José Manuel Crespo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
José Manuel Crespo
Nacemento4 de abril de 1972
Lugar de nacementoMarín
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpiragüista
CónxuxeAna María Penas
editar datos en Wikidata ]

José Manuel Crespo Villanueva, nado en Marín o 4 de abril de 1972, é un ex-piraguista galego, que competía na modalidade de augas tranquilas. Foi varias veces campión de España e participou en dous Xogos Olímpicos: Atlanta 1996 e Sydney 2000.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezou a practicar piragüismo no Club Piragüismo Tambo de Marín, pasando logo á Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra. En 1990 conseguiu cinco medallas no Campionato Europeo de Piragüismo Júnior celebrado en Nottingham, catro delas de ouro.[1]

En 1993, con 21 anos, foi seleccionado pola Federación Española para participar no Campionato Mundial absoluto pero declinou a invitación ao non poder deixar o seu traballo como estibador no porto de Marín.[2] Si participou no Mundial do ano seguinte en México, nas probas de C1 200m e C1 500m, pero non conseguiu o pase ás finais.[3] Repetiu participación no Mundial de 1996 en Duisburgo, nas mesmas probas, clasificándose esta vez para a final de ambas, e logrando un oitavo posto nos 500m e un quinto nos 200.[4] Ese mesmo ano proclamouse campión de España nas tres distancias do C1, nas tres veces por diante de Alfredo Bea e David Mascato.[5]

Estes bos resultados permitíronlle participar nos Xogos Olímpicos de 1996 en Atlanta, onde competiu en dúas distancias diferentes (C1 500 e C1 1000), aínda que non conseguiu meterse na final en ningunha das dúas.[6][7] Nos seguintes anos debutou no renacido Campionato Europeo e continuou disputando o Mundial, tendo como mellor resultado un quinto posto no Mundial de 1999 en Szeged, no C1 1000m.[8] No ano 2000 participou en Sydney nos seus segundos Xogos Olímpicos, de novo nas distancias de 500 e 1000 metros, obtendo a 11ª e 15ª prazas respectivamente.[9]

Tralos Xogos Olímpicos de Sydney comezou a competir tamén no C4 e en xullo de 2001 disputou en Milán o Campionato Europeo formando equipo con David Cal, Alfredo Bea e David Mascato. Lograron o sexto posto no C4 500 metros e o sétimo no C4 1000 metros, mentres que Crespo quedou tamén sexto no C1 1000 metros.[10] No Mundial celebrado en Poznan ese mesmo ano, quedou sétimo no C1 1000 e sétimo tamén no C4 1000, xunto a David Cal, Rafael Menéndez e Marcel Glăvan.[11] Tamén en 2001 foi campión de España en C2 500 e C2 1000, xunto a Óscar Graña.[12] No ano 2002 en Sevilla, disputou o seu último Campionato do Mundo.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou coa tamén piragüista Ana María Penas, que participou en tres Xogos Olímpicos. O seu fillo Pablo é tamén piragüista, especializado na modalidade de maratón.[13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "José Manuel Crespo, de Pontevedra, mejor palista español en los europeos júnior". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de agosto de 1990. p. 38. 
  2. "Crespo antepuso su trabajo al mundial de piragüismo". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de agosto de 1993. p. 41. 
  3. "«Me tocó la semifinal más rápida»". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de setembro de 1994. p. 44. 
  4. "Campionato do mundo de piragüismo 1995". canoeresults.eu (en inglés). Consultado o 9 de agosto de 2021. 
  5. "Crespo, tras los tres oros, afirmó que «fue como tenía que ser»". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de setembro de 1995. p. 39. 
  6. "C1 500 metros nos Xogos Olímpicos de 1996". sports-reference.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2020. Consultado o 9 de agosto de 2021. 
  7. "C1 1000 metros nos Xogos Olímpicos de 1996". sports-reference.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2020. Consultado o 9 de agosto de 2021. 
  8. "Campionato do Mundo de 1999". canoeresults.eu (en inglés). Consultado o 9 de agosto de 2021. 
  9. "Piragüismo nos Xogos Olímpicos de 2000" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18 de marzo de 2012. Consultado o 9 de agosto de 2021. 
  10. "Campionato Europeo de 2001". canoeresults.eu (en inglés). Consultado o 9 de agosto de 2021. 
  11. "Campionato Mundial de 2001" (PDF). Federación Internacional de Piragüismo (en inglés). Consultado o 9 de agosto de 2021. 
  12. "Crespo y Graña, campeones de España en C-2". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de setembro de 2001. p. 51. 
  13. "Pablo Crespo, fillo de Ana Penas e José Manuel Crespo, unha xenética de campións". CRTVG. 23 de outubro de 2019. Consultado o 9 de agosto de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]