José Manuel Crespo
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 4 de abril de 1972 (52 anos) Marín, España |
Actividade | |
Ocupación | piragüista |
Deporte | piragüismo |
Participou en | |
2000 | Xogos Olímpicos de 2000 |
1996 | Xogos Olímpicos de 1996 |
Familia | |
Cónxuxe | Ana María Penas |
José Manuel Crespo Villanueva, nado en Marín o 4 de abril de 1972, é un ex-piraguista galego, que competía na modalidade de augas tranquilas. Foi varias veces campión de España e participou en dous Xogos Olímpicos: Atlanta 1996 e Sydney 2000.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Comezou a practicar piragüismo no Club Piragüismo Tambo de Marín, pasando logo á Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra. En 1990 conseguiu cinco medallas no Campionato Europeo de Piragüismo Júnior celebrado en Nottingham, catro delas de ouro.[1]
En 1993, con 21 anos, foi seleccionado pola Federación Española para participar no Campionato Mundial absoluto pero declinou a invitación ao non poder deixar o seu traballo como estibador no porto de Marín.[2] Si participou no Mundial do ano seguinte en México, nas probas de C1 200m e C1 500m, pero non conseguiu o pase ás finais.[3] Repetiu participación no Mundial de 1996 en Duisburgo, nas mesmas probas, clasificándose esta vez para a final de ambas, e logrando un oitavo posto nos 500m e un quinto nos 200.[4] Ese mesmo ano proclamouse campión de España nas tres distancias do C1, nas tres veces por diante de Alfredo Bea e David Mascato.[5]
Estes bos resultados permitíronlle participar nos Xogos Olímpicos de 1996 en Atlanta, onde competiu en dúas distancias diferentes (C1 500 e C1 1000), aínda que non conseguiu meterse na final en ningunha das dúas.[6][7] Nos seguintes anos debutou no renacido Campionato Europeo e continuou disputando o Mundial, tendo como mellor resultado un quinto posto no Mundial de 1999 en Szeged, no C1 1000m.[8] No ano 2000 participou en Sydney nos seus segundos Xogos Olímpicos, de novo nas distancias de 500 e 1000 metros, obtendo a 11ª e 15ª prazas respectivamente.[9]
Tralos Xogos Olímpicos de Sydney comezou a competir tamén no C4 e en xullo de 2001 disputou en Milán o Campionato Europeo formando equipo con David Cal, Alfredo Bea e David Mascato. Lograron o sexto posto no C4 500 metros e o sétimo no C4 1000 metros, mentres que Crespo quedou tamén sexto no C1 1000 metros.[10] No Mundial celebrado en Poznan ese mesmo ano, quedou sétimo no C1 1000 e sétimo tamén no C4 1000, xunto a David Cal, Rafael Menéndez e Marcel Glăvan.[11] Tamén en 2001 foi campión de España en C2 500 e C2 1000, xunto a Óscar Graña.[12] No ano 2002 en Sevilla, disputou o seu último Campionato do Mundo.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou coa tamén piragüista Ana María Penas, que participou en tres Xogos Olímpicos. O seu fillo Pablo é tamén piragüista, especializado na modalidade de maratón.[13]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "José Manuel Crespo, de Pontevedra, mejor palista español en los europeos júnior". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de agosto de 1990. p. 38.
- ↑ "Crespo antepuso su trabajo al mundial de piragüismo". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de agosto de 1993. p. 41.
- ↑ "«Me tocó la semifinal más rápida»". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de setembro de 1994. p. 44.
- ↑ "Campionato do mundo de piragüismo 1995". canoeresults.eu (en inglés). Consultado o 9 de agosto de 2021.
- ↑ "Crespo, tras los tres oros, afirmó que «fue como tenía que ser»". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de setembro de 1995. p. 39.
- ↑ "C1 500 metros nos Xogos Olímpicos de 1996". sports-reference.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2020. Consultado o 9 de agosto de 2021.
- ↑ "C1 1000 metros nos Xogos Olímpicos de 1996". sports-reference.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2020. Consultado o 9 de agosto de 2021.
- ↑ "Campionato do Mundo de 1999". canoeresults.eu (en inglés). Consultado o 9 de agosto de 2021.
- ↑ "Piragüismo nos Xogos Olímpicos de 2000" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18 de marzo de 2012. Consultado o 9 de agosto de 2021.
- ↑ "Campionato Europeo de 2001". canoeresults.eu (en inglés). Consultado o 9 de agosto de 2021.
- ↑ "Campionato Mundial de 2001" (PDF). Federación Internacional de Piragüismo (en inglés). Consultado o 9 de agosto de 2021.
- ↑ "Crespo y Graña, campeones de España en C-2". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de setembro de 2001. p. 51.
- ↑ "Pablo Crespo, fillo de Ana Penas e José Manuel Crespo, unha xenética de campións". CRTVG. 23 de outubro de 2019. Consultado o 9 de agosto de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do piragüista no sitio web oficial do Comité Olímpico Internacional (en inglés).
- Datos do piragüistaen sports-reference.com. Arquivado dende o orixinalArquivado 18 de abril de 2020 en Wayback Machine. (en inglés).