Lago das Pontes
Tipo | lago artificial (pt) ![]() ![]() | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
País da cunca | España ![]() | |||
División administrativa | España ![]() | |||
Localización | As Pontes de García Rodríguez ![]() | |||
| ||||
Características | ||||
Superficie da cunca hidrográfica | 865 ha ![]() | |||


O lago das Pontes de García Rodríguez, tamén chamado lago das Pontes é un lago artificial de 865 ha de superficie[1], situado no concello das Pontes de García Rodríguez (provincia da Coruña). O lago creouse a raíz dos traballos de recuperación e rexeneración da mina a ceo aberto que ocupaba o lugar do lago, da que se tiraba lignito para fornecer a Central térmica das Pontes de García Rodríguez.
O lago artificial creado por Endesa para encher o cavouco da mina das Pontes finalizouse en abril de 2012. Ten unhas dimensións de 5 quilómetros de longo e unha profundidade máxima de 206 metros. Para o seu enchido empregáronse as augas do río Eume, que pasa pola localidade, así como a acumulación das precipitacións.
É a segunda reserva hídrica máis grande de Galicia só por detrás do encoro de Belesar.
Recibe as augas dos ríos Maciñerira e da Ponte de Pedra entre outros moitos regatos, e verte o seu caudal no Eume aguas abaixo da vila das Pontes.
Historia
[editar | editar a fonte]Mina a ceo aberto das Pontes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Central térmica das Pontes de García Rodríguez.
A historia do lago comeza coa explotación da mina a ceo aberto da que se extraía lignito para fornecer a central térmica. Os traballos de extracción comezaron no ano 1976. Durante o período no que estivo en explotación tiráronse máis de 261 millóns de toneladas de lignito e máis de 697 millóns de m³ de terra, converténdose na mina a ceo aberto máis grande da Península Ibérica. A actividade desta mina levou consigo a creación de dous almacéns de cascallo para depositar toda a terra extraída así como un gran buraco central, de 288 metros de profundidade, provocado pola extracción da terra e mais do lignito. Logo de 31 anos de operación decidiuse clausurar a mina, o 31 de decembro de 2007.
Proxecto de recuperación do terreo
[editar | editar a fonte]
Unha volta clausurada a mina, a compañía Endesa, propietaria da mina, propuxo á Xunta de Galicia un proxecto para encher o oco deixado con 547 millóns de m³ de auga. Así mesmo, tamén se considerou rexenerar as marxes do encoro, que tamén estaban afectadas pola actividade mineira. Decidiuse optar por este proxecto ao considerar que era o máis viábel para a recuperación da contorna, xa que se atopaba enclavado en medio dun val no que as choivas acabarían por asolagar.
Para conseguir encher todo o foxo, houbo de derivar parte das augas do río Eume (96 hm³/ano), as augas superficiais do almacén exterior de cascallo (24 hm³/ano), as augas de escorrentía do propio oco (21 hm³/ano), e as augas da planta TEL (8 hm³/ano). Este proceso iniciouse en xaneiro de 2008, rematando o enchido no mes de maio de 2012. Porén o proxecto recibiu numerosas críticas por parte de grupos ecoloxistas.
Por outra banda, o proxecto foi galardoado en varias ocasións: co Premio 5 DÍAS 2013, outorgado a Endesa e entregado polo ministro de Economía español Luis de Guindos, polo mellor proxecto de responsabilidade social corporativa no seu labor de reconversión do meirande complexo mineiro-eléctrico de España. O xurado valorou “o compromiso da empresa cun lugar no que operou por anos e coma, unha vez finalizada a actividade, mantén a aposta por rexeneralo e colaborar coa sociedade local para unha reorientación da actividade da zona”.
En marzo de 2014, o aínda rei de España Xoán Carlos I entregou na Zarzuela o IX Premio da Fundación Fondo para a Protección da Natureza (Fondena) ao presidente de Endesa, Borja Prado, polo traballo da compañía na restauración da contorna da antiga mina das Pontes, que permitiu a creación do lago e dun novo ecosistema.
Riscos potenciais
[editar | editar a fonte]Porén, non todo o mundo aplaude a creación do lago. Grupos ecoloxistas manifestaron a súa oposición, ademais do catedrático da Universidade da Coruña e director do Instituto Xeolóxico Universitario, Juan Ramón Vidal Romaní, quen alertou do risco sísmico que supón a existencia do lago, alegando que hai unha falla que bordea parte do xacemento de lignito. Dita falla é da mesma familia da que pasa por Santo André de Teixido, onde está constatado o movemento de terras por mor da falla. A todo isto hai que engadir que a comarca ten historial sísmico o que fai aumentar o risco de tsunami, dada a gran cantidade de auga almacenada no lago e a súa considerable extensión. A auga liberada polo tsunami iría encamiñada polo río Eume e sobardaría o encoro da Capela para continuar polas fragas do Eume nas que producirían un desastre ecolóxico de considerables dimensións.[2]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Imaxe xeral da Central térmica das Pontes. Á dereita pódese ollar o estado de enchido do lago en 2010.
-
Proceso de formación do lago artificial (13 de setembro de 2009)
-
Enchido do lago artifial en fase avanzada.
-
Praia das Pontes.
-
Inauguración do lago con Borja Prado Eulate e Alberto Núñez Feijóo.
-
Vista aérea no 2014.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Uno de los mayores lagos artificiales de Europa cubre la mina de As Pontes(en castelán)
- ↑ "Riesgos invisibles". La Opinión (en castelán) (A Coruña). 21/9/2008. Consultado o 13 de novembro de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Souto López, Soledad (2014). Gota a gota. Instantes do enchido do lago de As Pontes. Deputación da Coruña. ISBN 978-84-9812-244-2.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- O lago artificial das Pontes (en castelán)
- www.lagodeaspontes.com Arquivado 29 de setembro de 2014 en Wayback Machine. (en castelán)