Batalla de Adua

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Portada dunha revista francesa publicada o 1 de abril de 1904 mostrando ós soldados de Menelik II de Abisinia desfilando en celebración do aniversario da súa vitoria sobre os italianos.

A batalla de Adua (tamén coñecida como Adwa) ocorreu o 1 de marzo de 1896 entre Abisinia (hoxe máis coñecida como Etiopía) e Italia preto da cidade abisinia do mesmo nome. Era a batalla culminante da primeira guerra Italo-Abisinia.

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

África fora divida entre as potencias europeas no século XIX, a excepción da república de Liberia e o Imperio de Abisinia. Italia, quen se incorporara recentemente á carreira colonial, posuía colonias en Eritrea e Somalia, e desexaba aumentar a súa presenza no Corno de África conquistando Abisinia e unindo os seus dous territorios costeiros por terra. Firmou entón o Tratado de Uccialli co emperador abisinio Menelik II, que descoñecía que ese tratado convertía o seu país en protectorado italiano. Cando o soubo, rompeuno, tendo agora Italia que invadir Abisinia militarmente para cumprir os seus propósitos.

Iniciouse así unha invasión italiana en toda regra, que a compoñían arredor de 20000 homes. O xeneral italiano Baratieri, propuxo facer o primeiro movemento a noite do 29 de febreiro de 1896, esperando sorprender os abisinios mentres durmían.

Antes da batalla[editar | editar a fonte]

Na batalla o exército italiano abarcou a catro brigadas que sumaban aproximadamente 20000 homes, con cincuenta e seis pezas de artillaría. Compuxeron a brigada dos askari (infantaría nativa recrutada en Eritrea) baixo o xeneral Matteo Albertone. As tres brigadas restantes eran unidades italianas baixo os xenerais Vittorio Dabormida, Giuseppe Ellena e Baratieri. As catro brigadas italianas avanzaron por separado cara a cidade de Adua por diversos pasos de montaña. O traxecto separounas moito, ademais de poñelas en terreo difícil.

Menelik II e o seu exército (que excedía amplamente en número ós italianos, calculándose os seus efectivos en arredor de 120 000 homes), levantáranse cedo para facer servizos de igrexa. Ó coñecer a noticia do avance italiano, o emperador reuniu os exércitos separados dos seus nobres (Ras Makonnen, Ras Mikael, e o Negus Tekle Haymanot de Gojjam) e avanzou cara aos italianos.

A batalla[editar | editar a fonte]

1896-03-01

A brigada do askari de xeneral Albertone foi a primeira en sufrir a acometida abisinia, preto dun outeiro chamado Enda Chidane Meret. O askari resistía ben o embate abisinio, en parte grazas ó apoio da artillaría italiana, pero se enfrontaba a un exército moito maior. O combate duraba xa tres horas, ata que Menelik II decidiu enviar a súa reserva de 25 000 soldados de Soa, que esmagou a brigada de Albertone.

A brigada italiana de Dabormida trasladárase ata o lugar do combate en axuda de Albertone, pero non puido alcanzalo a tempo. Lonxe do resto do exército italiano, viuse obrigado a combater os abisinios. Porén, o factor numérico, o valor e a ferocidade dos guerreiros de Soa conduciron á morte do xeneral italiano e á destrución de gran parte dunha nova brigada.

Tras este novo triunfo, as tropas de Menelik II atacaron as dúas brigadas restantes e esmagáronas novamente no monte Belah. Polo mediodía, os superviventes do exército italiano retirábanse dunha batalla xa perdida.

Resultado[editar | editar a fonte]

Os italianos contaron 5 900 baixas, mentres que os abisinios perderon en torno a 10 000 homes. Os prisioneiros italianos foron tan ben tratados como foi posible, pero os 800 askari que capturaron foron interpretados como traidores, e o seu castigo foi a amputación das súas mans dereitas e os seus pés esquerdos.

Como un resultado directo da batalla, Italia firmou o Tratado de Addis Abeba, recoñecendo a Abisinia como un Estado independente. A responsabilidade do fracaso caeu en Baratieri, ao que relevaron do seu cargo. A humillación de Italia foi sentida case corenta anos, ata 1935, cando a segunda guerra Italo-Abisinia deu á Italia de Mussolini o goberno sobre Abisinia.