O Viso, Redondela
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde marzo de 2015.) |
O Viso | |
---|---|
Igrexa de Santa María do Viso. | |
Concello | Redondela[1] |
Provincia | Pontevedra |
Coordenadas | 42°19′19″N 8°35′38″O / 42.32194444, -8.59388889 |
Poboación | 1.504 hab. (2014) |
Entidades de poboación | 4[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Santa María do Viso é unha parroquia situada ó norte do concello de Redondela. Linda coas parroquias de Cesantes, Ventosela e co Concello de Soutomaior. Está formada por catro núcleos de poboación: Tuimil, A Nogueira, Soutoxuste e Saramagoso. En 2014 tiña 1504 habitantes (735 homes e 769 mulleres).
Xeografía
[editar | editar a fonte]Está atravesada polo río Pexegueiro de onde se nutren de auga unha serie de muíños que no seu tempo foron decisivos para a economía da zona. A aldea de Soutoxuste posúe unhas tranquilas calas na beira do mar. Na Nogueira pódense visitar algúns petróglifos. En Tuimil atópase o parque do Loureiro.
Patrimonio
[editar | editar a fonte]O Viso está atravesada de sur a norte polo camiño portugués a Santiago de Compostela. Con todo, a parroquia destaca pola atalaia do Monte da Peneda, que preside toda esa zona. No seu cumio está a capela da Virxe das Neves, nos terreos onde en 1477 Alonso II de Fonseca mandou construír o Castelo de Castrizán, conquistado e destruído por Pedro Madruga dous anos despois. Nese lugar, de grandes vistas cara a ría de Vigo e cara ao val do río Verdugo, onde está o Castelo de Soutomaior, tamén hai restos de poboados castrexos.
O nome do Viso ten unha clara reminiscencia funcional na súa toponimia. Procede da forma visu, dos verbos latinos video e viso (ver, contemplar), e fai referencia a lugares elevados desde onde se poden contemplar amplas panorámicas. O seu nome procede entón da presenza do antes mencionado miradoiro da Peneda. O Padre Sarmiento, na súa viaxe a Galicia en 1745, apunta:
... sóbese a un alto desde o que se divisa toda a ría de Vigo, e as illas de Baiona, que semellan pechar toda a barra ... aquí un monte altísimo como pirámide, que chamar A Peneda. No alto hai ruínas dun castelo, e hoxe hai unha nova ermida de Nosa Señora, que chaman de Peneda. Este monte deixa case ó poñente a ría de Vigo, e case ó oriente Souto Maior ...
Festas
[editar | editar a fonte]As festas máis importantes da parroquia son:
- San Brais (3 de febreiro). O carro da burra acompañado duns gaiteiros e dos organizadores da festa recorre as rúas da parroquia repartindo rosquillas e viño, amais de se celebrar a verbena da noite e os actos relixiosos.
- Festa da Virxe das Dores da Teixeira (primeiro domingo de setembro, no barrio de Tuimil)
- Romaría da Virxe da Peneda (luns de Pascua e 5 de agosto).
- Festa de San Antonio, no barrio de Saramagoso (a fin de semana do 13 de xuño)
- Festa da Patroa Santa María (Virxe da Asunción, 15 de agosto). Realízase un encontro dos Santos titulares de cada un dos cinco barrios da parroquia coa patroa na igrexa. Cada imaxe parte do seu barrio acompañada dun grupo de gaitas.
- Festa de Santa Lucía en Alxán (13 de decembro)
- Festa dos fachos.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Casa Catalina.
-
Pedra das Rodiñas na Nogueira.
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares do Viso
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia do Viso no concello de Redondela (Pontevedra) | |
---|---|
A Nogueira | Saramagoso | Soutoxuste | Tuimil |