Moeda da Guerra Social (91-88 a. de C.)
Denario | |
---|---|
![]() | |
Cabeza laureada de Italia cara á esquerda, Lenda osca retrogradada á dereita UILETIV [víteliú = Italia][1] | Soldado con casco en pé de fronte, que sostén unha lanza invertida, co pé esquerdo sobre un estandarte (romano?); touro deitado á dereita, "A" osca no exergo. |
Denario. Ca. 89 a.de C. Ceca de Bovianum (?). AG. 3,60 g. |
A moeda da Guerra Social abrangue as emisións monetarias emitidas polos aliados itálicos da confederación mársica (marsos, pelignos, picenos, vestinos, samnitas, frentanos, marrucinos e lucanos) durante a coñecida como Guerra Social (91-88 a. de C.) contra Roma.
Inspirándose no denario romano, a súa circulación (e quizais tamén a súa cuñaxe) continuou mesmo despois de concluído o conflito, xunto cos modelos republicanos.
Emisións
[editar | editar a fonte]Tipoloxía
[editar | editar a fonte]
As emisións monetarias producidas durante a Guerra Social consisten principalmente en moedas de prata correspondentes ao padrón do denario romano, e atribúense aos obradoiros monetarios de Corfinium e Aesernia.
Estas moedas encádranse nos anos cruciais da revolta contra Roma (90-89 a. de C.). É probable que posteriormente se cuñasen moedas similares correspondentes ao mesmo padrón, aínda que non hai testemuños firmes que o acrediten. A súa circulación era paralela á dos denarios romanos, de igual peso e aliaxe. Ademais, algúns exemplares illados proveñen de contextos estratigráficos moito máis recentes que a insurrección contra Roma.[2]
Denario de prata
[editar | editar a fonte]Denario da Guerra Social | |
---|---|
![]() | |
Cabeza laureada de Italia cara á esquerda, Lenda latina ITALIA (é a primeira representación epigráfica do topónimo Italia). | Rapaz de xeonllos ante un estandarte; oito soldados apuntan cara a el as súas espadas, Letra P osca no exergo. |
Denario. Ca. 90 a. de C. Ceca de Corfinium. AG. 19 mm. 4,03 g. |
Algúns destes denarios representaba a Baco cunha coroa no anverso, en tanto que o reverso reproducía a escena do touro itálico corneando o lobo romano, con inscricións en lingua osca en ambas as faces.[3][4]
Outra tipoloxía de denarios consiste na personificación de Italia no anverso e oito guerreiros asinando un pacto no reverso.[3][5]
Único esatero de ouro
[editar | editar a fonte]Na colección de moedas do Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia hai tamén un exemplar único e ben conservado dun estatero de ouro cun peso de 8,43 gramos, correspondente ao padrón ático.[6][7] A súa primeira aparición remóntase a 1827[8], aínda que Julius Friedländer informou da súa existencia en 1830:[9]
- Anverso: cabeza de Dioniso rapaz cara á dereita, con coroa de hedra.[6]
- Reverso: cista mística adornada con tres coroas e unha pel de lobo (ou pantera) na parte superior, un tirso con cintas e unha lenda retrogradada osca no exergo: mi.ieíis.mi (mención a un descoñecido Minatius Iegius, Minatii f. (?)).[6]
A autenticidade está cuestionada por parte dalgúns autores. Julius Friedländer considéraa xenuína na súa obra fundamental sobre a moeda osca,[10] cun argumento baseado na perfecta precisión da lenda en comparación co escaso coñecemento do alfabeto e da lingua osca que se tiña no momento en que a peza se deu a coñecer, con anterioridade aos traballos de Klenze (1839)[11], Mommsen (1845)[12] e Lepsius (1841)[13]. A moeda, en particular, amosa unha distinción perfecta entre o i e o í acentuado (na escrita osca, consiste na adición dunha pequena liña), unha diferenza que ninguén coñecía antes da obra de Klenze.[14]
