Manuel Maroño Calvo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Manuel Maroño Calvo
Manuel Maroño Calvo.jpg
Nacemento5 de xullo de 1899
 Santiago de Compostela
Falecemento3 de decembro de 1936
 Santiago de Compostela
CausaFusilamento
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico e sindicalista
editar datos en Wikidata ]

Manuel Maroño Calvo, nado en Santiago de Compostela o 5 de xullo de 1899 e finado no mesmo lugar o 3 de decembro de 1936, foi un sindicalista e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Retrato realizado por Camilo Díaz Baliño no cárcere de Santiago de Compostela.

Tipógrafo no obradoiro do Seminario Conciliar compostelán onde entrou a traballar en 1919, con 20 anos. Afiliouse á Asociación Tipográfica de Santiago, integrada na Confederación Regional Galaica da CNT, e en 1921 foi vicepresidente, e logo vicesecretario; en 1923 foi secretario e presidente en 1924. En maio de 1935 a sociedade elixiuno como delegado do sindicato para asistir ao Congreso que ía celebrar o Pleno Rexional Galaico da CNT, pero como socialista, renunciou.

Tivo un destacado papel no Sindicato de Empregados Subalternos do Hospital Provincial de Santiago da UGT e figurou tamén nas directivas doutras sociedades obreiras: secretario da Sociedade de Construtores de Calzado (1922), vocal da directiva da Sociedade de Carpinteiros (1926), presidente da Sociedade de Enfermeiros (1934). Formou parte das direccións de obreiros en ferro e demais metais, e de pintores. Foi secretario da Unión Protectora de Artesanos (1924) e da Unión Obrera (1928-1932).

Foi secretario-contador e presidente da Agrupación Socialista santiaguesa e tamén desempeñou cargos de responsabilidade na Federación de Entidades Socialistas da Comarca de Santiago constituída en xuño de 1931. Con motivo da folga xeral revolucionaria de 1934 foi detido o 10 de outubro por orde da autoridade militar, sendo posto en liberdade o 11. Por este feito foi despedido do traballo no obradoiro do Seminario, aínda que sería readmitido posteriormente.

Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 formou parte do Comité Executivo da Fronte Popular de Compostela en representación dos sindicatos. Foi un dos encargados da defensa e protección do convento do Carme. Foi detido no barrio de Vista Alegre, onde vivía a súa moza. Conducido aos calabozos de Raxoi. Foi xulgado no consello de guerra contra os doce membros do Comité da Fronte Popular o 19 de novembro e condenado á pena de morte. Fusilárono nas inmediacións do cemiterio de Boisaca o 3 de decembro de 1936 co seu irmán José Maroño Calvo, Modesto Pasín Noya, Fernando Domínguez Caamaño, Luís Martínez Nouche, Francisco Ponte Ces, Rafael Pardo Carmona, Rafael Frade Peña, Luis Rastrollo González e José Germán Fernández.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Vieites Torreiro, Dolores (2001). Manuel Maroño Calvo: Maroño o boó. Santiago de Compostela: Fundación Luís Tilve. ISBN 84-923747-9-9. 
  • Vieites Torreiro, Dolores (2007). "Manuel Maroño Calvo: Socialista compostelán" (PDF). Claridade (Fundación Luís Tilve). setembro (Especial homenaxe): 57–64. Consultado o 27 de agosto de 2012. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]