Eubea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Negroponte»)
Eubea
Εύβοια
Vista de Aidipsos
Localización da illa
Situación
PaísGrecia
PerifieriaGrecia Central
ArquipélagoIllas do Exeo
MarMar Mediterráneo
Coordenadas38°30′N 24°00′L / 38.500, -24.000Coordenadas: 38°30′N 24°00′L / 38.500, -24.000
Xeografía
XeoloxíaIlla continental
Superficie3.684´848 km²
Longura máxima175 km.
Largura máxima45 km.
Punto máis alto1.745 m Dirphys
Demografía
CapitalChalkida (Calcis)
Poboación191.206 hab. (2011)
Densidade54 hab/km² hab./km²
Lingua propiaGrego
Imaxe de satélite que mostra a Eubea central e suroriental (na parte superior), e ao Ática e Beocia na parte baixa. Orientación: norte-leste.
Imaxe de satélite que mostra a Eubea central e suroriental (na parte superior), e ao Ática e Beocia na parte baixa. Orientación: norte-leste.

Eubea (en grego Εύβοια, antiga Negroponte) é unha illa no mar Exeo ao leste de Grecia que forma unha prefectura. Ten unha superficie de 3900 km², e unha poboación de 210.000 habitantes. A súa capital é Calcis.

Foi coñecida tamén co nome de Negroponte. Xuntamente coa illa de Esciro forma o nomos de Eubea.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Está separada do continente polo golfo de Eubea, que se atopa dividido no golfo do norte (Vórios Evvoïkós Kólpos) e o do sur (Nótios Evvoïkós Kólpos ou Canle de Atalante) polo estreito de Euripos, próximo á capital. Ao norte está separada de Tesalia polo estreito de Dhíavlos Oreon (anos atrás Trikeri) que medía uns 6 km. Crese que se separou da Grecia continental tras un terremoto.

É unha rexión moi montañosa. O pico máis alto da illa é Dhirfis (Delphi), cunha altitude de 1.745 metros, e o segundo o Pixariá con 1.343 m; na parte norte o Xirón chega a 991 metros e ao leste de Calcis e sur do Dhirfis, o Olimbos mide 1.171 m. No extremo sur da illa o monte Ókhi (antigo Oché) antes Monte Elies mide 1.398 m., na cima do cal hai un antigo templo. O sur está separado da illa de Andros polo Pothmós Kafiréos.

As puntas do norte chámanse Kipaion (oeste, antiga Cenaeum, con 864 m no monte Lithádha) e Artemision (este, antigamente xa chamada Artemision), e as do sur Paximadhi (oeste, antiga Geraidtos, latín Geraestus) que antes se chamaba Mandili, e Kafirévs (este, antiga Kapherens, en latín Caphareus ou Caphereus) que anos atrás se chamaba Kavo Douro ou Xylofágo. As puntas orientais son o Sarakínikon, o Kímis, o Okhthoniá e o Poúnda. A lonxitude é de 145 km de norte a sur e de 48 km na parte máis ancha, pero na parte máis estreita só son 6´5 km. En Artemision os gregos obtiveron unha gran vitoria naval sobre os persas o -480.

Ao leste de Calcis hai unha chaira coñecida antigamente como Lelantum. Ao sur da antiga Eretria estaba a chaira hoxe chamada Aliveri.

O excelente porto de Yiáltra no extremo noroeste foi o antigo porto Kalos. No golfo do sur hai algunhas illas (Kavalliani, Stira e Petalidi son as principais, que se chamaban antigamente Glauconnesus, Aegiliae e Petaliae)

A illa non ten ríos relevantes, só algúns arroios pouco importantes. Antigamente menciónase o nome dalgúns dos máis destacados: o Kallas (ao norte), o Kereus, o Neleus (no centro, desaugando ao oeste) e o Budorus (no centro desaugando ao leste).

Os cultivos son mediterráneos, con viñas, oliveiras, cereais, hortalizas, e tamén o tabaco, e predomina a gandería ovina e caprina. Hai filóns de lignito, bauxita e magnesita. As fábricas son poucas e concentradas na contorna de Calcis, destacando as de papel e de cemento.

O nome e os seus poboadores[editar | editar a fonte]

Os seus nomes antigos foron Macris, Helopia (propiamente un distrito da parte norte o nome do cal estendeuse á illa enteira) derivado de Helops fillo de Ion; Oche, derivado da montaña deste nome; e Abantis, derivado dos míticos abantes primeiros poboadores coñecidos da illa en época micénica, o príncipe dos cales gobernou sobre sete principados e era feudatario de Micenas. Tomou o nome de Eubea da cría de touros que facían os propietarios rurais da illa, e do mítico touro Ío, que criou a Epafos na illa. Os abantes suponse que viñeron de Tracia, da cidade de Abes (Abae), pero outros autores indican a súa orixe nun heroe epónimo; ao sur vivían os dríopes, que fundaron Stira (Styra) e Caristo. A illa quedou á marxe das invasións dóricas e estaba habitada polos xonios, coa posibilidade dunha colonización de Atenas.

