Saltar ao contido

José María Caneda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJosé María Caneda
Biografía
Nacemento1 de febreiro de 1947 Editar o valor en Wikidata
Santiago de Compostela, España Editar o valor en Wikidata
Morte24 de xuño de 2024 Editar o valor en Wikidata (77 anos)
Santiago de Compostela, España Editar o valor en Wikidata
Causa da mortecancro Editar o valor en Wikidata
Presidente SD Compostela
1988 – 2011 Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónempresario Editar o valor en Wikidata

Jose María Caneda Antelo, tamén coñecido como Xosé María Caneda,[1] nado en Amio (Santiago de Compostela) o 1 de febreiro de 1947 e finado na mesma cidade o 24 de xuño de 2024,[2] foi un empresario e directivo futbolístico galego. Presidiu durante 23 anos a SD Compostela, club ao que levou dende a Terceira ata a Primeira División, converténdose nun dos dirixentes máis populares do fútbol español.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Naceu no lugar compostelán de Amio, sendo un dos 12 fillos dun garda municipal.[3] Estudou un curso de formación profesional en electricidade e xunto a seu irmán Manolo fundou unha empresa de bobinados eléctricos.[4] Durante a súa xuventude practicou atletismo e ingresou xunto a seus irmáns Daniel e Mercedes na SD Compostela.[5]

En 1964 participou na fundación do Amio SD, club de fútbol do que foi xogador, adestrador e presidente.[4] En 1987 foi nomeado membro da directiva da SD Compostela e en maio do ano seguinte foi elixido presidente, despois de que só se presentase a súa candidatura.[6] O club militaba na Terceira División e estaba a atravesar graves problemas económicos.

Na súa primeira campaña á fronte do club fichou como adestrador a Pechas, que non acadou o obxectivo do ascenso. Para a tempada 1989/90 asinou a Fernando Castro Santos, técnico procedente do Arenteiro que dirixiría o Compostela durante os seguintes sete anos. O tándem Caneda-Castro Santos deu os seus froitos dende o inicio e o club conseguiu dous ascensos consecutivos dende a Terceira á Segunda División, tras fichar a xogadores composteláns que militaban fóra da cidade como Carlos Cea, Toñito, Suso Moure, Cao ou o seu irmán Luis Caneda.[4]

Despois de só tres anos na categoría de prata, onde se reforzou con xogadores como Ohen, Bellido, Nacho, Tocornal ou Fabiano o "Compos" de Caneda e Castro Santos conseguiu un histórico ascenso á Primeira División ao remate da tempada 1993/94, tras vencer na promoción de ascenso ao Rayo Vallecano de Ruiz-Mateos.[7] A pesar de que o equipo pechou a súa primeira tempada na elite selando a permanencia, Caneda despediu a Castro Santos, adestrador que contaba co apoio da meirande parte dos seareiros do club.[8]

Para a tempada 1995/96 contratou como técnico a Fernando Vázquez, co que o Compostela completou unha espectacular primeira volta, conseguindo derrotar entre outros ao Celta de Vigo, o Deportivo da Coruña, o Barcelona ou o Athletic, e ocupou a segunda praza da táboa no ecuador da competición.[9] Con todo, o seu rendemento baixou notablemente na parte final da tempada, conseguindo só 6 puntos nas 15 últimas xornadas, polo que rematou na 10ª posición, o mellor resultado histórico do club. Na seguinte campaña obtivo a 11ª praza e finalmente acabou descendendo na 1997/98, despois de non conseguir superar a promoción contra o Villarreal.[10]

Despois de fracasar no seu intento de regresar á máxima categoría, os problemas económicos do club levárono a un descenso administrativo a Segunda B en 2003 e a un dobre descenso (deportivo e administrativo) na seguinte campaña, baixando ata a Preferente Autonómica. A xunta de accionistas aprobou a liquidación do club en 2006, pero Caneda estaba en contra da medida e comprou en subasta pública o nome comercial da entidade. Ese ano asumiu a presidencia dun club amateur, a Sociedade Deportiva Campus Stellae, para convertelo na nova Sociedade Deportiva Compostela. Caneda continuou como presidente do novo club, que conseguiu chegar ata a Segunda División B, antes de que un novo descenso administrativo o devolvese á Preferente. En 2011, despois de 23 anos á fronte do club, Caneda vendeulle a entidade a Antonio Quinteiro.[11]

