Keum Suk Gendry-Kim
(2023) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1971 (52/53 anos) Goheung, Corea do Sur |
Residencia | Ganghwa |
Educación | Universidade Sejong Escola Superior de Artes Decorativas de Estrasburgo |
Actividade | |
Campo de traballo | Banda deseñada e ilustración |
Ocupación | artista de banda deseñada, ilustradora, tradutora, manhwaga, autora de cómics |
Familia | |
Cónxuxe | Loïc Gendry |
Premios | |
| |
Sitio web | suksuksuksuk.blogspot.com |
Keum Suk Gendry-Kim (en coreano: 김 금숙), nada co apelido Kim en Goheung, un condado rural do extremo sur de Corea do Sur, en 1971, é unha debuxante de banda deseñada e tradutora coreana.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Por razóns económicas sendo nena trasladouse coa familia desde esa contorna rural á capital do país, Seúl. Criouna sobre todo a irmá máis vella, dado que tanto a nai coma o pai traballaban fóra da casa. Este capítulo da súa vida cóntao no seu álbum Le chant de mon père[1], que coma algunhas outras obras súas foi escrita orixinalmente en francés.
Comezou a estudar Pintura Occidental na Universidade Sejong, en Seúl, e en 1994, con 23 anos, marchou vivir primeiro a París[2] e anos máis tarde a Estrasburgo. En 1998 licenciouse en Arte, coa especialidade en escultura e instalacións, na Escola de Artes Decorativas de Estrasburgo[1]. Logo de licenciarse aínda quedou outro ano máis en Francia para continuar os estudos. Durante este ano traballou como profesora axudante e como asistenta para estudantes coreanos de intercambio. Tamén completou o seu posgrao en Encadernación.
En 1997, cando a nai de Kim foi botar algún tempo canda ela en París, soubo da historia da nai, a quen separaran da súa irmá durante a Guerra de Corea. Esta experiencia contaríaa máis tarde no seu álbum A espera.[3][4]
Despois da etapa na Escola de Artes Decorativas de Estrasburgo, realizou algunhas exposicións e residencias noutros países, mais atravesou dificultades financeiras. Así foi que comezou a traballar a tempo parcial como tradutora de banda deseñada coreana ao francés, e ese traballo foi o que fixo que desenvolvese interese neste xénero narrativo. Ao longo da súa vida Keum Suk Kim chegou a traducir un cento de novelas gráficas[5], aproveitando a vizosidade do mercado galo de banda deseñada.
Neses anos que botou en Francia, Keum Suk Kim coñeceu a Loïc Gendry, e casou con el. Canda Gendry, que lle deu a metade do seu novo apelido, trasladouse a Corea do Sur en 2011[2].
Comezou a debuxar viñetas para xornais da comunidade coreana en Francia, como o 'Han Weekly' ou 'France Zone', e neses medios creou 'Petitya', unha serie de seis anos sobre a experiencia de vivir como coreana en Francia[6]. Ademais, Gendry-Kim xa publicara algúns traballos de banda deseñada máis breves en 2010 (como Véronique, La veille ou Gravir la montagne), mais o seu verdadeiro debú fíxoo en 2012 con Le chant de mon père, a ementada peza autobiográfica que publicara en francés Éditions Sarbacane.[7] Estas primeiras obras escribiunas directamente en francés.
En 2013, traballou nunha breve historia en banda deseñada que chamou Segredo, baseado no testemuño das vítimas da guerra de Corea. Iso serviulle de ensaio para executar a obra que lle deu máis popularidade en todo o mundo: Herba (풀). Esta novela gráfica narra unha pescuda xornalístico-emocional sobre as escravas sexuais coreanas, mulleres que foron deportadas e explotadas sexualmente polo Exército xaponés durante a colonizació e os conflitos bélicos da metade do século XX.[8] Herba foi das súas obras a que primeiro se traduciu ao galego (Alba Verea para Rinoceronte, en 2024), e a primeira que se traduciu directamente do coreano ao galego.
