Luís Marcelino Pereira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaLuís Marcelino Pereira
Biografía
Nacemento26 de abril de 1754 Editar o valor em Wikidata
Illobre, España Editar o valor em Wikidata
Morte1811 Editar o valor em Wikidata (56/57 anos)
Madrid, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Santiago de Compostela Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritor , economista Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Luis Marcelino Pereira Castrigo, nado en Santo André de Illobre (actual concello de Vedra) o 26 de abril de 1754 e finado en Madrid en 1811, foi un economista, matemático, xurista e político ilustrado galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formación[editar | editar a fonte]

Luís Marcelino Pereira naceu no seo dunha familia fidalga. Seu pai era Vicente Pereira e Moscoso, rexedor perpetuo de Santiago de Compostela, en cuxa universidade ocupara unha cátedra de Artes.

Estudou na Universidade de Compostela, na que asistiu a clases de filosofía (1764-1767) e de dereito (1767-1770). En 1771 solicitou o grao de bacharel en Leis, título que lle permitiu actuar nos tribunais. En 1772 graduouse en Artes e en 1775 obtivo na citada facultade os títulos de licenciado e mestre.

Catedrático de matemáticas e avogado[editar | editar a fonte]

Tras a reforma dos plans de estudo de 1772, Pereira ensina matemáticas na Universidade de Santiago, primeiro como substituto e, desde 1774, como catedrático.

Entre 1776-1780 reside na Corte española, dedicado á práctica da avogacía, sendo recibido no colexio de avogados de Madrid en 1776 e, en 1779, nomeado "Avogado dos Reales Consellos".

En 1792 trasladouse a Valladolid, desenvolvéndose alí como profesor universitario de matemáticas, aínda que naquela época, esta disciplina, e a física experimental eran consideradas materias "extravagantes" da Facultade menor de Artes, introducidas moi recentemente e que apenas cursaban máis alá de 2 a 4 alumnos por ano. Pereira intentou que os estudos de Matemáticas se converteran en obrigatorios, aínda que sen éxito, xa que até comezos do século XIX a matemática continuou a ser unha materia minoritaria.

Economista[editar | editar a fonte]

Ademais do seu labor universitario, na década de 1780 Luis Marcelino Pereira tivo un papel fundamental na fundación da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, e na edición do periódico El Censor.

Participou activamente, xunto con Pedro Antonio Sánchez, Antonio Páramo e Somoza (reitor da Universidade e bispo electo de Lugo)[1] e outros intelectuais galegos, nos comezos da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, da que foi un dos fundadores e secretario entre 1784 e 1793.

No ámbito da economía impulsou varios proxectos, como un presentado en 1785 para que a Sociedade patrocinara o establecemento da cátedra de Economía Civil na Universidade, para a cal se ofrece como profesor. Tamén redactou un breve texto no que atacaba á comunidade de pastos, e unha Memoria sobre la utilidad o prejuicios de la introducción de linos y cáñamos en Galicia, no contexto dos debates que por aquel entón tiñan lugar no seo de diversas institucións rurais galegas, sobre a industria téxtil rural e os seus problemas.

O Pereira enciclopedista[editar | editar a fonte]

En 1781 fundou en Madrid, xunto ao avogado granadino Luis María del Cañuelo, o periódico El Censor no que quedan de manifesto as conviccións de Pereira de que a España da época necesitaba profundas reformas. El Censor, que tiña periodicidade semanal, publicouse entre 1781 e 1787 e as súas páxinas caracterizábanse por presentaren unha actitude crítica social. Está considerado como un dos periódicos máis importantes do século XVIII español, e funcionou como portavoz das ideas dun grupo de ilustrados españois.[2]

Portada do volume que recolle os discursos publicados en El Censor durante o ano 1781.

Tratábase dunha publicación de influencia enciclopedista, liberal, regalista e xansenismo, que se atreveu a cuestionar políticas e principios lexislativos e relixiosos, e a realizar unha crítica social e profunda das institucións, ao mesmo tempo que cuestionaba a estrutura estamental da sociedade.

Aínda que a autoría de boa parte dos artigos incluídos no periódico foron atribuídos a Cañuelo, xa que Pereira residía daquela en Santiago, ocupado na súa cátedra e desde 1784 tamén na Sociedade Económica, porén é seguro que Luís Marcelino Pereira escribiu ou, en todo caso, inspirou algunha colaboración; ademais con certeza debía estar de acordo coa liña editorial do periódico. Non resulta unha coincidencia que varios dos "Discursos" incluídos no semanario parezan estar relacionados con proxectos que por aquel entón apoiaba o grupo de intelectuais capitaneados por Páramo e Somoza que se reunía no Hospital Real.

