Lasiommata megera

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Lasiommata megera é unha especie de lepidóptero da familia Nymphalidae, subfamilia Satyrinae. Está estendida por toda a rexión paleártica cunha variedade grande de hábitats e de número de xeracións por ano. Envergadura: 36–50 milímetros.

Descrición[editar | editar a fonte]

O anverso das súas ás é alaranxado (pode ter variacións en azul) cun característico reticulado escuro. Na á superior loce un ocelo apical de gran tamaño, e na posterior, pequenos ocelos de pupila branca nas veas lonxitudinais S1c, S2, S3 e S4. O reverso da á posterior é agrisado, cunha serie de puntos posdiscais. Os machos presentan un marcado androconio.[1]

Pode confundirse con Lasiommata maera, unha bolboreta algo maior e coa zona laranxa do anverso da á posterior reducida a unha banda posdiscal rodeando os ocelos. Tamén pode confundirse con Lasiommata petropolitana, coas zonas basais e discais de ambas as ás escuras.[1]

Área de distribución[editar | editar a fonte]

África do norte, Europa, Cáucaso, Asia Menor, Oriente Medio, oeste de Siberia, norte de Tian-Shan, montañas de Zungaria, Casaquistán e Zungaria.

Hábitats[editar | editar a fonte]

Os hábitats inclúen lindes de bosques e claros, camiños, zonas arbustivas en barrancos e vales de río, así como bosques pouco espesos. Tamén se atopa en hábitats montañosos até 3.000 metros.

Ciclo vital[editar | editar a fonte]

Ovo, larva e pupa.

Os exemplares adultos, en estadio imago, voan entre marzo e abril até agosto, aínda que non é raro atopalas tamén até ben entrado outubro, en dúas ou tres xeracións dependendo da localidade e a altitude. A larva aliméntase de herbas dos xéneros Festuca, Bromus, Deschampsia, Poa annua, Dactylis glomerata e Brachypodium.

O ovo é verde pálido ó acabar de ser posto, e a súa forma é case esférica, aínda que máis alto que ancho; está finamente acanalado e reticulado, pero se non é examinado a través dunha lente aparenta ser bastante liso.

A eiruga unha vez desenvolvida é  esbrancuxada-verdosa, salpicada con puntos brancos. Do máis grande destes puntos da parte posterior xórdenlle celas de cor agrisada; as tres liñas da parte posterior (dorsal e sub-dorsal) son esbrancuxadas, con fíos verde escuros; a liña nos lados (espiraculares) é branca, con franxas de pelos grises; puntos anais verdes, peludos, con pelos de puntas extremas brancas. Cabeza máis grande que o primeiro anel (primeiro segmento torácico), verde salpicado de branco e peludo, mandíbulas marcadas de cor marrón. Aliméntase de herba.

A crisálide é verde, con marcas brancas-amarelas tinguidas no bordo das cubertas das ás e os cantos; as manchas no corpo son de cor amarelada, ou, ás veces branca. De cando en vez as crisálides son negruzcas, con puntos brancos ou amarelos no corpo.[2]

Subespecies[editar | editar a fonte]

  • L. m. megera
  • L. m. vividissima
  • L. m. megerina (Herrich-Schäffer, 1856) - Transcaucasia
  • L. m. transcaspica (Staudinger, 1901) - Turkmenia

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Córdoba León, Juan Ramón; Sesma Moranas, Juan Manuel; Martín Toral, Gabino (2006). Mariposas en libertad (en castelán). Madrid: Mundiprensa. p. 194. ISBN 978-84-8476-285-0. 
  2. South, Richard (1906). The Butterflies Of The British Isles & Moths (en inglés). Londres & NY: Frederick Warne & Co. Ltd. p. 124. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]