro, ata a guerra que o cambia todo. Logo a fame e a necesidade levaraos a el á muller ao estraperlo. Remata sabéndose por que vai ao cuartel.

Dous mosquetóns italianos

Pepa e a nena ábrenlle a porta a catro homes armados. Son guerrilleiros, ela e o marido, o Xerardo, vanos acoller e esconder un tempo. Van e veñen e ata se ofrecen a vingarse de alguén que Xerardo lles sinale, mais para el ninguén merece ese castigo. Ao marcharen déixanlle dous vellos mosquetóns italianos para que os enterre na leira, xa non lles valen.

Da colleita do carqueixo

Arximiro Míguez Vázquez, o Carqueixo, deixou escrita a súa vida, el que era cesteiro e vendedor en feiras acabou emigrando a Venezuela. Conta como levantaba a paletilla e un día indo para Camba se fixo pasar por médico receitándolle toda unha comida sa e variada a un vello, vello que logo curou e sempre lle mandaba saúdos. Tamén relata a súa estadía nunha pensión con amoríos coa irmá da dona. Despois anda a apalabrar obreiros para unha obra inexistente mentres se deita coas dúas irmás que o acollen de pensión. Acaban as súas memorias coa fuxida deses lugares. Mais grazas a outros papeis seus sabe o lector das bromas dun paisano a conta das mouras e os tesouros.

Dolorosa transición
Eran anos de todas as escasezas, ben se sabe. Por non haber, non había das cousas máis necesarias para vivir, pero o certo é que coches, dicir coches como é debido, sobre todo naquela ruralidade de fume e humidade, nin había nin se presumía que algún día puidese habelos.[5]

Fálase da importancia dos animais de carga, especialmente de mulas e machos, que tiñan moito valor. O Paco de Valdelama anda de arrieiro e merca mulas eivadas para poder recuperalas e vendelas mellor. Mércalle por poucos cartos o Castaño ao Pardal de Coles que trataba moi mal os animais. Recupérao alimentándoo a xeito e a muller tamén se encariña co animal. Pero xorde a posibilidade de vendelo por moitos cartos.

Relatos urbanos[editar | editar a fonte]

Dedicatoria: Na memoria do profesor Benito Varela Jácome (1919-2010), polo seu saber e pola amizade.

Un congreso de literatura

Un congreso de literatura hispanoamericana xunta en Vigo a diferentes especialistas. Tres deles van cear e logo tomar unha copa camiño do hotel. Aí é cando ten lugar a anécdota central do relato.

Canudo de Meira

Ulpiano Concheiro Cordas, Canudo de Meira, bo rapaz e excelente mariñeiro ata que un accidente o deixa coxo e en terra. Chegará a ser profesor de nós e gañará o alcume de “Cojo-nudo”. E vaise aproveitar da súa eiva para comer de balde nas tabernas, ata que...

Flor embulleirada

Baldomero de Caldelas cóntalle ao narrador a súa historia, de como foi detido por falsificador de diñeiro sen el ter ningunha culpa e de como perdeu tamén a súa querida Adela, todo por querer gañar uns cartiños cos que fuxir da miseria en Auria.

Notas[editar | editar a fonte]

Dedicatoria: Para meus fillos, Sabela e Alexandre, na esperanza de que xamais carezan de referencias.

Camiño de xentes; camiños e xentes

Son as reflexións sobre o Camiño de Santiago, de Compostela, o camiñar e os camiños. Ademais da lembranza dunha etapa do Camiño.

Catuxa Baínte fóra da Mazurca

Catuxa Baínte cóntalle a Daniel do Regueiro na Arxentina como quedou preñada e tivo que marchar por non querer dicir o nome do pai da criatura, tamén lembra as súas aventuras eróticas nas Américas.

(Mazurca para dos muertos, de Camilo José Cela, recrea estas terras do interior de Galicia)

Esencias que perviven

Pepe Pandiáns (Salustiano das Cruces) e o Cantareiro volven verse despois dunha vida no PCG, despois dunha vida de comunistas, de traballo na clandestinidade, mesmo con torturas e detencións.

Ramóns en Villa Lugano

Ata cinco Ramón de Valdelama están emigrados en Bos Aires. Alí se ven, fanse bromas e cóntanse as vidas.

Reviravoltas da vida
Manseliño xa xuntaba anos coma para ter vivido experiencias daquel pasado tráxico, aínda non tan afastado, tráxico e miserable, como corresponde a un país que aínda sufría as inclemencias dunha posguerra tan inxusta –non sabería dicir se menos cruenta- coma a guerra mesma...[6]

Manseliño é o sancristán, perdeu unha perna na guerra. O Berenciano do Foxo é un mozo que quere saber como morreu seu pai, disque na guerra. Manseliño vaille contar a verdade de toda a súa familia e tamén do pai que non morreu na guerra aínda que esa fora a historia que se lle contou ao mozo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hermida, Modesto (2018). O tempo escuro. Ir Indo. ISBN 978-84-7680-739-2. 
  2. Nicolás, Ramón. "Onde a lingua sabe a pan". lavozdegalicia.es. Consultado o 09/12/2018. 
  3. Hermida 2018, p. 9-10.
  4. Hermida 2018, p. 19.
  5. Hermida 2018, p. 91.
  6. Hermida 2018, p. 165.