Foi a primeira longametraxe de Godard e o descubrimento de Belmondo como actor. O final da escapada foi unha das primeiras e máis influentes obras da nouvelle vague.[1] Xunto con Les Quatre Cents Coups, de François Truffaut e Hiroshima, mon amour, de Alain Resnais, estreadas o ano anterior, impulsou a valoración internacional do novo estilo. No seu momento atraeu moita atención polo seu estilo visual audaz, que incluía saltos na montaxe non convencionais.
Michel (Jean-Paul Belmondo) é un delincuente que, tras roubar un coche en Marsella, emprende viaxe cara a París para cobrar un diñeiro que se lle debe e volver ver a súa amiga estadounidense, Patricia (Jean Seberg). No camiño, perseguido pola policía de tráfico, mata un axente. Chega a París, mais non ten cartos, polo que recorre a varios amigos.
Pasa o tempo con Patricia, intentando convencela de que volva deitarse con el e que o acompañe a Roma. Os dous van dun lugar ao outro, mentres Michel trata de recuperar o seu diñeiro e ocultarse da policía.
O final da escapada non tivo guión. A historia está baseada vagamente nun artigo que François Truffaut leu en The News in Brief. A personaxe de Michel Poiccard está inspirado no real Michel Portail e na súa moza estadounidense, a xornalista Beverly Lynette. En novembro de 1952 Portail roubou un coche para visitar a súa nai enferma en Le Havre e acabou matando un policía chamado Grimberg.[4] Truffaut traballou no tratamento da historia con Claude Chabrol, pero acabaron desbotando a idea cando non puideron acordar a estrutura da historia. Godard lera ese tratamento, gustáralle e quería realizar o filme. Escribiu unha vaga guía de filmación que abandonou axiña para confiar na improvisación.[5]