Movemento do deseño intelixente
O Movemento do deseño intelixente (inglés: Intelligent design movement) é unha campaña neocreacionista relixiosa con orixe nos Estados Unidos de América, que promove a idea do deseño intelixente en ámbitos sociais, académicos e políticos, afirmando que "certas características do universo e a vida explícanse por unha causa intelixente e non por un proceso non dirixido coma a selección natural.[2][3] Este movemento ten varios plans de acción, dos que os máis coñecidos son os do Discovery Institute, como por exemplo a estratexia da cuña (controversia sobre o ensino).
Orixe
[editar | editar a fonte]O movemento do deseño intelixente apareceu e desenvolveuse nos Estados Unidos contra 1987, a través dunha versión moderna do argumento teleolóxico para a existencia de Deus, despois de fracasaren, salvo éxitos menores e provisionais, os intentos dos representantes da literalidade bíblica de lograr o ensino do relato da creación do libro da Xénese nas clases de Ciencias naturais.
O movemento do deseño intelixente é un rebento directo do creacionismo.[3] As comunidades científica e académica, xunto co Tribunal Federal Norteamericano, consideran o deseño intelixente como unha forma de creacionismo ou como un descendente directo que está estreitamente ligado co creacionismo tradicional[4][5][6][7], e varios autores refírense explicitamente a el como "creacionismo do deseño intelixente"[8][9][10].
O movemento ten a súa sede no Center for Science and Culture (CSC), (Centro para a ciencia e a cultura, en inglés), establecido en 1996 como o brazo creacionista do Discovery Institute para promover os seus obxectivos relixiosos[11]. Ambas as institucións reclaman amplas mudanzas sociais, académicas e políticas. As campañas do deseño intelixente do Discovery Institute realízanse principalmente nos Estados Unidos, aínda que se fixeron esforzos para promover o DI noutros países. Os líderes do movemento afirman que o deseño intelixente expón as limitacións da ortodoxia científica e da filosofía secular do Naturalismo.
Postura
[editar | editar a fonte]Os defensores do movemento do deseño intelixente alegan que a ciencia non debería limitarse ao naturalismo nin debería demandar a adopción de filosofías naturalistas que rexeitan automaticamente calquera explicación que conteña causas sobrenaturais, pois o que parece sobrenatural ou milagroso é só o que aínda non se lle coñece unha causa lóxica. O obxectivo principal do movemento é "derrotar a visión do mundo materialista" representada pola teoría da evolución en favor "dunha ciencia consonte con conviccións teístas e cristiás"[12].
Phillip E. Johnson afirmou que o obxectivo do deseño intelixente é o de presentar o creacionismo como un concepto científico[13]. Todos os principais defensores do deseño intelixente son afiliados ou funcionarios do Discovery Institute e o seu Centro para a ciencia e a cultura[14]. Practicamente todos os conceptos do deseño intelixente e o movemento asociado son produtos do Discovery Institute, que guía o movemento seguindo a súa estratexia da cuña en canto conduce a súa campaña de ensinar a controversia e outros programas relacionados.
Algúns dos principais defensores do deseño intelixente fixeron declaracións conflitivas en relación co deseño intelixente. En declaracións dirixidas ao público en xeral, afirman que o deseño intelixente non é relixioso; cando o abordan cristiáns conservadores que apoian o movemento, afirman que o deseño intelixente ten os seus fundamentos na Biblia[13]. Recoñecendo a necesidade de apoio, o Instituto afirma a súa orientación cristiá, evanxélica: "Xuntamente cun foco sobre os formadores de opinión influentes, temos tamén o obxectivo de construír unha base de apoio popular entre o noso círculo de constituíntes, a saber, os cristiáns. Fáremolo esencialmente a través de seminarios apoloxéticos. É a nosa intención incentivar e dotar a eses crentes con novas evidencias científicas que soportan a fe, así como "popularizar" as nosas ideas no ámbito máis amplo da cultura"[12]. Barbara Forrest, unha especialista que escribiu extensamente sobre o movemento, liga ese comportamento aos obxectivos ofuscantes do Discovery Institute debido a razóns políticas. Escribiu que as actividades do movemento "teñen unha verdadeira intención agresiva e sistemática para promover non só o creacionismo do deseño intelixente, senón tamén a visión do mundo relixiosa entrelazada con el"[15].
Este movemento tamén rexeita as posturas representadas pola evolución teísta e o creacionismo evolutivo que, aínda que cren na existencia dun creador e un propósito, a diferenza do Movemento do deseño intelixente, a evolución teísta e o creacionismo evolutivo si aceptan que os seres vivos se diferenciaron a través dun proceso de evolución natural sen a intervención directa de Deus; ao considerar a Deus o creador das leis da natureza, pero "sen actuar directamente" no desenvolvemento dos procesos que actúan na evolución, e que describen as ciencias naturais.