Ademais de banda deseñada para adultos e do seu labor como tradutora tamén ten feito banda deseñada e narrativa para a rapazada, así como álbums ilustrados[9].
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Vive na illa Ganghwa, no norte do país.
Obra
[editar | editar a fonte]- Le chant de mon père (2012).
- De case en case: portraits de 15 bédéistes sud-coréens (2015), a canda o seu home Loïc Gendry.
- 지슬 (2014). Jiseul (libro de O Muel ilustrado por Gendry-Kim).
- Herba (2017), 풀, traducido por Alba Verea (Rinoceronte, 2024).
- 준이 오빠 (2018). Jun.
- 나목 (2019). A árbore espida.
- Alexandra Kim, la sibérienne (2020), baseado nunha novela de Jung Cheol-Hoon.
- 기다림 (2020). A espera.
- 개 (2021). Cans
- 시간이 지날수록 빛나는 (2022). Cada vez máis brillante.
- 내일은 또 다른 날 (2023). Mañá será outro día
- 내 친구 김정은 (2024). O meu amigo Kim Jong-Un.
Premios
[editar | editar a fonte]Obra | Categoría | Premio | Ano | Resultado |
---|---|---|---|---|
Herba | Non-ficción | Premio Believer | 2020 | Candidata |
Herba | Mellor Libro de Banda deseñada do Ano | The Cartoonist Studio Prize | 2020 | Gañadora |
Herba | Mellor novela gráfica | Big Other Book Award | 2020 | Gañadora |
Herba | Mellor novela gráfica | Premios Literarios doLA Times | 2020 | Candidata |
Herba | Mellor obra baseada en feitos reais | Premio Eisner | 2020 | Candidata |
Herba | Mellor Escritor/Artista | Premio Eisner | 2020 | Candidata |
Herba | Mellor edición estadounidense dunha obra internacional | Premio Eisner | 2020 | Candidata |
Herba | Libro do Ano | Harvey Award | 2020 | Candidata |
Herba | Mellor Álbum Internacional | Harvey Award | 2020 | Gañadora |
Herba | Mellor obra internacional de banda deseñada de non-ficción | Ringo Award | 2020 | Candidata |
Herba | Mellor Novela gráfica para Adolescentes | ALA / YALSA | 2020 | Gañadora |
Herba | Alex Award | ALA / YALSA | 2020 | Candidata |
Herba | Krause Essay Prize | 2020 | Gañadora | |
Herba | Mellor obra | VLA Graphic Novel Diversity Award | 2019 | Gañadora |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Kim, Tae-hun. "Deep Inkwells of Emotion". Koreana (en inglés). Consultado o 7/11/2024.
- ↑ 2,0 2,1 Melikian, Laurent (23/5/2017). "Keum Suk Gendry-Kim : « J’arrive chargée d’espoir »". Actua BD (en francés). Consultado o 7/11/2024.
- ↑ Pereira, Edipo (1/7/2021). "A Espera. Autora de Grama ganha nova HQ no Brasil". Cosmo Nerd (en portugués). Consultado o 7/11/2024.
- ↑ Ulin, David L. (5/11/2021). "Review: The traumas of history blur into the present in a time-bending Korean graphic novel". Los Angeles Times (en inglés). Consultado o 7/11/2024.
- ↑ Jungmin Yoon, Emily (25/3/2021). "Interview with Keum Suk Gendry-Kim: Imagining the Collective Memory of History". Korean Literature Now (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 09/08/2021. Consultado o 7/11/2024.
- ↑ "김금숙. 아동만화가 - 교보문고". store.kyobobook.co.kr (en coreano). Consultado o 2024-11-07.
- ↑ "Keum Suk Gendry-Kim". Lambiek Comiclopedia (en inglés). Consultado o 7/11/2024.
- ↑ Kwak, Yeon-soo. "Harvey Award-winning graphic novelist highlights history in cartoons". The Korea Times (en inglés). Consultado o 7/11/2024.
- ↑ 9,0 9,1 "Keum Suk Gendry-Kim". Drawn and Quarterly.