Montecarlo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Monte Carlo»)
Vista do distrito de Montecarlo
Casino de Montecarlo

Montecarlo[1][2][3] (en francés: Monte-Carlo, en monegasco: Monte-Carlu) é un barrio do principado de Mónaco, coñecido polo seu casino. Aínda que en moitas ocasións se pense que Montecarlo é a capital de Mónaco, isto non é así, xa que todo o Principado é a súa propia capital ao ser unha cidade-estado.

Tamén é coñecido o barrio por acoller o Circuíto de Mónaco, no que ten lugar o Gran Premio de Mónaco de Fórmula 1.

Tamén é sede desde 1952 do "Reinsurers Rendez-Vous", a reunión anual máis antiga e famosa da industria reaseguradora que se realiza na primeira semana de setembro.

Montecarlo desde hai décadas é un lugar de reunión de membros da realeza, así como de grandes estrelas de cine.

Historia[editar | editar a fonte]

Distrito de Montecarlo en vermello.

Fundada en 1866 foi nomeado así na honra do príncipe reinante da época, Carlos III de Mónaco. Na década de 1850 a familia reinante de Mónaco estaba case en quebra, como consecuencia da perda de dúas cidades que proporcionaban a maior parte dos ingresos do Principado cos seus cultivos de limón, laranxa e aceite de oliva. Neste época unha serie de pequenas cidades en Europa estaban crecendo en prosperidade con establecementos de xogo, como por exemplo a alemá Baden-Baden, así que en 1856, Carlos III deu unha concesión a Napoleón Langlois e Albert Aubert para establecer unha instalación de baños de mar para o tratamento de diversas enfermidades e construír un casino de estilo alemán en Mónaco.

O barrio de Montecarlo foi atendido por tranvías de 1900 a 1953, que unían varias partes do Principado. En 2003 foi rematado no barrio un novo peirao de cruceiros.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Diciopedia do século 21, t. 2, p. 1403: Montecarlo Un dos tre núcleos urbanos do principado de Mónaco, onde se atopan o casino e mais os principais hoteis e balnearios. 13.500 h.
  2. Diccionario enciclopédico galego universal, t. 42, p. 127: Montecarlo Un dos tres núcleos urbanos que constitúen o principado de Mónaco (13.154 h [estim 2001])....
  3. Inés Santa María Otero e Noé Massó Lago: Atlas xeográfico e histórico de Galicia e do Mundo (2009), Edicións do Cumio, ISBN 978-84-8289-328-0. MONTECARLO: páxina 136 (D3).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]