Saltar ao contido

Microcavia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Microcavia
Rango fósil: plioceno - actualidade

Microcavia australis
Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Infrafilo: Gnathostomata
Superclase: Tetrapoda
Clase: Mammalia
Orde: Rodentia
Suborde: Hystricomorpha
Infraorde: Hystricognathi
Familia: Caviidae
Subfamilia: Caviinae
Xénero: Microcavia
H. Gervais & Ameghino, 1880
Especies e Subespecies
Véxase o texto

Microcavia é un xénero da orde dos roedores, suborde dos histricomorfos, infraorde dos histricognatos, familia dos cavíidos e subfamilia dos caviinos,[1] que comprende tres especies de hábitos terrícolas que viven na América meridional, desde Bolivia até o sur da Arxentina,[2] coñecidos na bibliografía internacional como cobaias de montaña.[3]

Polo menos nove especies fósiles, que se remontan ao plioceno medio, foron rexistradas, aínda que non está claro cantas delas son realmente válidas.[4]

Características

[editar | editar a fonte]

As especies do xénero Microcavia son as únicas, dentro da súa familia nas que os seus dentes premolares non medran e substitúen aos orixinais dentes caducos despois de que naza o animal.[4]

Trátase de roedores de tamaño mediano, cunha lonxitude de cabeza e tronco de entre os 200 e os 220 mm, e un peso de até os 500 g.[5]

O seu cranio é curto e arqueado. Os buratos palatinos son grandes, triangulares e situados moi cerca dos dentes mastigadores, que se simplifican na súa forma, dividida en dous lóbulos por unha fendedura. Os incisivos son de cor branca (a diferenza dos dos seus parentes do xénero Cavia, que son amarelos). A súa fórmula dentaria é:

3.1.0.1 / 1.0.1.3

tanto no maxilar superior coma no inferior; en total, 20 dentes.

O seu aspecto é o típico das cobaias.
As partes dorsais son xeralmente de cor parda agrisada, mentres que as inferiores son de cor gris clara. Os ollos son grandes e están rodeados por un anel branco.
As extremidades dianteiras teñen catro dedos, e as traseiras tres, todos eles dotados de fortes e afiadas garras.
Carecen de cola.
As femias teñen dous pares de mamas.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

O xénero Microcavia foi descrito por primeira vez en 1880 polo zoólogo francés Henri Frédéric Paul Gervais e o naturalista arxentino Florentino Ameghino, en Les mammifères fossiles de l'Amérique du Sud.[1][6]

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome orixinario que lle deron Gervais e Ameghino, e actualmente válido, o xénero coñeceuse tamén polos seguintes sinónimos:

  • Caviella Osgood, 1915
  • Monticavia Thomas, 1916
  • Nanocavia Thomas, 1925
Lámina de Cavia australis (sinón. de Microcavia australis) por d'Orbigny, 1847.
Microcavia australis fotografado da provincia de San Juan, Arxentina.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome científico do xénero, Microcavia, está formado sobre o do xénero Cavia, co adición do primeiro elemento do latín científico micro-, derivado do correspondente do grego antigo μικρο-, derivado de μικρός mikrós, "pequeno", aludindo á semellanza destes animais coas cobaias, pero de tamaño moito menor.

Clasificación

[editar | editar a fonte]

Na actualidade recoñécense no xénero as seguintes especies e subespecie:[1][7][8][9]

Porén, o NCBI só recoñece dúas especies:[10]

  • Microcavia australis
  • Microcavia niata
  1. 1,0 1,1 1,2 Microcavia en MSW
  2. Patton J. L. et al. (2015).
  3. Murray Wrobel, ed. (2007): Elsevier's dictionary of mammals: in Latin, English, German, French and Italian. Amsterdam / Boston / Heidelberg / London / New York / Oxford / Paris / San Diego / San Francisco / Singapore / Sydney / Tokyo: Elsevier. ISBN 0-444-51877-0.
  4. 4,0 4,1 Tognelli, M. F., Campos, C. M. & Ojeda, R. A. (2001): "Microcavia australis" Arquivado 30 de xuño de 2015 en Wayback Machine.. Mammalian Species: 648: 1–4.
  5. Novak (1999).
  6. Henri Frédéric Paul Gervais et Florentino Ameghino. Les mammifères fossiles de l'Amérique du Sud. Éditeur F. Savy, 1880. 225 pp.
  7. Microcavia no SIIT.
  8. Microcavis no Catalogue of Life. 26th August 2015.
  9. Especies de Microcavia na Lista vermella da UICN.
  10. Microcavia no NCBI.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • McKenna, Malcolm C. & Susan K. Bell (1997): "Hystricognathi" en Classification of mammals above the species level Nova York: Columbia University Press ISBN 0-231-11012-X.
  • Novak, Ronald M. (1999): Walker's Mammals of the World, 6a edición. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-5789-8.
  • Patton J. L., Pardiňas U. F. J. & D'Elia G. (2015): The Mammals of South America. Volume 2: Rodents. Chicago: The University of Chicago Press. ISBN 978-0-226-16957-6.
  • Woods, Charles A. & C. William Kilpatrick, "Hystricognathi" en Wilson, Don E. & DeeAnn M. Reeder, eds. (2005): Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference, 3rd ed., vol. 2. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]