Argumentos do Movemento do deseño intelixente
[editar | editar a fonte]Os promotores do deseño intelixente argumentan que o modelo científico da evolución por selección natural é insuficiente para explicar a orixe, a complexidade e a diversidade da vida, e que o universo está tan ben adaptado para as criaturas viventes como para pensar que é así por puro azar. A evolución descríbena os científicos, porén, como un proceso sistemático e orientado, baseado na selección, que traballa, iso si, sobre unha variabilidade xerada por procesos esencialmente aleatorios.
Os defensores do deseño intelixente non toman publicamente un partido explícito sobre a identidade do ou dos creadores, ou sobre os medios que utilizaron para deseñar e despois crear a vida, pero son respaldados pola maioría dos partidarios da lectura literal da Biblia e actúan ao abeiro de institucións explicitamente cristiás e fundamentalistas.
Os argumentos que achegan en favor do chamado "deseño intelixente" refírense sobre todo aos seguintes aspectos:
O "universo ben afinado"
[editar | editar a fonte]Un dos argumentos dos partidarios do deseño intelixente, que inclúe elementos adicionais á bioloxía, é o que afirma que vivimos nun universo ben afinado, con moitas características que fan posíbel a vida e que non poden atribuírse á sorte. Estas características inclúen os valores das constantes físicas (como o valor das interaccións nucleares) e moitos outros. Os defensores deste modelo, entre eles o membro do "Centro para a ciencia e a cultura" Guillermo González, argumentan que se algún destes valores fose lixeiramente diferente, o universo sería dramaticamente diferente, facendo imposíbel a existencia de moitos elementos químicos e características do universo tales como as galaxias[16]. De maneira que, para que a vida exista, fai falta a presenza dun deseñador intelixente que asegure que as condicións requiridas estivesen presentes no seu momento producindo o resultado que este deseñador tiña previsto.
A comunidade científica respondeu de forma case unánime que non é posíbel verificar este argumento, polo que só pode ser base de especulacións. Ademais, non existe evidencia suficiente que apoie este argumento[17].
A "complexidade irredutíbel"
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Complexidade irredutíbel.
Formulada polo bioquímico M. J. Behe en termos de "complexidade bioquímica irredutíbel", pode expoñerse así:
Un sistema integrado composto de varias partes que interactúan contribuíndo á función básica, no que ao eliminar algunha delas se produce a interrupción das funcións do sistema.(Behe, Molecular Machines: Experimental Support for the Design Inference)
Behe utiliza o trebello para ratos como exemplo para ilustrar o concepto. Unha trampa para ratos está composta por varias pezas que interactúan -a base, a trampa, o resorte, o martelo-, todas elas deben estar no seu posto para que o trebello para ratos funcione. Ao eliminar un deles, o obxecto deixa de ser funcional. No deseño intelixente afírmase que a selección natural non podería crear sistemas complexos irredutíbeis, debido a que a función de selección se aplica logo que o sistema complexo xa está armado. Os exemplos de complexidade irredutíbel propostos por Behe inclúen mecanismos biolóxicos como o das bacterias Escherichia coli, o cilio e o mecanismo adaptativo do sistema inmunitario.
Trátase dunha reedición dun argumento usado contra o darwinismo desde antigo, por exemplo con respecto á complexidade do ollo. Behe intentouno renovar con respecto a agregados macromoleculares funcionais como o flaxelo bacteriano. Alega que a complexidade dunha estrutura deste tipo, onde non se observa redundancia, é irredutíbel, porque a alteración de calquera das partes destrúe por completo a funcionalidade do conxunto (o que é certo). Alega (sen argumentos) que este feito inhabilita a selección natural (o mecanismo esencial darwiniano da evolución) para darlle orixe. Efectivamente, a selección natural traballa sobre pequenas diferenzas fenotípicas, baseadas á súa vez en pequenas diferenzas xenéticas, e a coincidencia por azar e dunha vez de todas as innovacións evolutivas implicadas na complexa estrutura do flaxelo é tan improbábel que debe declararse incríbel.
A "complexidade específica"
[editar | editar a fonte]O concepto de complexidade específica no deseño intelixente desenvolveuno o matemático, filósofo e teólogo William A. Dembski.
Dembski afirma que cando algo ten complexidade específica pódese asumir que foi producido por unha causa intelixente (é dicir, foi deseñado) en lugar de ser o produto dun proceso natural.
Para entender o concepto propón os seguintes exemplos: "Unha soa letra dun alfabeto é específica sen ser complexa. Unha longa frase de letras escollidas de forma aleatoria é complexa pero non específica. Un soneto de Shakespeare é complexo e específico"[19]. Dembski afirma que os detalles dos seres viventes teñen esa mesma característica, especialmente os patróns de secuencias moleculares nas moléculas biolóxicas funcionais, como o ADN.
