Encoro do Eume

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°24′26″N 8°0′39.76″O / 43.40722, -8.0110444

Encoro do Eume
Presa del Eume.JPG
Localización administrativa
Estado España
Localización xeográfica
Continente Europa
Cunca Galicia Costa
Características
Superficie 450 hectáreas
Lonxitude máxima 15 km
Profundiadde máxima 101 m
Capacidade 123 hm³
Outros datos
Comunidade autónoma Galicia
Provincia A Coruña
Concellos A Capela, As Pontes e Monfero
Tipo e uso Pantano artificial
Produción de enerxía hidroeléctrica

O encoro do Eume é o máis grande dos dous que ten o río Eume. Áchase no seu curso medio ocupando unha superficie de 450 hectáreas dos concellos da Capela, As Pontes e Monfero. Ten unha lonxitude aproximada de 15 quilómetros e un volume de 123 hectómetros cúbicos[1].

A empresa concesionaria da explotación da central hidroeléctrica asociada ao encoro é a compañía ENDESA[2][3].

Características da presa e da central hidroeléctrica[editar | editar a fonte]

A presa foi proxectada polo enxeñeiro Luciano Yordi de Carricarte, e construída entre os anos 1955 e 1960 no corazón do canón do Eume aproveitando a súa angostura[1]. Está formada por unha bóveda de dobre curvatura de 101 metros de altura sobre cimentos, e unha lonxitude na parte superior de 284 metros. Ten un aliviadoiro de tres vans de 60 metros, sen taboleiro superior de paso, cunha capacidade de evacuación de 617,06 m3/seg. O volume de formigón é de 225.000 metros cúbicos[3].

O encoro alimenta mediante unha condución subterránea unha central hidroeléctrica que, con 54.400 Kw, é a que máis potencia ten da provincia da Coruña[2]. Está situada na marxe esquerda case tres quilómetros e medio augas abaixo da presa[4].

Antes da construción da presa actual funcionaba unha central hidroeléctrica, chamada de Ventureira, cuxa concesión databa de 1902 e permitía o aproveitamento hidroeléctrico de 3.000 litros/segundo[3]. Esta central, hoxe en desuso, está a escasos metros da actual pero na outra marxe, e recibía a auga sen represar por un impresionante canal que comezaba uns poucos metros abaixo da presa actual[5]. Discorre practicamente colgado do canón e para a súa construción foi necesario construír varios túneles dada a sinuosidade do terreo[6]. É facilmente visíbel desde o cumio da presa.

Problemas medioambientais[editar | editar a fonte]

Un dos primeiros problemas producidos pola construción da presa foi a extinción de especies piscícolas antano habitantes do río. Os salmóns desapareceron hai algunhas décadas, entre outras razóns, pola imposibilidade, por mor da construción da presa, de remontar ás súas zonas de desove[7]. Outras especies coma a troita, a anguía e, sobre todo, o reo, recuperaron os seus antigos hábitats. No caso do salmón fíxose unha repoboación durante cinco anos, do 1992 ao 1996, con 300.000 ovas escocesas. Non foi ata o ano 2003 que se identificou un exemplar de salmón que, probabelmente, sexa un descendente da repoboación feita nos anos noventa[8]. A pesar desta aparación esperanzadora, os expertos son pesimistas coa reintrodución do salmón no río Eume[9]. Tamén en 2008, ADEGA pediu que se investigase a actuación de ENDESA con respecto á presa para valorar a súa responsabilidade na morte de milleiros de reos no río Eume[10].

O caudal do río entre a presa e a central é insignificante, recibindo practicamente só as augas dos regatos existentes neste tramo[4]. Só nos escasos días nos que o encoro está cheo e soborda, pódese ver este tramo do río cun canle normal[4]. A fiscalia de Medio Ambiente denunciou a ENDESA en 2010 por non manter o caudal biolóxico neste tramo do río. ENDESA alegou que na concesión non se fai referencia á obriga de manter dita canle, a pesar de que a súa actuación contradí a Lei de Augas da Unión Europea e a Lei de Pesca Fluvial de Galicia de 1992, como apuntou o fiscal[10][11].