Estilo e controversias

[editar | editar a fonte]

Carismático e polémico, foi un dos presidentes máis populares do fútbol español da década de 1990, debido ao seu carácter, ás súas declaracións á prensa e á súa relación con outras persnalidades do fútbol e da política.[12][13] As súas primeiras polémicas datan de finais dos anos 70, cando sendo presidente do Amio, foi sancionado en varias ocasións con suspensións de ata seis meses por insultar e ameazar a árbitros.[14][15] Xa como presidente do Compostela mantivo enfrontamentos entre outros co presidente da Xunta, Manuel Fraga, ou co dirixente do Atlético de Madrid, Jesús Gil, co que tivo unha famosa liorta a puñadas na sede da LFP.​[7][12]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Tivo once irmáns.[16] Un deles é o dono dunha coñecida tenda de material deportivo de Santiago de Compostela.

Anos despois de deixar a xestión deportiva, a finais de 2022, anunciou que estaba a tratamento por unha enfermidade grave[17] que posteriormente sinalou como cancro de estómago e de esófago.[16] Faleceu en Santiago de Compostela o 24 de xuño de 2024, aos 77 anos de idade.[2]

  1. "Xosé María Caneda: "Fichei a Vázquez unha noite tomando un café nun local de Santiago"". www.crtvg.es. Consultado o 2023-02-01. 
  2. 2,0 2,1 "Falece José María Caneda, histórico presidente do Compostela". Nós Diario. 24 de xuño de 2024. 
  3. Malvar, Aníbal (20 de xaneiro de 2020). "“Enseñé a muchos presidentes a transportar el dinero B desde Suiza”" (en castelán). Consultado o 24 de xuño de 2024. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Furelos, Víctor (24 de xuño de 2024). "Adiós a Caneda, genio y figura". El Correo Gallego (en castelán). Consultado o 24 de xuño de 2024. 
  5. "SD Compostela. Entre la estrechez y la ilusión" (en castelán). Consultado o 24 de xuño de 2024. 
  6. "Caneda Antelo, único candidato a la presidencia del Compostela". La Voz de Galicia (en castelán) (Santiago ed.). 17 de maio de 1988. p. 48. 
  7. 7,0 7,1 "Muere José María Caneda, el histórico expresidente de la SD Compostela". Onda Cero (en castelán). 25 de xuño de 2024. Consultado o 25 de xuño de 2024. 
  8. "La marcha de Santos es un error". La Voz de Galicia (Santiago ed.). 22 de xuño de 1995. p. 62. 
  9. "El Compostela de la 1995-96: Cuando soplaba el dulce viento del noroeste". Marca (en castelán). 15 de xaneiro de 2018. Consultado o 25 de xuño de 2024. 
  10. "Muere el histórico expresidente del Compostela José María Caneda". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de xuño de 2024. Consultado o 25 de xuño de 2024. 
  11. "Compostela: De la gloria al abismo en quince temporadas". El Mundo (en castelán). 16 de maio de 2011. Consultado o 25 de xuño de 2024. 
  12. 12,0 12,1 "Caneda, el inigualable e irrepetible presidente que situó al Compos en el mapa de Primera" (en castelán). 24 de xuño de 2024. Consultado o 25 de xuño de 2024. 
  13. L. Cudeiro, Juan (24 de xuño de 2024). "Muere José María Caneda, indomable expresidente del Compostela". El País (en castelán). Consultado o 25 de xuño de 2024. 
  14. "Sanciones". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de setembro de 1979. p. 48. 
  15. "El presidente del Amio, suspendido por seis meses en sus funciones por amenazar e insultar a un árbitro". La Voz de Galicia (en castelán) (Santiago ed.). 5 de xuño de 1981. p. 33. 
  16. 16,0 16,1 Calvo, Naso (2023-01-29). "José María Caneda, expresidente del Compostela: «Estuve 10 meses sin comer y pasé de 95 kilos a quedarme solo en 64»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2023-02-02. 
  17. "José María Caneda, sobre su enfermedad: «Me derrumbé cuando me lo comunicaron, pero a las pocas horas dije: 'no, no me puede llevar tan rápidamente'»". La Voz de Galicia (en castelán). 2023-02-01. Consultado o 2023-02-01. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]