Katanga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Provincia de Katanga
Situación do Katanga no Congo
Capital Lubumbashi
Xentilicio Katangués/esa
Selo postal de Katanga emitido en 1961; a pesar de que Katanga non foi membro da UPU, os seus selos foron admitidos no correo internacional.

Katanga[1] é a provincia máis meridional da República Democrática do Congo. A súa capital rexional é Lubumbashi (anteriormente, Elizabethville). Ocupa unha superficie de 518.000 km² e conta cunha poboación aproximada de 4'1 millóns de habitantes. As actividades gandeiras concéntranse na Meseta de Katanga, en tanto que a parte máis oriental da provincia é unha importante zona mineira provedora de cobalto, cobre, estaño, radio, uranio e diamantes.

Historia[editar | editar a fonte]

A comezos do século XVII, a provincia encontrábase controlada polas tribos luba e lunda. Nas postrimerías do século XIX, un comerciante de Tanzania chamado M'Siri fundou un efémero reino que perdurou até a súa morte a mans dos belgas en 1891. Baixo o control de Bélxica desde aproximadamente 1884, os recursos minerais foron explotados por empresas desta nacionalidade (particularmente a Unión Mineira do Alto Katanga) e a provincia desenvolveuse moito máis que o resto do país. O cartel mineiro belga empregou tanto mercenarios contratados como gardas alugados a fin de someter a poboación local e asegurar o transporte sen contratempos dos minerais e outras materias primas fóra do país. A tribo baluba opúxose a miúdo ás operacións mineiras na provincia, resultando moitos dos seus membros asasinados.

Inmediatamente despois de producirse a independencia do Congo en xuño de 1960, Katanga rompeu as súas relacións co novo goberno de Patrice Lumumba e declarou a súa independencia baixo o liderado de Moise Tshombe. Lumumba foi substituído na xefatura do estado congolés en setembro de 1960 tras un golpe de estado levado a cabo por Joseph Mobutu. En xaneiro de 1962, Katanga creou a súa propia forza aérea, dirixida por Jan Zumbach. Contaba con dez bombardeiros Harvard T-6 e dous reactores Vampire, case todos os cales foron destruídos por soldados suecos en decembro de 1962. Unidades armadas baixo a supervisión das Nacións Unidas levaron a cabo durante dous anos unha campaña militar co obxectivo de reintegrar Katanga ao Congo, operacións que culminaron cun Plan de Reconciliación Nacional en xaneiro de 1963.

En 1966 o goberno central congolés nacionalizou a Unión Mineira do Alto Katanga, baixo o nome de Gécamines. En 1971 Katanga mudou o seu nome polo de Shaba. Durante a década dos anos 70 as frecuentes insurreccións que tiveron lugar na provincia de Shaba esmagounas o o goberno congolés con axuda de potencias estranxeiras. O 12 de maio de 1978, por exemplo, os rebeldes ocuparon a cidade de Kolwezi, centro mineiro da provincia. Zaire pediu entón axuda aos Estados Unidos, Francia e Bélxica para restaurar a orde. A operación saldouse con 700 vítimas mortais africanas e 170 europeas.

A provincia mudou de novo o seu nome polo de Katanga en 1997, despois de que Mobutu Sese Seko partira para o exilio.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para katangués.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]