Manuela López Suárez
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de xuño de 1903 Probaos, España |
Morte | 4 de marzo de 1948 (44 anos) Probaos, España |
Causa da morte | morte en combate, ferida por arma de fogo |
Outros nomes | Manuela Sánchez |
Actividade | |
Ocupación | maquis |
Manuela López Suárez, que pasou á historia como Manuela Sánchez, nada en Probaos (Carres, Oza-Cesuras) o 8 de xuño de 1903 e finada no mesmo lugar o 4 de marzo de 1948, foi unha guerrilleira antifascista galega.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Era a segunda das seis fillas de Joaquín López Sánchez e Francisca Suárez Iglesias, veciños de Probaos coñecidos como "Os Chintos". Na casa familiar acubillábanse membros da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia, dos destacamentos dirixidos por Manuel Ponte e Manuel Pena Camino. Logo do seu matrimonio con Adolfo Cadaveira, Manuela vivía na casa paterna. Na noite do 3 de marzo de 1948 pernoctaban na casa os guerrilleiros Antonio Nouche Costa e José Blanco Núñez, e sendo coñecedora a Garda Civil deste feito, montou un dispositivo ao mando do capitán José Méndez Villar para capturalos. Despois do mediodía do día seguinte a Garda Civil rodeou a casa, na que xa só estaban Manuela e o seu pai, e oculto no primeiro piso Antonio Nouche; José Blanco fuxira antes de comezar o rexistro. No tiroteo foron abatidos Manuela e o seu pai, o guerrilleiro Antonio Nouche, e tamén resultaron mortos os gardas civís Blas Sánchez e José Cano. Esa mesma noite foron asasinados en aplicación da "lei de fugas" a irmá de Manuela, María López Sánchez e o seu xenro Manuel Mosquera Moar, que vivían nunha casa próxima, tamén enlaces da guerrilla.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]A súa figura, produto dun proceso de ficcionalización a partir da historia real, foi popularizada pola prensa comunista como arquetipo da guerrilleira antifranquista.[1] Francisco Rey Balbís, Jesús Izcaray, Lorenzo Varela, Luís Seoane, Rafael Alberti e Juan Miguel Romá dedicáronlle textos e poemas panexíricos, nos que sempre aparece como Manuela Sánchez.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con Adolfo Cadaveira Pernas, e foi nai de José Cadaveira López.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Marco, Aurora (2011). Mulleres na guerrilla antifranquista galega. A Coruña: Laiovento. pp. 275–285. ISBN 978-84-8487-211-5.
- Martínez, Lupe (2007). Coa man armada. "Ejercito Guerrillero de Galicia" -IV Agrupación- 1946 - 1948. Vigo: A Nosa Terra. p. 117. ISBN 978-84-8341-166-7.