José María Moscoso de Altamira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
José María Moscoso de Altamira
José María Moscoso de Altamira, conde de Fontao (Palacio del Senado de España).jpg
Nacemento25 de maio de 1788
 Mondoñedo
Falecemento1 de marzo de 1854
 Madrid
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico
editar datos en Wikidata ]

José María Moscoso de Altamira Quiroga, nado en Mondoñedo o 25 de maio de 1788 e finado en Madrid o 1 de marzo de 1854, foi un político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de José María Moscoso Miranda, VII señor de Fontao, de Ferreira, da vila de San Martín de Mondoñedo, de Formarán, Donalbai, San Pedro do Río e Senande, coronel do rexemento de milicias provinciais e rexidor perpetuo de Mondoñedo, e de María del Carmen Quiroga Quindós, filla do Señor de Herves, Andrés Quiroga Ulloa, Académico de número da Real de Agricultura de Galicia e de María Quindós Pardo, filla, á súa vez, do III marqués de San Saturnino.

Fixo os seus estudos no Real Colegio de Artillería de Segovia xunto ao seu irmán Joaquín, morto en 1811 na batalla da Albuera.

Comezada a Guerra da Independencia Española en 1808, foi nomeado representante da nobreza de Lugo no congreso da Coruña reunido debido á invasión francesa e despois comandante no rexemento da milicia de Mondoñedo, polo cal debeu abandonar esta cidade ao ocupala os franceses, fuxindo a Ferrol. Regresou ao pouco tempo e por negarse a acudir á Corte en representación do Reino para cumprimentar ao novo rei Xose I debeu fuxir novamente, logrando do xeneral marqués de La Romana a reconstitución do rexemento provincial de Mondoñedo. O 22 de marzo de 1812 foi elixido como rexedor desta cidade, e xa rematando a ocupación o 1 de setembro de 1814, alcalde ordinario da mesma. Casado o 1 de maio de 1817 con María Antonia Taboada Bueno, señora de Bendoiro e Santa Marta de Babio, ese ano recibiu a chave como Gentilhombre de cámara con ejercicio do Rei. Pouco despois trasladouse a Ferrol, sendo nomeado, en 1820, o seu primeiro alcalde constitucional, xa no Trienio liberal.

O 22 de maio de 1820 acudiu como deputado polo Reino de Galicia ás Cortes de Madrid. Activo nas discusións parlamentarias foi elixido Vicepresidente o 9 de outubro de 1820, e Presidente das Cortes o 1 de xuño de 1821. O 28 de febreiro de 1822 foi nomeado ministro da Gobernación da Península no Goberno de Francisco Martínez de la Rosa. Intrigas políticas fixeron caer ao goberno e Moscoso foi destituído o 7 de xullo. Pouco despois foi arrestado en Galicia pola causa criminal que se seguiu contra os membros daquel gabinete. Coa restauración da Monarquía absoluta en 1823 o rei Fernando VII retiroulle, no chamado Decreto de Andújar, as honras de Gentilhombre e ordenou o seu desterro en Lugo. En outubro foi arrestado outra vez en Lugo pola súa participación no levantamento de 1820, pero foi absolto.

Non se acolleu á amnistía xeral que impuña o desterro do Reino, e foi confinado en Lugo polo xeneral Eguía. Permaneceu 7 anos nesta situación ata que en 1832 o novo capitán xeneral Pablo Morillo outorgoulle a liberdade de movemento e chamouno á Coruña como conselleiro. A morte de Fernando VII e a subida ao poder dos liberais moderados, dos que era líder en Galicia, fixeron que fora designado Subdelegado de Fomento en Lugo o 10 de decembro de 1833 e fora rehabilitado pola Raíña Rexente María Cristina de Borbón-Dos Sicilias no seu posto de Gentilhombre. Formou o censo xeral e o padrón da provincia e o 30 de marzo de 1834 a Rexente nomeouno Decano da Sección de Fomento do Consello Real e o 17 de abril ministro de Fomento Xeral do Reino en substitución do ministro Javier de Burgos. Cesou un ano despois tendo desenvolvido proxectos de estradas en Galicia e Aragón.

Procurador do Reino dende o 26 de xullo de 1834 e un dos artífices do Estatuto Real desde a súa posición no goberno de Francisco Martínez de la Rosa. Creado o Senado de España en 1837 por mandato da Constitución de 1836 foi elixido o 1 de novembro dese ano o seu primeiro Presidente sendo igualmente elixido nas lexislaturas de 1838, 1839, 1840, 1844 e 1845. Senador vitalicio dende o 24 de agosto de 1845.[1]

Foille outorgado o título de conde de Fontao o 8 de xaneiro de 1840 en atención a este antigo señorío da súa familia, do que era VIII titular, e que se remontaba ao século XV. Foi cabaleiro Gran Cruz da Orde de Carlos III, cabaleiro Gran Cordón da Orde da Lexión de Honra de Francia, cabaleiro da militar Orde de San Xoán de Xerusalén, membro de número da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e Maestrante de Ronda.

Predecesor:
Non existe
Presidente do Senado de España
1837 - 1840
Sucesor:
Ildefonso Díez de Rivera
Predecesor:
Mauricio Carlos de Onís
Presidente do Senado de España
1844 - 1845
Sucesor:
Manuel Pando Fernández de Pinedo
Predecesor:
Antonio de la Cuesta y Torre
Presidente das Cortes
1 de xuño de 1821 - 21 de xuño de 1821
Sucesor:
Pedro González Vallejo
Predecesor:
Francisco Javier Pinilla
Ministro da Gobernación da Península
28 de febreiro de 1822 - 5 de agosto de 1822
Sucesor:
José María Calatrava
Predecesor:
Javier de Burgos
Ministro de Fomento Xeral do Reino
17 de abril de 1834-12 de febreiro de 1835
Sucesor:
Juan Álvarez Guerra

Descendencia[editar | editar a fonte]

Do seu matrimonio con María Antonia Taboada Bueno, Señora de Bendoiro naceu:

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]