Miguel Coniates
Miguel Coniates | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | 1138 |
Lugar de nacemento | Chonae |
Falecemento | c. 1222 |
Nacionalidade | Imperio Bizantino |
Relixión | Cristianismo ortodoxo |
Ocupación | historiador, sacerdote e escritor |
Irmáns | Nicetas Coniates |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Miguel Coniates, ou Acominatus (en grego Μιχαήλ Χωνιάτης), nado en Chonai c. 1140 e finado na illa de Ceos en 1220, foi un escritor bizantino e eclesiástico, irmán máis vello do historiador Nicetas Coniates.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Naceu en Chonae (hoxe Honaz, veciña á antiga Colosas en Frixia). Estudou en Constantinopla e foi alumno de Eustacio de Tesalónica. Ao redor de 1175 foi nomeado arcebispo de Atenas. En 1204, defendeu a Acrópole de Atenas do ataque de León Esguro, defendéndoa até a chegada da Cuarta Cruzada en 1205, momento en que lle entregou a cidade[1]. Despois da toma de control polo Imperio Latino, retirouse á illa de Ceos. Ao redor de 1217 trasladouse de novo ao mosteiro de Vodonitsa preto das Termópilas, onde morreu.
Aínda sendo coñecido polos estudosos clásicos como o último posuidor de versións completas de Calímaco, Hecale e Aitia, foi un escritor versátil, e compositor de homilías, discursos e poemas, que, coa súa correspondencia, proxectan luz sobre a miserábel condición da Ática e Atenas nese momento[2] .Son de destacar o seu memorial a Aleixo III Anxo sobre os abusos da administración bizantina, o queixume poético sobre a dexeneración de Atenas e a monodia polo seu irmán Nicetas e Eustacio, arcebispo de Tesalónica.
Vida[editar | editar a fonte]
Figura eminente nas letras do século XII e comezos do XIII, Miguel recibiu unha excelente instrución en Constantinopla xunto a Eustacio, bispo de Tesalónica. Miguel escolleu a carreira eclesiástica e foi arcebispo de Atenas durante preto de trinta anos; foi un ardente admirador da antigüidade helénica.
Viviu na súa residencia arcebispal da Acrópole (na Idade Media había no antigo Partenón un templo consagrado á Virxe). Miraba á cidade e aos seus habitantes cos ollos dun contemporáneo de Platón, e por tanto espantáballe o tremendo abismo que separaba aos atenienses contemporáneos dos helenos da antigüidade. O idealista Miguel non reparaba no fenómeno xeral que se produciu en toda Grecia, transformando a nacionalidade grega. A súa concepción ideal chocou deseguido coa dura realidade. No discurso de presentación aos seus fregueses suxeriu aos atenienses que seguisen os nobres exemplos dos seus antepasados e citou como exemplos os nomes de Arístides, Dióxenes, Pericles e Temístocles, nun estilo enfático e metafórico cheo de citas antigas e bíblicas e cheo de metáforas, que resultou escuro e incomprensíbel para os auditores do novo metropolitano, porque tales expresións estaban por encima da comprensión dos atenienses do século ΧΙΙ. O ilustrado Miguel notouno e nun dos seus seguintes sermóns dixo con profunda amargura:
- Oh, cidade de Atenas, nai da Sabedoría, e en que grao de ignorancia recaíches! Cando me dirixín a vós no meu discurso de presentación, que era tan sinxelo, tan desprovisto de artificio, pareceu que falaba unha lingua incomprensible, escura e estranxeira, persa ou escita.
O sabio Miguel Acominatos deixou pronto de ver nos seus contemporáneos atenienses aos descendentes directos dos antigos helenos:
- Quedan — escribía — o encanto do país; o Himeto, rico en mel; o tranquilo Pirco; Eleusis, antes misteriosa; a chaira de Maratón; a Acrópole; pero aquela culta xeración amante das ciencias desapareceu e o seu lugar tomado por unha xeración inculta, pobre de corpo e de espírito.
Rodeado de bárbaros, Miguel temía converterse el mesmo en brután e bárbaro. Queixábase da alteración da lingua grega, evolucionada agora nunha especie de dialecto bárbaro, o cal non chegou a comprender até despois de pasar tres anos en Atenas. Miguel habitou na Acrópole até principios do século XIII. Por mor da conquista de Atenas polos francos (aquí a palabra "francos" fai referencia aos europeos occidentais adherentes ao catolicismo romano), houbo de ceder a súa sede a un bispo latino e pasou a última parte da súa vida na pequena illa de Ceos, xunto ao litoral da Ática, e alí morreu e foi enterrado en 1220.
Obra[editar | editar a fonte]
Miguel Acominatos deixou unha rica herdanza literaria que inclúe sermóns e discursos sobre temas diversos, moitas epístolas e algúns poemas. O conxunto dános indicacións preciosas sobre as condicións políticas, morais e literarias da vida do seu tempo. Entre os seus poemas ha de colocarse, en primeiro termo, unha elexía iámbica na honra de Atenas, "primeira e única lamentación chegada a nós sobre a ruína da antiga e gloriosa cidade." Na tosquedade que rodeaba a Atenas e de que fala Miguel, así como na alteración do idioma, han de verse, ante todo, certas pegadas da influencia eslava.
Notas[editar | editar a fonte]
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Edición da súa obra por Spyridon Lambros (1879-1880)
- Migne, Patrologia Graeca, cxl.
- Adolf Ellissen, Michael Akominatos (1846), con varias partes traducidas ao alemán
- Ferdinand Gregorovius, Geschichte der Stadt Athen im Mittelalter, i, (1889)
- George Finlay, History of Greece, iv. pp. 133–134 (1877).
- Thallon, C. A Medieval Humanist: Michael Akominatos (New Haven, 1923) (reimpr. Nova York, 1973).
- Stadtmüller, G. "Michael Choniates, Metropolit von Athen," Orientalia Christiana, 33,2 (1934), 125-325.
- Setton, K. M. "Athens in the Later Twelfth Century," Speculum, XIX (1944), 179-207.
- Anthony Kaldellis, "Michael Choniates: a classicist-bishop and his cathedral (1182–1205 AD)," in Idem, The Christian Parthenon: Classicism and Pilgrimage in Byzantine Athens (Cambridge, Cambridge University Press, 2009), 145-162.
- Este artigo contén textos derivados da edición de 1911 da Encyclopædia Britannica, dispoñible sen restricións coñecidas de dereito de autor. Esta obra derivada atópase dispoñible baixo as licenzas GNU Free Documentation License e Creative Commons Atribución-CompartirIgual 3.0 Unported.
- A. A. Vasiliev, Historia del Imperio Bizantino. Tomo Segundo. De las Cruzadas a la Caída de Constantinopla (1081-1453).