Dembski define o concepto de información complexa específica como calquera cousa que teña menos dunha oportunidade entre 10150 de ocorrer de forma espontánea.
Estratexia da cuña
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Estratexia da cuña.
O Discovery Institute presentou esta estratexia por medio dun manifesto coñecido como o documento da cuña[20], o cal describe unha ampla axenda social, política e académica cuxo obxectivo último sería o tratar de reverter unha suposta sufocante visión do mundo materialista ao "derrotar o materialismo científico" que, segundo esta organización, estaría representado pola ensinanza da evolución biolóxica, e substituíla por unha suposta ciencia de índole relixiosa acorde coas conviccións cristiás teístas que profesa o Discovery Institute [21] e con iso "afirmar a realidade de Deus".[22] sendo o seu obxectivo "renovar" a cultura americana, ao tratar de moldear a política pública de forma que só reflicta as crenzas e os valores cristiáns conservadores que son aceptados polo Discovery Institute[23].
Críticas
[editar | editar a fonte]Unha das principais críticas científicas que se lle fan ao deseño intelixente é a de non ser unha teoría científica real (como si o é a Teoría sintética da evolución), xa que non sustenta as súas bases no método científico, a partir de experimentacións e observacións críticas e científicas. Outras críticas non menos importantes refírense á falsidade das súas principais afirmacións[24], como, por exemplo, que os sistemas "irredutibelmente complexos" non poden xurdir por evolución darwiniana. Así, o consenso científico sinala que o deseño intelixente intenta negar o feito de que a teoría da evolución está considerada como unha das máis grandes e sólidas teorías científicas actuais, que describe un feito sobre o que non existen probas ou evidencias científicas que o refuten.
O debate, especialmente intenso nos Estados Unidos, estendeuse a outros países, xeralmente por medio da influencia das igrexas evanxélicas e outros grupos relixiosos fundamentalistas grazas aos cales se converteu nunha posición de crecente forza.
Crítica ao argumento do "universo ben afinado"
[editar | editar a fonte]Os críticos do deseño intelixente e do principio antrópico alegan que estes argumentos son esencialmente tautolóxicos. Segundo o seu punto de vista, estes argumentos poden resumirse en afirmar que a vida só é posíbel porque o universo a sustenta.
A afirmación sobre a improbabilidade dun universo que sustente a vida tamén foi criticada ao cualificala dun argumento de falta de imaxinación por asumir a imposibilidade da existencia doutras formas de vida. A vida, tal e como a coñecemos, podería non existir en condicións diferentes, pero formas diferentes de vida poderían existir no seu lugar.
Por outro lado, a hipótese do multiverso orixinada a través da teoría M, segundo a cal existirían múltiples universos paralelos que se diferenciarían só por diferenciais de calquera magnitude do universo, se chega a ser completada e corroborada, simplemente desbaraxustaría o argumento porque dá a entender que este universo é tan probábel como calquera outro da infinidade que existen. Iso porque permitiría un finito pero gran número de universos, nos que a probabilidade impón que o xurdimento dun universo apto para producir vida intelixente si sería practicamente igual a 1. Así só sería posíbel facerse preguntas sobre a razón da posibilidade de vida naquelas dimensións en que poidan existir as características para creala (principio antrópico), o cal si fai que a probabilidade de vida sexa superior.
Outros sosteñen que o universo non está tan ben afinado como se cre. A ciencia concorda en que a aparición da vida foi un feito aleatorio e extremadamente pouco probábel. Porén, como se di máis arriba, esa probabilidade é maior que cero. Nin o universo mostra unha suposta orde que permitiu a existencia da vida, nin a vida é tan perfecta. Os organismos evolucionan a partir dos seus antecesores e conservan trazos pasados que xa non se utilizan, características daniñas para a súa supervivencia etc. Se todo estivese afinado, non esperariamos que os organismos fosen realmente perfectos?. Aínda que esta pregunta posúe unha connotación evolucionista abre unha fenda neste argumento.