Historia[editar | editar a fonte]

En época histórica estaba dividida en seis ou sete cidades independentes de poboación xónica. Os pequenos campesiños empobrecidos cando os grandes propietarios dedicáronse ao comercio e abandonaron a gandería, houberon de emigrar e destacouse Eretria, que exerceu o dominio sobre Andros e Ceos entre outras; e Calcis que dominaba as riquezas mineiras de Tracia (Calcídica). En total fundáronse trinta e dúas colonias cara ao século -VIII, das que destacaron Corcira (fundada por Eretria e que despois será refundada por Corinto) e Cumas (fundada por Calcis).

En 735 a.C. foi fundada Naxos en Sicilia e seguíronlle Leontino, Catania e Zancle. Cara a esta época na illa menciónanse as cidades de Histiea, despois Oreos, Dion, Aedepsos, Atenea Diades, Orobia, Aeges, Cerintos, Distos, Stira, e Caristo.

O progreso parouse polas loitas entre Calcis e Eretria pola chaira de Lelantum (guerra lelantina), a primeira coa alianza de Samos e Corinto, e a segunda Megara, Exina e Mileto. Calcis gañou a guerra e arruinou o comercio de Eretria, que perdeu Corcira (que pasou a Corinto), e Calcis, esgotada pola loita, tamén perdeu as súas colonias que caeron baixo influencia de Corinto e, sobre todo, de Atenas. Calcis aliouse con Beocia e a Calcídica contra Atenas, pero esta gañou a guerra e ocupou Calcis, as terras da cal dividiu entre 4.000 cidadáns atenienses (-506).

No 499 a.C. Eretria axudou a Mileto e os xonios rebelados contra Persia e en represalia foi arrasada polos [imperio persa|persas en -490 e, aínda que foi reconstruída non demasiado lonxe da súa antiga localización, xa non recuperou o seu antigo poder.

Logo das guerras médicas a illa quedou baixo influencia de Atenas que alí se provía de gran, madeira e leña; en -445 as cidades da illa rebeláronse, pero foron reconquistadas por Pericles; en -411, logo da derrota da expedición a Sicilia dos atenienses, volvéronse a rebelar e co termo da guerra do Peloponeso permaneceron independentes e impuxeron tiranías próximas aos espartanos; cara ao -371 Tebas intentou impor o seu dominio e non o conseguiu; foron independentes ata o -357 en que a illa volveu á zona de influencia de Atenas, pero mantendo aos tiranos no poder, ata que en -338, logo de Queronea, asumiron o poder os favorables a Macedonia dirixidos por Calias, tirano de Calcis. Desde entón a illa foi practicamente unha provincia de Macedonia e así seguiu ata o -194 cando os romanos impuxeron o seu dominio ao rei Filipo V de Macedonia.

A illa permaneceu fiel a Roma durante a guerra contra a Liga Etolia, pero Calcis foi ocupada polo seléucida Antíoco III Megas (-192).

Baixo dominio romano foi incluída na provincia de Acaia. Estivo baixo dominio romano e bizantino ata o 1205.

Na Idade Media foi chamada Egripo, corrupción do nome Euripo, que se deu á cidade construída sobre as ruínas de Calcis.

En 1205 constituíu unha baronía dependente do reino de Tesalónica, repartida en tres señoríos (Caristo, Calcis e Oreos) gobernadas por Xaime de Avesnes, Pegoraro Pegorari e Guimberto e Ravano della Carceri. O primeiro recoñeceu en 1208 a soberanía de Venecia, e os outros o fixeron en 1209; Ravano della Carceri quedou como único barón ata a súa morte en 1216, deixando o poder á súa viúva, de nome descoñecido, e estableceuse unha triarquía con tres señores, pero cos baróns emparentados.

Os señores permaneceron, en xeral, baixo soberanía de Venecia, que designaron á illa co nome de Negroponte, probablemente corrupción das palabras Egripos e ponte (Ponte de Egripos).

En 1255 os señores recoñeceron a soberanía do príncipe de Acaia, pero en 1259 restableceuse o dominio veneciano, ata que en 1317 foi ocupada polos cataláns que conquistaran Atenas, pero que fixeran un tratado con Venecia e devolvéronlle a illa en 1319, o que permitiu mellorar as relacións entre os dous estados.

En 1351 a illa foi atacada polos xenoveses e defendida polos venecianos e cataláns. En 1365 o castelo de Caristo, na primeira triarquía, que estaba baixo a señoría de Bonifaci Frederic, foi comprada polos venecianos que completaron así o seu dominio sobre toda a illa.

Foi conquistada polos otománs en 1470. En 1821 rebelouse e ao final da guerra de independencia de Grecia foi recoñecida parte da Grecia independente.

Economía[editar | editar a fonte]

A súa economía baséase principalmente na extracción de minerais, fundamentalmente ferro, magnesita e lignito. Na illa se crían vacas, cabras, ovellas e porcos, e prodúcense figos, olivas e trigo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]