Kosmos 149

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Kosmos 149
TipoDemostrador tecnolóxico / observación terrestre
Destino actualReentrado na atmosfera.
Data de lanzamento21 de marzo de 1967, 10:07 GMT[1][2][3]
Foguete portadorKosmos 2I[2][4]
Sitio de lanzamentoKapustin Yar[2]
Duración da misión17 días[2]
Obxectivo da misiónProba de sistemas de estabilización aerodinámica no espazo e experimentos con sistemas óptico.[2]
Decaemento7 de abril de 1967[1]
NSSDC ID1967-024A
Masa375 kg[2][5]
DimensiónsCilindro de 6,5 m de longo e 1,2 m de diámetro, cunha cúpula nun dos extremos e unha base anular.

Kosmos 149 (Космос 149 en ruso), tamén denominado DS-MO N°1, foi un satélite artificial soviético lanzado o 21 de marzo de 1967 mediante un foguete Kosmos 2I desde Kapustin Yar.[2][4]

Características[editar | editar a fonte]

Kosmos 149 foi o primeiro satélite da serie DS-MO, de dous que se lanzaron (sendo segundo o Kosmos 320). Foi inxectado nunha órbita inicial de 297 km de apoxeo e 248 km de perixeo, cunha inclinación orbital de 48,4 graos e un período de 89,8 minutos.[3][5]

O satélite pesaba 375 kg e foi deseñado para facer probas sobre sistemas de estabilización aerodinámicos no espazo, así como experimentos con sistemas ópticos dirixidos á predición meteorolóxica. Tiña forma de cilindro de 6,5 m de longo e 1,2 m de diámetro, cunha cúpula nun dos extremos e unha base anular da cal, mediante catro barras, sobresaía o estabilizador aerodinámico de forma anular. Kosmos 149 foi o primeiro satélite en probar un sistema de estabilización deste tipo, que demostrou ser capaz de orienta-la nave cun erro de 5 graos. A orientación do satélite podíase calcular con maior precisión grazas ós instrumentos científicos de a bordo. O sistema de orientación combinado coas medidas dos instrumentos permitiron correlacionar xeograficamente as medicións destes cunha precisión de entre 10 e 15 km na dirección do nadir.[2][5].

Tódolos instrumentos de a bordo podían funcionar en dous modos: o "modo de ciclo continuo" ou o "modo de almacenamento de datos". O satélite transmitía os datos a unha frecuencia de 90 MHz mediante unha antena situada na parte superior da base do mesmo. As temperaturas dos instrumentos eran controladas mediante termómetros de resistencia, cuxas medidas usábanse tanto para regula-la temperatura dos mesmos como para axusta-los datos obtidos polos instrumentos.[2][5]

Aínda que o satélite funcionou en xeral tal como estaba planeado, ao principio da misión presentáronse problemas co sistema de estabilización aerodinámico que produciron un xiro do satélite sobre si mesmos arredor do eixo lonxitudinal, limitando ata certo punto as medicións que podían face-los instrumentos científicos.[2][5]

Kosmos 149 reentrou na atmosfera o 7 de abril de 1967, tras 17 días en órbita.[1]

Instrumentos[editar | editar a fonte]

Kosmos 149 levaba a bordo unha serie de instrumentos ópticos para observar a Terra:[2]

  • Dous telefotómetros de resolución media e ángulo estreito de tres canais na zona do espectro visible para obter datos estatísticos dos bancos de nubes, as alturas dos cumios nubrados e do contido de vapor de auga na atmosfera. Un dos telefotómetros estaba situado na cúpula da nave e facía observacións perpendicularmente á traxectoria de voo. O outro situábase nun lateral do centro do cilindro do satélite e observaba na dirección de voo.
  • Un radiómetro infravermello de alta resolución no rango entre 8 e 12 micrómetros para medi-la temperatura superficial e do teito de nubes.
  • Dous radiómetros de gran angular e tres canais para determina-lo equilibrio radiativo da atmosfera terrestre. Atopábanse en sendos mastros proxectados desde a base anular do satélite, un apuntando na dirección do nadir e o outro na do cénit.
  • Unha cámara de televisión para obter imaxes da cobertura nubosa e correlacionalas cos datos dos radiómetros. Ía aloxada na cúpula do satélite, co eixo óptico apuntando paralelamente ó nadir.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "COSMOS 149" (en inglés). Consultado o 19 de xullo de 2012. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 NASA (4 de novembro de 2011). "Cosmos 149" (en inglés). Consultado o 19 de xullo de 2012. 
  3. 3,0 3,1 "Letter dated 7 April 1967 from the Permanent Representative of the Union of Soviet Socialist Republics addressed to the Chairman of the Committee on the Peaceful Uses of Outer Space". COMMITTEE ON THE PEACEFUL USES OF OUTER SPACE (68-08090): 3. 7 de abril de 1967. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de novembro de 2014. Consultado o 19 de xullo de 2012. 
  4. 4,0 4,1 Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "DS-MO" (en inglés). Consultado o 19 de xullo de 2012. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Mark Wade (2011). "DS-MO" (en inglés). Consultado o 19 de xullo de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]