Crítica ao argumento da "complexidade irredutíbel"
[editar | editar a fonte]Os críticos indican que este argumento é falaz porque nin o cilio eucariótico, nin o flaxelo bacteriano, nin ningunha outra estrutura complexa aparece evolutivamente dunha soa vez. O que hai que desentrañar son as etapas sucesivas da súa evolución, explicando ou demostrando a verosimilitude de cada unha delas no tocante á súa determinación xenética, o seu desenvolvemento ontoxenético e a súa función, e polo tanto xustificando que presións selectivas promoveron cada un dos pasos. É moi importante recordar que moitas estruturas biolóxicas pasan por estadios de dupla función, nos que, despois de evolucionar para un uso, comezan a verse sometidas a novas presións selectivas para un segundo uso. Se nos fixamos só neste último, a orixe do órgano pode volverse incomprensíbel. O carácter prénsil da man humana apareceu en relación cunha vida arborícola, foi aproveitado por innumerábeis especies de primates para a manipulación e, con esta segunda función, converteuse no grupo biolóxico humano nunha das súas adaptacións máis características. As vías verosímiles da evolución do ollo aclaráronse grazas á anatomía comparada e á embrioloxía, e para as súas etapas existen exemplos nos animais actuais. En canto á evolución de maquinarias moleculares complexas, como o cilio eucariótico, as últimas décadas proporcionaron xa moitos argumentos equivalentes, aínda que para este caso non contamos con termos de comparación tan adecuados, porque non queda ningún eucarionte que non teña cilios ou derive dun antepasado ciliado (si existen, non obstante, algunhas versións incompletas pero funcionais de cilios, como en Pelomyxa, que rebaten o argumento principal). Os compoñentes moleculares dos cilios están presentes fóra deles, no citoesqueleto superficial contiguo á membrana plasmática, onde traballan na mobilidade sen formar estruturas tan elaboradas, e dos seus compoñentes existen formas homólogas incluso en procariontes. O mesmo pasa co flaxelo bacteriano, cuxos compoñentes moleculares gardan homoloxía con outros compoñentes funcionais da célula e, en grado variábel, entre si; probabelmente funcionando primeiro, nunha versión moito máis sinxela, como bomba iónica antes de facerse máis complexo para a locomoción.
Así actualmente a bioloxía molecular, a bioquímica e outras disciplinas poden explicar cada vez con maior facilidade estes casos de suposta complexidade irredutíbel.
Crítica ao argumento da "complexidade específica"
[editar | editar a fonte]Os críticos din que, en si mesma, a definición do concepto fai que o argumento sexa unha tautoloxía, xa que se postularía que a Información Complexa Específica (ICE) non ocorrería naturalmente, só porque Dembski a definiu así. Por iso a verdadeira pregunta á se existen instancias de ICE na natureza, feito que realmente non pode explicar ou responder Dembski, porque non é especialista en evolución e/ou temas relacionados.
Así, a coherencia conceptual do argumento ICE de Dembski é moi discutida pola comunidade científica[25]. Aínda debe mostrarse que a complexidade específica ten amplas aplicacións noutros campos, como afirma Dembski. John Wilkins e Wesley Elsberry cualifican o filtro explicativo de Dembski como eliminatorio, debido a que elimina as explicacións de forma secuencial: primeiro a regularidade, logo a sorte, para finalmente tomar o deseño como opción por defecto. Argumentan que este procedemento non cualifica como modelo para a inferencia científica debido á forma asimétrica en que trata as posíbeis explicacións alternativas, facéndoo susceptíbel de obter falsas conclusións.[26]
Igualmente a nivel biolóxico, a pesar da inmensa cantidade de nucleótidos que forman o ADN, o cal conforma o xenoma coa súa "natureza complexa e específica", é que no proceso descrito na síntese evolutiva moderna, a súa natureza prodúcese realmente pola "mutación xenética aleatoria". Nela explícase que os procesos naturais involucrados na evolución dos seres vivos tenden a acumular cambios positivos, e descartar cambios negativos no ADN. Sendo esta verdadeira razón que leva a que o xenoma dos seres vivos, nunha forma "natural", e co paso das xeracións, cambiase e aínda cambie a unha natureza que se define como máis complexa e específica. Igualmente destaca o feito de que a información para codificar un aminoácido está expresada en solo 64 codóns (grupo de 3 nucleótidos, en combinacións a partir de 4 nucleótidos).
Crítica á estratexia da "cuña"
[editar | editar a fonte]A pesar do indicado polo Discovery Institute, a comunidade científica indica que este argumento é só a estratexia desta organización que realmente trata de inculcar un ideal relixioso non científico, que desexa promover a crenza pseudocientífica e creacionista do chamado deseño intelixente, e con iso non recoñecer os descubrimentos científicos que corroboran a existencia da evolución a través da síntese evolutiva moderna.
Estratexias
[editar | editar a fonte]Unha estratexia chave do movemento do deseño intelixente é a de convencer ao público en xeral de que existe un debate entre científicos sobre se a vida evolucionou, para así convencer ao público, políticos e líderes culturais de que as escolas deberían "ensinar a controversia"[27]. O Discovery Institute publicou unha lista[28] de científicos que concordan coa seguinte declaración:
"Somos escépticos en canto ás alegacións de que a mutación aleatoria e a selección natural son capaces de responder da complexidade da vida. O exame coidadoso da evidencia a favor da teoría darwinista debería examinarse."
Dese modo tenta demostrar que un crecente número de científicos tivo a coraxe de cuestionar seriamente a teoría da evolución nos últimos anos; a lista contaba con máis de 700 sinaturas en febreiro de 2007.