Pouco despois da denuncia da fiscalía, ENDESA comunicou a Augas de Galicia que xa estaban elaborando un plano para dotar do caudal ecolóxico aos máis de tres quilómetros afectados[12]. Un ano máis tarde, en 2011, ENDESA presentou o documento ambiental para o proxecto de modernización dos desaugadoiros de fondo da presa de Eume no que se define dito proxecto, consistente na retirada de 1.500 m3 de sedimentos depositados nas inmediacións da toma dos desaugadoiros do fondo da presa mediante un sistema de aspiración por bombas, para despois depositalos augas arriba a unha distancia de 50 metros[13][14]. Nese mesmo documento valóranse os riscos medioambientais, salientándose posíbeis riscos de verquidos e derrames accidentais de aceites e combustíbeis, que afectarían non só á calidade da auga, senón tamén á comunidade biolóxica do encoro: plancto, zoobentos e peixes[13][14]. Efectos semellantes descríbense no río Eume, augas abaixo do encoro, e na ría de Ares[13]; entre a fauna afectada noméanse os mamíferos, especialmente a lontra, e as aves coma o merlo acuático, o picapeixe pescador, a garza real e o lavanco[13].

No medio século de existencia do encoro nunca foi aberta a comporta da presa[15], o cal provocou que se fosen acumulando lodos altamente contaminantes no fondo do encoro procedentes do lavado na mina de As Pontes (durante 30 anos)[16], da propia vila de As Pontes (ata o 2009 non tivo a súa primeira depuradora)[16][17], e da construción da autovía Ferrol - Vilalba (no 2009 produciu graves danos ao longo de 30 km do río)[16][18]. Algunhas estimacións falan dun espesor de 30 ou de 40 metros de lodo, mentres que outros opinan que son esaxeracións[19]. En calquera caso, os propìos datos de ENDESA semellan confirmar a perda de capacidade do encoro, pois nos 20 anos anteriores a 2010, a carreira de explotación, é dicir a diferenza entre os niveis máximo e mínimo de explotación, limitouse a 12,55 metros, cando no proxecto orixinal era de 62 metros[3].

Á vista das propias conclusións do informe ambiental de ENDESA, a organización ecoloxista ADEGA, solicita da Xunta de Galicia que obrigue a ENDESA a facerse cargo da adecuada xestión e tratamento dos sedimentos, e que inicie un expediente de caducidade de concesión do encoro do Eume por incumprimento da lexislación de augas e de pesca fluvial, obrigando á empresa a derrubar a infraestrutura[20]. Na súa resposta, a Xunta non contempla a posibilidade de tomar medidas contra ENDESA xa que, segundo a Consellería de Medio Ambiente, considera que a empresa resposta ás súas esixencias coa presentación do proxecto para reabrir os desaugadoiros[14].

O 20 de xuño de 2014 publicouse no DOG a resolución do 28 de abril de 2014 pola que se someten ao trámite de información pública a solicitude de autorización para a modernización dos desaugadoiros de fondo da presa do Eume, situada nos concellos de Monfero, As Pontes e A Capela, provincia da Coruña, así como o proxecto técnico e o documento de avaliación ambiental presentados por Endesa Generación, S.A.[21], na que se establece ademais un prazo para presentar alegacións. No momento da publicación no DOG do proxecto, ENDESA xa levaba ano e medio executándoo; alegando fortes chuvias, taponáranse os desaugadoiros e desmontárase o equipo vello, calculando a empresa que en catro meses rematarían as obras[22]. ADEGA presentou alegacións ao plan centradas en tres puntos: a recuperación do caudal ecolóxico e da concesión, a deficiente caracterización e cubicación dos sedimentos e o fortalecemento das medidas de seguemento e control antes, durante e despois da entrada en funcionamento dos desaugadoiros[23]. En marzo de 2015, co gallo da presentación por parte da Xunta de Galicia do Plano Reitor de Uso e Xestión (PRUX) das Fragas do Eume, ADEGA volve a facer referencia ao estado hidrolóxico do río Eume nas súas alegacións ao mencionado plano; consideran que se produciron graves efectos contaminantes e que o río soporta unha irracional xestión do seu nível hidrolóxico derivado da regulación artificial do seu caudal[24].

