Lactancio
Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. 240 África romana (pt) |
Morte | c. 320 (79/80 anos) Tréveris, Alemaña |
Actividade | |
Campo de traballo | Apoloxética, teoloxía e filosofía |
Ocupación | escritor, apoloxeta, retórico |
Período de tempo | Baixo Imperio Romano |
Profesores | Arnobio |
Obra | |
Obras destacables | |
Descrito pola fonte | Nordisk familjebok De viris illustribus Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft |
Lucius Cæcilius Firmianus, dito Lactantius (Lactancio), nado cara 240 e finado en Tréveris arredor de 325, foi un retórico do Imperio romano de Occidente.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]De orixe pagá e alumno de Arnobio,[1] un retórico cristián, instalouse en Nicomedia, en Bitinia cando, no 303, foi chamado por Diocleciano para exercer o cargo de retórica latina. Esta decisión foi desafortunada, pois a cidade era de lingua grega e Lactancio achou poucos alumnos. Perdería o traballo cando a gran persecución do emperador Diocleciano, por mor de se ter convertido ao cristianismo, de xeito que tentou ocupar o seu lecer escribindo.[1]
San Xerome, no De viris illustribus, afirma que ao final da súa vida atopou a graza do emperador Constantino I, pois foi chamado a Tréveris para ensinarlle literatura latina ao seu fillo máis vello Crispo.[1] Seguramente, este nomeamento chegoulle no ano 317, ano en que Crispo foi proclamado César. Morreu poucos anos despois, seguramente na mesma cidade de Tréveris, unha das capitais do Imperio romano occidental.[2]
Obras
[editar | editar a fonte]As cartas e versos anteriores á súa conversión ao cristianismo perdéronse. Logo de converterse as súas obras están dominadas por un tema central: a Providencia. O seu libro principal, as Diuinae institutiones (Institucións divinas), está formado por 7 obras, nas que tenta explicar aos pagáns –polo menos aos que posúen instrución– que o politeísmo é indefendible e que a razón obriga a admitir os dogmas e a moral do cristianismo.
Atribúeselle ademais o Carmen de aue phoenice (Oda da ave fénix), un dos textos máis ricos sobre esa ave fabulosa.
De Mortibus Persecutorum
[editar | editar a fonte]De Mortibus Persecutorum (Sobre a morte dos perseguidores) é unha das fontes máis usadas pola historiografía para o estudo da tetrarquía e das persecucións cristiás, así como para a reconstrución da chegada ao poder de Constantino I e os seus primeiros anos de reinado. A obra está composta de 52 capítulos, de gran brevidade. Os seis primeiros céntranse nas persecucións sufridas polos cristiáns desde os tempos de Nerón. Os seguintes tratan da persecución do cristianismo emprendida polos tetrarcas e dos feitos que levaron a Constantino I ao trono.
A súa conclusión é que os emperadores perseguidores do cristianismo foron tiranos e tiveron unha morte atroz, como castigo divino; mais non menciona que entre aqueles que considerou como bos emperadores algúns puxeran en marcha medidas contra os cristiáns, como Traxano, Marco Aurelio ou Septimio Severo. Constantino, porén, é desde o principio do seu reinado un protector dos cristiáns e un elixido de Deus. De feito, a obra é a fonte máis antiga conservada en relatar o soño en que Constantino, antes da batalla da Ponte Milvio, recibe de Deus a orde de poñer o símbolo de Cristo nos escudos dos seus soldados.[3]
Existe un gran debate histórico acerca da data de composición desta obra. Polos sucesos que trata, non pode ser anterior a finais do 313. Posto que tampouco recolle o disenso entre Constantino e Licinio, debería ser anterior ao 316. Por tanto, sería redactada en Nicomedia, antes do seu nomeamento como preceptor de Crispo. Con todo, hai autores que pensan que a obra demostra unha gran intimidade co emperador. Por tanto sería escrita cando xa Lactancio era preceptor de Crispo.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Lucius Caelius Firmianus Lactantius |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Barbero, Alessandro (2016). Costantino, il vincitore (en italiano). Salerno: Salerno Editrice. ISBN 9788869731389.
- Kytzler, Bernhard (Editorial Gredos). Breve diccionario de autores griegos y latinos (en castelán). Madrid. ISBN 84-249-1395-7.