Opoñentes do deseño intelixente fan notar que menos da metade da lista é de biólogos evolucionistas, o tipo de científicos que estaría familiarizado coas cuestións subxacentes e apto para pronunciarse con autoridade sobre o asunto. A declaración en si, a pesar do que pode parecer ao público leigo, non constitúe unha forte oposición á evolución e podería ser asinada por gran parte dos biólogos evolucionistas: En xeral concordan que a mutación e a selección natural non responden sos da complexidade da vida, porque hai contribucións doutros mecanismos naturais; e a mención ao exame coidadoso da evidencia é simplemente unha descrición da actitude profesional que os científicos deben ter. Alén diso, afirmar tal "escepticismo" sen presentar evidencias e estudos científicos non ataca en nada a teoría da evolución.
E para demostrar como é insignificante o número de sinaturas do documento publicado polo Discovery Institute, fíxose unha parodia recollendo sinaturas de científicos que aceptan a evolución, chamada Steve, (o denominado Project Steve). Recolléronse máis de 11 000 sinaturas, e só con científicos con ese nome[29]. Outro proxecto recolle sinaturas de padres, pastores e clérigos que aceptan a evolución, e a lista xa ten máis de 12 000 sinaturas[30][31].
Mentres, tal debate non existe dentro da comunidade científica; o consenso científico é de que a vida evolucionou[32][33][34]. O deseño intelixente é maioritariamente visto como un pretexto para a campaña dos seus defensores contra a fundación materialista da ciencia, que na concepción do movemento non deixa espazo para a posibilidade de Deus[35][36].
Os defensores do deseño intelixente buscan manter a Deus e á Biblia fóra da discusión, e presentan o deseño intelixente na linguaxe da ciencia, como unha hipótese científica. Mentres, entre o público en xeral nos Estados Unidos, as preocupacións principais son se a bioloxía evolucionista convencional é ou non compatíbel coa Biblia, e sobre o que se ensina nas escolas. A controversia pública recibiu unha gran cobertura nos media americanos, particularmente durante o xulgamento de Kitzmiller v. Dover en 2005. Unha ampla cobertura da controversia pública realizouna a revista Time coa historia "Evolution Wars" (Guerras da evolución), o 15 de agosto de 2005. A capa da reportaxe fai a seguinte pregunta: "Deus ten un lugar nas clases de ciencias?"[37]. A decisión do tribunal determinou que o deseño intelixente era unha posición relixiosa e creacionista, e respondeu a pregunta apuntada pola revista Time cunha firme negativa, concluíndo que Deus e o deseño intelixente eran ambos distintos do material que debe ser mencionado en aulas de ciencias.
A ciencia empírica usa o método científico para crear coñecemento a posteriori baseado en observacións e na repetición de probas das hipóteses e teorías. Os defensores do deseño intelixente buscan mudar esa base fundamental da ciencia[38] ao eliminar o "naturalismo metodolóxico" da ciencia[39] e substituílo co que o líder do movemento do deseño intelixente, Phillip E. Johnson, chama o "realismo teísta".[40] Algúns denominan esa abordaxe como "supernaturalismo metodolóxico", que significa unha crenza nunha dimensión non-natural, transcendente, habitada por unha deidade non-natural e transcendente.[41] Os defensores do deseño intelixente argumentan que as explicacións naturalistas fallan ao tentaren explicar certos fenómenos e que as explicacións sobrenaturais subministran unha explicación simple e intuitiva para a orixe do universo e da vida.[42] Os defensores alegan que a evidencia para iso existe na forma da complexidade irreductíbel e da complexidade especificada, que non poden explicarse por procesos naturais. Os que apoian o deseño intelixente tamén defenden que a neutralidade relixiosa exixe o ensino tanto da evolución como do deseño intelixente, afirmando que ensinar só a evolución discrimina inxustamente a aqueles que posúen crenzas creacionistas. Ensinar ambas, argumentan, permite a posibilidade de crenzas relixiosas, sen facer que o estado promova realmente tales crenzas. Moitos seguidores do deseño intelixente cren que o "cientifismo" en si é unha relixión que promove o secularismo e o materialismo nunha tentativa de apagar o teísmo na vida pública, e ven o seu traballo na promoción do deseño intelixente como unha maneira de devolver a relixión ao seu papel central na educación e noutras esferas públicas. Algúns cren que ese debate máis amplo é frecuentemente o subtexto para argumentos feitos sobre o deseño intelixente, pero outros opinan que o deseño intelixente serve como un representante para as crenzas relixiosas de defensores prominentes do deseño intelixente nos seus esforzos para avanzar os seus puntos de vista relixiosos na sociedade en xeral.[43][44][45]
