Metrópole ortodoxa grega de Calcedonia
Metrópole de Calcedonia Μητρόπολη Χαλκηδόνος | |
---|---|
![]() | |
Datos xerais | |
Erixida | 451 |
Información | |
Igrexa | Igrexa Ortodoxa de Constantinopla |
Ritos | Rito bizantino |
Xerarquía | |
Patriarca | Bartolomeu I |
Metropolita | Athanasios Papas |
Outros datos | |
Sede central | Calcedonia |
Páxina web | http://www.ec-patr.org/dioceses.php?lang=&id=89 |
A metrópole de Calcedonia (en grego: Μητρόπολη Χαλκηδόνος) é unha diocese do Patriarcado Ecuménico de Constantinopla. A metrópole foi creada no 451, na época do Concilio de Calcedonia. É unha das catro metrópoles ortodoxas gregas que persisten en Turquía, e a única en Asia Menor (Anatolia).
Historia[editar | editar a fonte]
Orixes do cristianismo e Concilio de Calcedonia[editar | editar a fonte]
O cristianismo expandiuse pola rexión de Calcedonia xa dende o século II. Entre os primeiros bispos, Hadrián de Nicomedia foi martirizado durante os primeiros tempos, e é venerado pola Igrexa Ortodoxa.
A cidade de Calcedonia gañou prestixio polo concilio ecuménico nela celebrado en 451, a iniciativa do emperador bizantino Marciano. A súa intención era rexeitar as decisións do Segundo Concilio de Éfeso de 449. As decisións do concilio consolidaron o credo niceno e rexeitaron como heréticas doutrinas como o apolinarismo, o monofisismo e o nestorianismo.
Era bizantina[editar | editar a fonte]
En 451 o bispado de Calcedonia foi elevado a metrópole. Foi a terceira metrópole da rexión de Bitinia, na Asia Menor noroccidental, e o seu prelado tiña o título oficial de exarca de toda Bitinia.
Algúns metropolitas e bispos de Calcedonia participaron na controversia iconoclasta dos séculos VIII e IX. Algúns deles foron martirizados e son venerados hoxe na Igrexa Ortodoxa, como os metropolitas Niceto, Cosme e Xoán.
Posteriormente, circa 1100, o metropolita Leo foi acusado de herexía. Pola súa parte, el acusou ao emperador Alexios I Komnenos de sacrilexio e iconoclastia, por permitir a fundición de obxectos de ouro e prata para soster a súa guerra.
Período otomán[editar | editar a fonte]
Durante o século XIV a sé permaneceu vacante, pola conquista da rexión polos otománs. Porén, foi reorganizada no século XV, posiblemente logo da caída de Constantinopla e a incorporación do patriarcado ecuménico ao sistema Millet otomán. O primeiro metropolita desa época foi Xosé, en 1477. Durante os seguintes anos a súa xurisdición estendeuse cara ao leste. A finais do século XVII a sé foi transferida a Kuzguncuk, onde permaneceu até 1855.
Dende a metade do século XIX a metrópole prosperou grazas ao aumento significativo da poboación e ao seu desenvolvemento económico. En 1855 a sé volveu a Calcedonia.
Século XX[editar | editar a fonte]
En 1923, logo do tratado de Lausana e o subseguinte intercambio de poboación entre Grecia e Turquía, a poboación ortodoxa grega debía retirarse de Anatolia, coa excepción das partes asiáticas de Constantinopla. É por isto que a metrópole quedou como a única activa en Anatolia, e unha das catro en Turquía. Durante o pogrom de Istambul anti grego de setembro de 1955, once templos baixo xurisdición da metrópole foron destruídos, conseguindo tan só salvar tres deles. Ademais, a multitude fanatizada asaltou a casa do metropolita e arrastráronlle espido polas rúas da cidade durante horas.
O declive da poboación grega en Constantinopla, especialmente dende 1964, ten deixado a metrópole tan só cun pequeno número de fregueses.
Xeografía e demografía[editar | editar a fonte]
Durante a época bizantina, a metrópole de Calcedonia sempre apareceu nas listas do Notitiae Episcopatuum. Non hai información exacta sobre a extensión da súa xurisdición eclesiástica, pero probablemente coincidiría coa cidade de Calcedonia xunto a algúns lugares da beira asiática do Bósforo. A comezos do período otomán a metrópole foi expandida cara ao leste para incluír Heraclea Póntica e Amastris, incluíndo ademais as Illas Príncipe. A finais do século XIX foi expandida novamente para abranguer unha franxa costeira do mar Negro, dende Darıca a Zonguldak.
Até 1922 a metrópole estaba constituída por un total de 38 comunidades ortodoxas gregas, a maioría delas na rexión de Mesothynia. Dende 1923 a poboación grega diminuíu dramaticamente, como parte do intercambio de poboación entre Grecia e Turquía, e durante o século XX o seu nome continuou a diminuír, especialmente logo de 1964. Hoxe tan só restan uns poucos fieis cristiáns na metrópole, formando as Illas Príncipe unha metrópole separada dende 1924.
Episcopoloxio[editar | editar a fonte]
Xerarcas até o Gran Cisma[editar | editar a fonte]
Até o Gran Cisma entre a Igrexa Ortodoxa e a Igrexa Católica, os seguintes foron os xerarcas ocupantes da sé:[1]
- Teócrito (Θεόκριτος, Theokritos) (entre os séculos II e III)
- Hadrián (entre os séculos II e IV)
- Maris (Μάρνος, Marios) (comezos de 325 - 362)
- Teodolo (mencionado en 381)
- Cirino (comezo de 403 - xuño de 405, finado)
- Filoteo (mencionado en xuño de 405)
- Eulalio (antes de 430 - despois de maio 450, finado)
- Eleuterio (antes de outubro de 451 - despois de 459)
- Heraclio (antes de 500 - antes de xullo de 518, finado)
- Marcián (antes de xullo de 518 - despois de 520)
- Fotino (mencionado en 536)
- Constantino (mencionado en 553)
- Pedro (finais do século VI - comezos do século VII)
- Probo (comezos do século VII)
- Xoán I (antes de 680 - despois de 692)
- Niceto (metade do século VIII)
- André (despois de 780 - antes de 787, finado)
- Estauracio (mencionado en 787)
- Cosme
- Xoán II (antes de 820 - 824, finado)
- Damián
- Basilio (? - 858, deposto)
- Zacarías (858 - 870, deposto)
- Basilio (por segunda vez, 870 - 877, finado)
- Zacarías (por segunda vez, 877 - 879, finado)
- Estevo (finais do século IX)
- Miguel (primeira metade do século X)
- Xoán III (século X)
- Daniel (mencionado en 997)
- Teodoro (antes de 1023 - despois de 1027)
- Niceto II (contemporáneo de Miguel Cerulario)
Xerarcas ortodoxos[editar | editar a fonte]
- Athanasios Papas (Αθανάσιος Παπάς) (dende o 21 de marzo de 2008)
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ A lista baséase en Jules Pargoire (1900). Saint-Cloud, ed. "Les premiers évêques de Chalcédoine (suite)". Échos d'Orient (Tomo 3, N°4).