O feito de que o encoro estea situado no corazón do Parque Natural das Fragas do Eume, incluído na Rede Natura 2000 da UE,[1] xunto a outros motivos levaron a que algunhas organizacións ecoloxistas demandaran a súa eliminación.[20]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 AEMS-Ríos con Vida 2010, pp. 3-4
  2. 2,0 2,1 INEGA (ed.). "Centrais grande hidráulica" (PDF). Consultado o 4 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Alonso 2011, pp. 3-4
  4. 4,0 4,1 4,2 AEMS-Ríos con Vida 2010, p. 6
  5. Buxa. Asociación Galega do Patrimonio Industrial, ed. (2/6/2011). "190 Salto da Ventureira". Consultado o 4 de setembro de 2016. 
  6. queverengalicia.com (ed.). "Senderismo: Ruta por el Cañón del Eume" (en castelán). Consultado o 4 de setembro de 2016. 
  7. Julio Pérez (25/6/2008). La Opinión Coruña, ed. "Las presas y el urbanismo amenazan a los peces autóctonos de los ríos" (en castelán). Consultado o 12 de setembro de 2016. 
  8. La Voz de Galicia, ed. (23/6/2003). "El salmón vuelve al río Eume después de cuarenta años de ausencia" (en castelán). Consultado o 12 de setembro de 2016. 
  9. Mark Adkinson (22/7/2012). La Voz de Galicia, ed. "El salmón atlántico: camino de la extinción" (en castelán). Consultado o 12 de setembro de 2016. 
  10. 10,0 10,1 Viviana Burón (22/4/2010). La Opinión, ed. "El fiscal denuncia a Endesa por causar daños en el río Eume El fiscal denuncia a Endesa por causar daños en el río Eume" (en castelán). Consultado o 13 de setembro de 2016. 
  11. Pablo González (22/4/2010). La Voz de Galicia, ed. "La Fiscalía denuncia a Endesa por dejar secos 3 kilómetros del río Eume" (en castelán). Consultado o 13 de setembro de 2016. 
  12. La Voz de Galicia, ed. (13/5/2010). "Una medida que surge tras la denuncia de la Fiscalía contra Endesa en el Eume" (en castelán). Consultado o 13 de setembro de 2016. 
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 Alonso 2011, pp. 57-58
  14. 14,0 14,1 14,2 V. Burón (29/6/2011). La Opinión, ed. "La Xunta descarta retirar a Endesa la concesión del embalse de A Capela" (en castelán). Consultado o 1 de setembro de 2016. 
  15. AEMS-Ríos con Vida 2010, p. 5
  16. 16,0 16,1 16,2 AEMS-Ríos con Vida 2010, p. 7
  17. Nuria Rodríguez (3/1/2009). La Opinión, ed. "La Xunta adjudica la depuradora de As Pontes por 3,5 millones" (en castelán). Consultado o 30 de agosto de 2016. 
  18. Héctor J. Porto (21/3/2009). La Voz de Galicia, ed. "Las obras de la autovía Ferrol-Vilalba amenazan los ríos Eume y Trimaz" (en castelán). Consultado o 30 de agosto de 2016. 
  19. AEMS-Ríos con Vida 2010, p. 8
  20. 20,0 20,1 ADEGA, ed. (27/6/2011). "ADEGA esixe a caducidade da concesión e a demolición do encoro d'A Capela no Eume". Consultado o 1 de setembro de 2016. 
  21. Xunta de Galicia, ed. (20/6/2014). "RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2014 pola que se someten ao trámite de información pública a solicitude de autorización para a modernización dos desaugadoiros de fondo da presa do Eume, situada nos concellos de Monfero, As Pontes e A Capela, provincia da Coruña, así como o proxecto técnico e o documento de avaliación ambiental presentados por Endesa Generación, S.A.". DOG. Consultado o 6 de setembro de 2016. 
  22. La Voz de Galicia, ed. (1/7/2014). "Endesa acabará las obras del embalse del Eume en 4 meses". Consultado o 6 de setembro de 2016. 
  23. ADEGA, ed. (23/7/2016). "Escrito de alegacións" (PDF). Consultado o 6 de setembro de 2016. 
  24. ADEGA, ed. (11/3/2015). "PRUX das Fragas do Eume: 19 agardando por un plano desfasado e sen compromisos concretos". Consultado o 6 de setembro de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]