De acordo cos críticos, o deseño intelixente non conseguiu presentar un caso científico críbel e é unha tentativa de ensinar relixión nas escolas públicas, algo que a Constitución dos Estados Unidos prohibe debido á Cláusula de Establecemento. Alegan que o deseño intelixente substituíu a investigación científica polo apoio popular.[46] Algúns críticos afirman que se désemos "tempo igual para todas as teorías" de verdade, non habería límite lóxico para o número de "teorías" potenciais que poderían ensinarse no sistema público de ensino, incluíndo até parodias do deseño intelixente como a teoría do Monstro do espaguete voador. Hai numerosas explicacións sobrenaturais mutuamente incompatíbeis para a complexidade, e o deseño intelixente non proporciona un mecanismo para discriminar entre elas. Alén diso, un problema fundamental da aceptación do deseño intelixente como ciencia é que as alegacións do deseño intelixente non poden probarse.[47]
Os críticos apuntan que os defensores do deseño intelixente non poden lexitimamente inferir que o deseñador intelixente está por detrás das partes dun processo que non é cientificamente comprendido, unha vez que non evidenciaron que un evento sobrenatural de feito ocorreu. A inferencia de que un deseñador intelixente creou a vida na Terra, algo que o defensor do deseño William Dembski defendeu como podendo ser unha forza de vida, xa foi comparada coa alegación a priori de que estas axudaran aos antigos exipcios a construíren as pirámides.[48][49] En ambos os casos, os efectos desa intelixencia alieníxena non son posíbeis de repetición, non son observábeis ou falseábeis, e violan o principio da parsimonia. Desde un punto de vista estritamente empírico, alguén pode citar o que se coñece sobre as técnicas de construción exipcias, mais tamén se precisa admitir ignorancia acerca da maneira exacta de como os exipcios construíron as pirámides.
Os defensores do deseño intelixente veñen tentando buscar apoio doutros grupos relixiosos con relatos similares de creación coa esperanza de que esa coalición máis ampla terá maior influencia para apoiar unha educación científica que non contradiga as súas crenzas relixiosas. Moitos grupos relixiosos responderon a esa acción expresando a seu apoio á evolución. A Igrexa Católica, como xa quedou dito, declarou que a fe relixiosa é totalmente compatíbel coa ciencia, que se limita só a estudar o mundo natural,[50] unha posición coñecida como evolucionismo teísta.[51] Ademais de apuntaren que o deseño intelixente non é ciencia, tamén o rexeitan por varias razóns filosóficas e teolóxicas.[52] Os argumentos do deseño intelixente tamén foron criticados por máis de 10 000 clérigos que asinaron o "Clergy Letter Project" (Proxecto carta do clérigo). Científicos prominentes que expresan as súas crenzas relixiosas, como o astrónomo George Coyne e o biólogo Ken Miller, foron a vanguarda da oposición contra o deseño intelixente.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "NCSE Resource". Evolving Banners at the Discovery Institute. 29 de agosto de 2002. Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2008. Consultado o 2007-10-07.
- ↑ "CSC - Top Questions: Questions About Intelligent Design: What is the theory of intelligent design?". Center for Science and Culture (en inglés). Seattle, WA: Discovery Institute. Consultado o 5 de xuño de 2014.
certain features of the universe and of living things are best explained by an intelligent cause, not an undirected process such as natural selection
- ↑ 3,0 3,1 Forrest, Barbara (maio de 2007). "Understanding the Intelligent Design Creationist Movement: Its True Nature and Goals. A Position Paper from the Center for Inquiry, Office of Public Policy" (PDF). Washington, D.C.: Center for Inquiry, Inc. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de maio de 2011. Consultado o 2007-08-06.
- ↑ "para a maioría dos membros da comunidade científica, o DI non é unha teoría científica, senón unha pseudociencia creacionista". Trojan Horse or Legitimate Science: Deconstructing the Debate over Intelligent Design Arquivado 24 de xullo de 2007 en Wayback Machine., David Mu, Harvard Science Review, Volume 19, Issue 1, Fall 2005.
• "Creationists are repackaging their message as the pseudoscience of intelligent design theory". Professional Ethics Report Arquivado 03 de xaneiro de 2011 en Wayback Machine., American Association for the Advancement of Science, 2001.
• Conclusion of Kitzmiller v. Dover Area School District Ruling - ↑ Wise, D.U., 2001, Creationism's Propaganda Assault on Deep Time and Evolution, Journal of Geoscience Education, v. 49, n. 1, p. 30–35.
- ↑ Who Believes What? Clearing up Confusion over Intelligent Design and Young-Earth Creationism, Marcus R. Ross, Journal of Geoscience Education, v. 53, n. 3, maio de 2005, p. 319–323
- ↑ The Creationists: From Scientific Creationism to Intelligent Design, Expanded Edition, Ronald L. Numbers, Harvard University Press, Cambridge, Massachusetts, 30 de novembro de 2006, ISBN 0-674-02339-0.