Os argumentos en contra da autenticidade desta moeda proveñen de Secondina Lorenza Cesano[15] e de Alberto Campana, que segue moi de preto a opinión de Cesano.[16]
Iconografía e epigrafía
[editar | editar a fonte]
Algúns dos temas iconográficos son orixinais, en tanto que outros foron tomados da tradición monetaria romana. Con todo, mesmo neste segundo caso, eses temas adquiriron novos matices e significados. Por exemplo, as cabezas dos anversos adoitaban ser unha personificación de Italia representada como unha deusa con casco, que substituía a cabeza de Roma, e ía acompañada dunha lenda que reproduce o seu nome: ITALIA, en alfabeto latino, ou VITELIU (víteliú = Italia)[1] en alfabeto osco (un único exemplar, na Colección De Blacas, que amosa o dobre LVITELLIU [vítelliú]).[17][18]
As inscricións dalgunhas moedas estaban en caracteres oscos e as doutras en caracteres latinos. Con frecuencia, facían mención dos nomes dos principais líderes da revolta: Quintus Poppaedius Silo, Gaius Papius Mutilus (co título de Imperator), un descoñecido Numerius Lucius, etc.[18]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Para a transcrición fonética da lingua osca ao alfabeto latino, véxase: "Old Italic alphabets". Todas as lendas monetarias oscas son retrogradadas.
- ↑ Campana, A. (1987). Páxina 37.
- ↑ 3,0 3,1 Boatwright, G. et al. (2012). The Romans From Village to Empire. Oxford University Press. Páxina 173. ISBN 978-0-19-973057-5
- ↑ "Type vs Specimen". Liv Mariah Yarrow.
- ↑ "Sear, D. (2000). Roman Coins and their Values. Nº 227". Wildwinds.com
- ↑ 6,0 6,1 6,2 "Statere d'oro. Monetazione della Guerra Sociale Arquivado 01 de marzo de 2020 en Wayback Machine.". LaMoneta.it.
- ↑ Conway, R. S. (1897). The Italic Dialects. Cambridge University Press. Páxina 216.
- ↑ Véxase a descrición da moeda en: De Dominicis, F. (1827). Repertorio numismatico: per conoscere qualunque moneta greca tanto urbica che dei re, e la loro respettiva stima. Tomo II. Nápoles. Páxina 417
- ↑ Friedländer, J. (1850). Páxina 73.
- ↑ Friedländer, J. (1850). Páxinas 73-75.
- ↑ Klenze, C. A. C. (1839). Philologischen Abhandlungen von Clemens August Carl Klenze. Berlín. Edición póstuma a cargo de Karl Lachmann.
- ↑ Mommsen, T. (1845). Oskische Studien. Berlín.
- ↑ Lepsius, K. R. (1841).
- ↑ Lepsius, K. R. (1841). Páxina 142.
- ↑ Cesano, S. L. (1955). Páxinas 35-69.
- ↑ Campana, A. (1987). Páxinas 135-138.
- ↑ Mommsen, T.; De Blacas, L. (1865-1875). Páxina 531.
- ↑ 18,0 18,1 Head, B. V. (1911).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Moeda da Guerra Social ![]() |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Campana, A. (1987). La monetazione degli insorti italici durante la Guerra sociale (91-87 a.C.). Apparuti, Soliera.
- Cesano, S. L. (1955). "Di Uranio Antonino e di altre falsificazioni di monete romane più o meno note". En Rivista Italiana di Numismatica e Scienze Affini. Vol LVII. Nº 3. Società Numismatica Italiana. Páxinas 35-69.
- Friedländer, J. (1850). Die oskischen Münzen. Leipzig.
- Head, B. V. (1911). Historia Nummorum. A manual of Greek Numismatics. Oxford. 2ª wd. Páxinas 29-30.
- Lepsius, K. R. (1841). Inscriptiones Umbricae et Oscae quotquot adhuc repertae sunt omnes. Leipzig.
- Mommsen, T.; De Blacas, L. (1865-1875). Histoire de la monnaie romaine. París,
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Cuñaxes republicanas romanas da Confederación Mársica (wildwinds.com)