María del Portal Panisse

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
María del Portal Panisse
María del Portal Panisse.jpg
Nacemento 11 de outubro de 1914
  A Coruña
Falecemento 2001
  Santiago de Compostela
Nacionalidade España
Educada en Universidade de Santiago de Compostela
Ocupación farmacéutica
editar datos en Wikidata ]

María del Portal Emiliana Panisse Ferrer, coñecida como Maruxa e como a boticaria da liberdade, nada na Coruña o 11 de outubro de 1914 e finada en Santiago de Compostela en 2001, foi unha farmacéutica galega.

Biografía[editar | editar a fonte]

Naceu no seo dunha familia liberal, ilustrada e culta da Coruña, e viviu no Orzán e en María Pita, veraneando na próxima Almeiras (Culleredo).

Tralos estudos de primaria e bacharelato en diferentes centros da Coruña, preparou oposicións ó Ministerio da Gobernación, pero estas foron canceladas polo Goberno da República ó instaurarse esta en abril de 1931.

Decide entón estudar Biolóxicas, pero ten que renunciar porque a familia non pode custearlle os estudos en Madrid. Así, anímase a estudar Químicas, en Compostela e na Facultade entra en contacto co movemento galeguista de, entre outros Francisco Fernández del Riego e a que máis tarde sería a súa dona, Evelina Hervella Nieto. Tamén coñece a Enrique Ríos Suárez, comunista e licenciado en Químicas, con quen inicia unha relación de parella a partir de 1935 e con quen casará en 1941.

Tras terminar a carreira de Químicas en 1937 regresa á Coruña e alí comeza a estudar Maxisterio, dedicándose a dar clases.

Tras casar en 1941, volve a vivir en Santiago de Compostela, onde nacen as súas dúas fillas, Adela e María do Carmo (1946), e o seu fillo Enrique. Para evitar que a educación da escola franquista adoutrinase os seus fillos, elixe para a súa formación a Preceptoría, que máis tarde será a Academia Minerva.

No que toca ás actividades laborais, unha vez chegada a parella a Santiago, Maruxa consegue un traballo de mestra no colexio das Orfas e Enrique accede a un posto de axudante na universidade ata o remate da carreira de Farmacia. Será entón cando abra a botica na rúa de San Pedro.

En 1952 diagnostícaselle ó home unha grave enfermidade coronaria (que causará a súa morte seis anos despois) e iso fará que María del Portal se decida a estudar a carreira de Farmacia, licenciándose en 1957. Axiña abre unha farmacia na rúa de Fonseca e será a súa forma de atender ó público a que lle dará o sobrenome de boticaria da liberdade.

E así, mentres o franquismo prohibía o aborto e o emprego de calquera método anticonceptivo, ela dispensaba pílulas e preservativos, naturalmente sen receita médica.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]