- ↑ Forrest, Barbara (maio de 2007). "Understanding the Intelligent Design Creationist Movement: Its True Nature and Goals. A Position Paper from the Center for Inquiry, Office of Public Policy Arquivado 19 de maio de 2011 en Wayback Machine." (PDF). Center for Inquiry, Inc. Consultado o 22 de agosto de 2007; Forrest, B.C. and Gross, P.R., 2003, Evolution and the Wedge of Intelligent Design: The Trojan Horse Strategy, Oxford, Oxford University Press, 224 p., ISBN 0-19-515742-7
- ↑ Wizards of ID: Reply to Dembski Arquivado 20 de decembro de 2008 en Wayback Machine., Robert T. Pennock, p. 645–667 of Intelligent Design Creationism and Its Critics: Philosophical, Theological, and Scientific Perspectives, Robert T. Pennock (editor), Cambridge, MIT Press, 2001, 825 p., ISBN 0-262-66124-1; Pennock, R.T., 1999, Tower of Babel: Evidence Against the New Creationism, Cambridge, MIT Press, 440 p.
- ↑ The Creation/Evolution Continuum Arquivado 09 de maio de 2008 en Wayback Machine., Eugenie Scott, NCSE Reports, v. 19, n. 4, p. 16–17, 23–25, xullo/agosto de 1999.; Scott, E.C., 2004, Evolution vs. Creationism: An Introduction, Westport, Greenwood Press, 296p, ISBN 0-520-24650-0
- ↑ Wedge Document Discovery Institute, 1999. (PDF file)
- ↑ 12,0 12,1 Wedge Document Discovery Institute, 1999.
- ↑ 13,0 13,1 Johnson 1999. Reclaiming America for Christ Conference. How the Evolution Debate Can Be Won Arquivado 07 de novembro de 2007 en Wayback Machine.
- ↑ Discovery Institute fellows and staff. [1] Arquivado 14 de xullo de 2004 en Wayback Machine. Center for Science and Culture fellows and staff. [2] Arquivado 09 de febreiro de 2014 en Wayback Machine.
- ↑ Barbara Forrest. 2001. "The Wedge at Work: Intelligent Design Creationism and Its Critics
- ↑ Guillermo González. The Privileged Planet.
- ↑ The Panda's Thumb. review of The Privileged Planet Arquivado 04 de febreiro de 2009 en Wayback Machine.
- ↑ Photograph of William Dembski, by Wesley R. Elsberry, taken at lecture given at University of California at Berkeley, 2006/03/17.
- ↑ Dembski. Intelligent Design, p. 47
- ↑ O documento da cunha Discovery Institute, 1999.
- ↑ O documento da cunha Discovery Institute, 1999. Citado en Handley P. Evolution or design debate heats up. Arquivado 11 de marzo de 2011 en Wayback Machine. The Times of Oman, 7 de marzo de 2005,
- ↑ Phillip E. Johnson, Defeating Darwinism by Opening Minds (Downers Grove, Illinois: InterVarsity Press, 1997), 91-92,
- ↑ "Obxectivos de cinco anos. Renovación espiritual & cultural: Movementos da corrente principal comezan a apropiar da teoría do Deseño Intelixente e a repudiar as teorías influídas polo materialismo. As principais denominacións cristiás defenderán a doutrina tradicional da creación e repudiarán o darwinismo. Diante da opinión pública defenderán as súas opinións respecto a sexualidade, aborto e a crenza en Deus." Wedge Strategy Discovery Institute, 1999.
- ↑ "Can We Please Retire the “ID Isn't Science” Meme?". Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2011. Consultado o 20 de febreiro de 2011.
- ↑ Nowak citada por. Claudia Wallis. Time Magazine, 15 de agosto de 2005, p. 32 Evolution Wars Arquivado 13 de xuño de 2006 en Wayback Machine.
- ↑ John S. Wilkins and Wesley R. Elsberry. Biology and Philosophy, 16: 711-724. 2001. The Advantages of Theft over Toil: The Design Inference and Arguing from Ignorance Arquivado 12 de setembro de 2019 en Wayback Machine.
- ↑ Shaw, Linda (31 de marzo de 2005). "Does Seattle group "teach controversy" or contribute to it?". Seattle Times.
- ↑ A Scientific Dissent From Darwinism (en inglés)
- ↑ "Project Steve | NCSE". Arquivado dende o orixinal o 31 de maio de 2016. Consultado o 20 de febreiro de 2011.
