Saltar ao contido

La Centuria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
La Centuria
LugarOurense
Lingualingua castelá
Fundación1917
Na rede
Galiciana: 577307
editar datos en Wikidata ]

La Centuria foi unha revista mensual editada en Ourense entre 1917 e 1918.

Historia e características

[editar | editar a fonte]

Apareceu en xuño de 1917 co subtítulo Revista neosófica-Orense-España. Estaba dirixida por Vicente Risco, e os seus administradores foron Arturo Noguerol e Florentino Cuevillas. Foi unha publicación literaria de corte modernista e un intento de renovar o panorama intelectual da Galicia da época desde unha posición inconformista e inadaptada. Nas súas páxinas publicaron un amplo grupo de escritores situados entre o simbolismo e o modernismo como Xavier Bóveda, Eduardo del Palacio, Ramón Villarino de Sáa, Primitivo Rodríguez Sanjurjo, Francisco Álvarez de Nóvoa e Rafael Cansinos Assens. Tamén incluíu as primeiras entregas literarias de Otero Pedrayo. Os debuxos das portadas son de Risco, Ramón París e Jesús Soria.

A presenza do futuro grupo Nós ten compoñentes moi diversas: Cuevillas publicou ensaios en castelán sobre "Rusia y su revolución" e Arturo Noguerol unha serie de notas de socioloxía política, todos en castelán. A única colaboración en galego é o poema "As florinhas dos tojos" de Antonio Noriega Varela. Xunto a eles, apareceron entregas de autores máis vangardistas como Evaristo Correa Calderón e o poema filosófico "El reproche de mi alma" de Cansinos Assens. Entre as notas curiosas, os traballos de Primitivo R. Sanjurjo e os horóscopos asinados co seu pseudónimo Beta Herculis. Outros colaboradores foron Emilio Amor, E. Álvarez, Benito Fernández, Eduardo del Palacio e Sebastián Risco.

A revista foi a plataforma de Risco para abrir portas no mundo cultural galego, coa difusión na súa sección "Letras contemporáneas" de escritores como Mallarmé, Rimbaud, Meredith, Tagore, Chesterton, Gustav Kahn etc. O mesmo Risco publicou o seu “Preludio a toda estética futura”, unha reflexión intelectual arredor da arte como fuxida da realidade e a defensa da vocación elitista do artista.

Só apareceron sete números, rematando en xullo de 1918.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]