Durante a etapa en que simultaneaba os seus labores de catedrático de matemáticas en Santiago, de secretario da Sociedade Económica compostelá e de editor de El Censor, escribiu as Reflexiones sobre la Ley Agraria, de que se está tratando en el consejo (Madrid, 1788), onde ofrece mostras do seu liberalismo económico. Pereira escribiu o texto (posibelmente entre 1786 e 1787) a modo de comentario á Idea de la Ley Agraria Española, que publicara en 1786 o maxistrado valenciano Manuel Sisternes i Feliu.

Aínda que Pereira está de acordo con varias das propostas de Manuel Sisternes, é máis extremista na súa defensa dos dereitos de propiedade e a liberdade dos propietarios da terra para cultivala ou deixala erma, até o punto de que chegou a afirmar que "cualquier disminución en la propiedad es el estorbo más terrible que puede oponerse a los progresos en la agricultura, así como de todo género de industria".

Ademais, Pereira, que era un profundo coñecedor da situación de Galicia, nas súas Reflexiones… fai unha defensa da liberdade de contratos, así como da abolición dos obstáculos legais. Móstrase contrario aos morgados, á amortización e ás vinculacións, mentres que defende a libre circulación de terras e a repartición dos montes comunais. Concretamente, sobre o tema dos montes veciñais en man común, se Sisternes propoñía a repartición de baldíos mediante contratos enfitéuticos con rendas proporcionais, Pereira, pola súa parte, estimaba que debían venderse, sen poñer límite ao número de fanegas que cada un puidese adquirir.

Tampouco se mostrou partidario da creación de xuntas executoras para poñer en práctica a lei agraria pois, na súa opinión, as súas funcións podían asumilas sen maiores problemas as Sociedades Económicas de Amigos do País.

Aínda que non aparecen citadas de forma expresa, é moi probábel que as Reflexiones de Luís Marcelino Pereira sirvan, xunto con outra serie de reflexións agrarias dos seus contemporáneos (Campomanes, Olavide, Castro, Cabarrús, Sisternes, Floridablanca) como fonte de influencia para a elaboración do informe de Lei Agraria de Jovellanos.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

En 1792 Luís Marcelino Pereira deixa a cátedra compostelá para ocupar unha praza de alcalde do crime da "Sala de Hijosdalgo" da Chancelaría de Valladolid. Posteriormente, en 1797, ascendeu a oidor deste tribunal e, a comezos de 1799, foi nomeado corrixidor do Señorío de Biscaia. A continuación desempeñaría outros cargos en Madrid: en 1802, de comisionado para a venda de terreos de Obras Pías, memorias e demais ramos afectados pola chamada "Desamortización de Godoy", e en 1804 de supernumerario na "Sala de Alcaldes da Real Casa e Corte".

O contexto político de 1808-1811, con España en guerra contra os franceses e o rei Fernando en Francia permitiu a Pereira manifestar a súa ideoloxía contraria ás estrutura do Antigo Réxime. A súa posición a favor dos afrancesados permitiulle ocupar postos destacados durante o reinado de Xosé I, nos que se valoraron as súas capacidades de xurista e político.[3]

Luís Marcelino Pereira, ao que se pode considerar como integrante da segunda xeración de ilustrados, xunto con membros tan relevantes como Jovellanos, faleceu o 30 de abril de 1811, co que se salvou así dunha segura represalia por parte da reacción absolutista polo apoio que Pereira prestara ao novo réxime desempeñando cargos de alta responsabilidade.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Antonio de Páramo y Somoza". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 07 de maio de 2012. 
  2. Francisco Uzcanga Meinecke, "El Censor: un Quijote ilustrado a finales del siglo XVIII", in introdución a El Censor, Barcelona, Crítica, 2005, p. 7.
  3. José María Queipo de Llano Ruiz de Saravia, conde de Toreno: Historia del levantamiento, guerra y revolución de España, I, p. 301

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Xosé Ramón Barreiro Fernández, Aproximación histórica ó tema dos afrancesados en Galicia nas III Xornadas de Historia de Galicia, Ourense, 1986.

Outros artigos[editar | editar a fonte]