- ↑ Strange Bedfellows: Scientists and Christian clergy ally for science, but is it a bond made in heaven? Arquivado 27 de xullo de 2011 en Wayback Machine., Maggie Wittlin, Science & Religion, Seed Magazine, 24 de marzo de 2006
- ↑ "The Clergy Letter Project".[Ligazón morta]
- ↑ "NABT's Statement on Teaching Evolution". National Association of Biology Teachers. Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2006. Consultado o 20 de febreiro de 2011.
- ↑ "IAP Statement on the Teaching of Evolution" (PDF). The Interacademy Panel on International Issues. 21 de xuño de 2006. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de setembro de 2007. Consultado o 17 de outubro de 2008. Joint statement issued by the national science academies of 67 countries, including the United Kingdom's Royal Society.
- ↑ From the world's largest general scientific society:
- "Statement on the Teaching of Evolution" (PDF). American Association for the Advancement of Science. 16 de febreiro de 2006..
- Pinholster, Ginger (19 de febreiro de 2006). "AAAS Denounces Anti-Evolution Laws". American Association for the Advancement of Science. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2013. Consultado o 20 de febreiro de 2011.
- ↑ Coultan, Mark (27 de novembro de 2005). "Intelligent design a Trojan horse, says creationist". Sydney Morning Herald. Consultado o 2007-07-29.
- ↑ "Intelligent Design: Creationism's Trojan Horse". Americans United for the Separation of Church and State. 2005. Arquivado dende o orixinal o 09 de agosto de 2006. Consultado o 2007-07-29.
- ↑ ""The evolution wars" in Time". National Center for Science Education. 11 de agosto de 2005. Arquivado dende o orixinal o 22 de xaneiro de 2008. Consultado o 2008-10-17.
- ↑ Forrest, Barbara (2000). "Methodological Naturalism and Philosophical Naturalism: Clarifying the Connection". Philo 3 (2): 7–29. Consultado o 2007-07-27.
- ↑ Johnson, Phillip E. (1995). Reason in the Balance: The Case Against Naturalism in Science, Law and Education. InterVarsity Press. ISBN 0830819290.
- ↑ Phillip E. Johnson (31 de agosto de 1996). "Starting a Conversation about Evolution: Johnson, Phillip". Access Research Network. Consultado o 2008-10-18.
- ↑ See, for instance: Vuletic, Mark I. (1997). "Methodological Naturalism and the Supernatural". Naturalism, Theism and the Scientific Enterprise: An Interdisciplinary Conference (University of Texas, Austin). Arquivado dende o orixinal o 14 de xaneiro de 2008. Consultado o 2007-07-27.
- ↑ Watanabe, Teresa (25 de marzo de 2001). "Enlisting Science to Find the Fingerprints of a Creator". Los Angeles Times. Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2007. Consultado o 2007-07-22.
- ↑ Belz, Joel (30 de novembro de 1996). "Witnesses For The Prosecution" (Reprint by Leadership U.). World Magazine 11 (28): 18. Consultado o 2007-07-23.
- ↑ Nickson, Elizabeth (10 de xaneiro de 2003). "Let's Be Intelligent About Darwin". Christianity.ca (The Evangelical Fellowship of Canada.). Arquivado dende o orixinal o 22 de agosto de 2007. Consultado o 2007-07-23.
- ↑ Buell, Jon; Hearn, Virginia, eds. (1992). "Darwinism: Science or Philosophy" (PDF). Darwinism: Scientific Inference or Philosophical Preference? (Symposium) (The Foundation for Thought and Ethics, Dallas Christian Leadership, and the C. S. Lewis Fellowship). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de marzo de 2011. Consultado o 2007-07-23.
- ↑ Giberson, Karl (5 de decembro de 2005). "Intelligent design's long march to nowhere" (Nota de prensa). Templeton Foundation, Science & Theology News. Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2007. Consultado o 2007-07-23.
- ↑ Intelligent Design Arquivado 25 de outubro de 2008 en Wayback Machine., Expelled Exposed, National Center for Science Education
- ↑ Murray, Michael J. (Forthcoming). "Natural Providence (or Design Trouble)" (PDF). Franklin & Marshall College. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de agosto de 2006. Consultado o 2007-07-23.
- ↑ Dembski, William A. "What is the position of the NRCSE on the teaching of intelligent design [ID] as an alternative to neo-Darwinian evolution in Nebraska schools?". Creighton University. Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2016. Consultado o 2007-07-23.
- ↑ Schönborn, Cardinal Christoph (2 de outubro de 2005). "Catechetical Lecture at St. Stephan's Cathedral, Vienna". Bring You To. Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2011. Consultado o 2007-07-22.
- ↑ Scott, Eugenie C. (7 de decembro de 2000). "The Creation/Evolution Continuum". National Center for Science Education. Arquivado dende o orixinal o 14 de xullo de 2007. Consultado o 2007-07-22.
- ↑ Murphy, George L. (2002). "Intelligent Design as a Theological Problem". Creighton University. Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2016. Consultado o 20 de febreiro de 2011.