Luís Frade
Nome orixinal | (gl) Luís Frade Pazos |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 10 de decembro de 1894 Bendoiro, España |
Morte | 9 de novembro de 1936 (41 anos) Tenorio, España |
Causa da morte | paseo, ferida por arma de fogo |
Concelleiro | |
Actividade | |
Lugar de traballo | Lalín |
Ocupación | sindicalista, político |
Partido político | Izquierda Republicana |
Luís Frade Pazos, nado en Bendoiro (Lalín) o 10 de decembro de 1894 e finado en Tenorio o 9 de novembro de 1936, foi un sindicalista e político galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Luís Frade naceu en Bendoiro en 1894. Logo do seu matrimonio con Rogelia Sanmartín trasladouse a Fondevila na parroquia de Donsión. Foi un dos fundadores da 'Sociedad Obrera de Ponte-Nova, da que foi elixido vicepresidente en xaneiro de 1931.
Presentouse ás eleccións municipais de 1931 na candidatura encabezada por Manuel Ferreiro, sendo elixido concelleiro e nomeado 2º procurador-síndico. Foi un dos edís mais activos da corporación republicana, presentando diversas mocións que intentaban solucionar os problemas agrarios (cuestión foral, creación de granxas agrícolas experimentais, prohibición da importación de carne do estranxeiro, contra o Tratado do Uruguai) e contra o caciquismo (denuncias aos médicos que non atenden a pobres).
Cesou como concelleiro en agosto de 1934 ao ser destituída a corporación republicana por unha afín ao Partido Radical. Reposto novamente en febreiro de 1936, foi o único edil que permaneceu na Comisión Xestora nomeada polo Gobernador civil do 11 de abril de 1936, sendo elixido 2º tenente de alcalde.
Luís Frade, que fora nomeado en marzo recadador municipal, foi quen se ocupou na práctica da dirección do Concello en estreita colaboración con Manuel Ferreiro, agora no cargo de secretario municipal, xa que o alcalde Xesús Golmar que desempeñaba o cargo de mestre en Méixome e o primeiro tenente de alcalde Manuel Diéguez Varela tamén mestre con escola na Ribeiriña (Carballedo), non podían asistir regularmente á casa consistorial.
O día anterior ao golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi elixido presidente da colocación obreira de Lalín en representación da Sociedad La Fraternidad de Donsión encadrada na UXT. O 19 de xullo foi a Pontevedra con Manuel Ferreiro e os outros alcaldes da comarca de Deza para recibir instrucións do gobernador civil. Ao día seguinte permaneceu á fronte do Concello mentres unha expedición marchou á capital para intentar deter aos militares. Aínda estivo presente no último pleno municipal que se celebrou o día 21 de xullo.
Non foi detido de inmediato, senón que as novas autoridades chantaxeárono indicándolle que se pagaba unha débeda que tiña co Concello como recadador, non sería molestado. Frade conseguiu en outubro un préstamo co que abonou as 5.100 pesetas que lle reclamaban, pero isto non o salvou da detención. A pesar das advertencias, negouse a esconderse ou a fuxir, alegando que non cometera ningún delito. Foi detido o 27 de outubro e internado na Prisión de Lalín. O 4 de novembro foi trasladado xunto con outros 38 detidos á Illa de San Simón, de onde o sacaron cinco días despois para asasinalo en Tenorio.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Igrexas, Manuel: "A masacre dos líderes obreiros en Tenorio" (30/8/2012) en Historias de Deza.
- Igrexas Rodríguez, Manuel (2005). "Asasinados por pensar e desexar para todos un mundo mellor. A represión franquista na Comarca do Deza" (PDF). A represión franquista en Galicia. Actas dos traballos presentados ao Congreso da Memoria. Narón, 4 a 7 de decembro de 2003. Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática. pp. 417–542.