Jean Babelon

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para outros artigos de persoas co mesmo apelido, véxase a páxina de homónimos Babelon
Jean Babelon
Datos persoais
Nome completoJean François Laurent Babelon
Nacemento19 de xaneiro de 1889
LugarParís
Francia
Falecemento20 de abril de 1978 (89 anos)
LugarParís
Francia
Nacionalidade Francia
FillosJean-Pierre Babelon e François Babelon
Actividade
CampoNumismática, arquivística, biblioteconomía
Alma máterÉcole Nationale des Chartes
Biblioteca Nacional de Francia (Gabinete de Medallas)
Contribucións e premios
PremiosPremio Montyon (1948), (1964)
Premio Broquette-Gonin (1964)
editar datos en Wikidata ]

Jean Babelon, nado en París o 19 de xaneiro de 1889 e finado na mesma cidade o 20 de abril de 1978, foi un bibliotecario, historiador e numismático francés.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Jean herdou a súa paixón polos libros, pola historia e pola numismática do seu pai, Ernest Babelon (1854-1924).

Logo de cursar os seus estudos no prestixioso centro de ensino superior École Nationale des Chartes, especializado na formación en ciencias auxiliares da Historia (fundamentalmente a biblioteconomía e a arquivística), elaborou as súas teses cos títulos de Jacopo da Trezzo et la Construction de l'Escurial. Essai sur les arts à la cour de Philippe II. 1519-1589, como tese principal, e La moralité de Bien Advisé et Mal Advisé, précédée d'une étude sur les moralités en général, como tese secundaria, o que lle permitiu a obtención do título de Arquiveiro Paleógrafo en 1910.[2]

Posteriormente entrou a traballar no Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia, naquela época dirixido polo seu pai. Nesa institución, quechegou tamén a dirixir entre os anos 1937 e 1961, desenvolveu toda a súa carreira profesional.[3]

Jean Babelon é autor dunha produción científica baseada fundamentalmente no terreo da numismática, onde destacan o Catalogue de monnaies grecques de la collection de Luynes ("Catálogo das moedas gregas da colección de Luynes"), en catro volumes publicados entre 1924 e 1936, e o Catalogue de la Collection de monnaies et médailles de M. Carlos de Beistegui ("Catálogo da colección de moedas e medallas de M. Carlos Beistegui"), editado en 1934. Tamén é salientable a súa obra acerca da arte e da literatura españolas.[4]

Entre 1923 de 1931 dirixiu, xunto con Pierre d'Ezpezel, a revista trimestral de arqueoloxía e numismática Aréthuse, na que o escritor Georges Bataille, daquela bibliotecario do Gabinete de Medallas, publicou os seus primeiros artigos da numismática. Esta revista cesou a súa actividade en 1931 e retomouse novamente entre 1934 e 1935 co nome de Demareteion, tamén dirixida por Jean Babelon.[5]

Jean Babelon obtivo ao longo da súa carreira tres distincións da Academia Francesa, da que formaba parte: o premio Montyon en 1916 e en 1948, e o premio Broquette-Gonin de literatura, en 1964, polo seu traballo titulado Les Monnaies racontent l'Histoire ("As moedas contan a Historia").[6]

Principais obras[editar | editar a fonte]

Á parte dos sueus numerosísimos artigos, fundamentalmente numismáticos, cómpre salientar as seguintes publicacións de Jean Babelon:[7][8]

  • 1924-1936: Catalogue de monnaies grecques de la collection de Luynes (4 volumes).
  • 1927: La médaille et les médailleurs. Payot, París.
  • 1934: Catalogue de la Collection de monnaies et médailles de M. Carlos de Beistegui Arquivado 12 de outubro de 2018 en Wayback Machine.. Les Beaux-Arts, París.
  • 1942: Le portrait dans l'antiquité d'après les monnaies. Payot, París.
  • 1944: La numismatique antique. Presses universitaires de France.
  • 1946: Portraits en médaille. Alpina, París.
  • 1951: Histoire de Paris d'après les médailles de la renaisance au XXe siècle (con Josèphe Jacquiot). París.
  • 1963: Les monnaies racontent l'histoire.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Jean Babelon (1889-1978)". Ficha da Biblioteca Nacional de Francia.
  2. "Babelon (Jean François Laurent)". En Ressources numériques en histoire de l'éducation.
  3. Amandry, M. (2005). "Les directeurs du département des Monnaies, Médailles et Antiques depuis 1719". Bibliothèque nationale de France. Comité d'histoire.
  4. "Babelon, Jean Arquivado 13 de outubro de 2018 en Wayback Machine.". En Dictionary of Art Historians.
  5. Estudo sobre a revista Aréthuse.
  6. "Prix littéraires: Jean Babelon". Académie Française.
  7. Ver referencias de artigos en Persée.
  8. "Babelon, Jean 1889-1978 Arquivado 06 de outubro de 2018 en Wayback Machine.". En Digital Library Numis.


Predecesor:
Adolphe Dieudonné
 Director do
Gabinete de Medallas de París
 
1937-1961
Sucesor:
Georges Le Rider
Predecesor:
A. Dieudonné e Adrien Blanchet
 Presidente da
Sociedade Francesa de Numismática
 
1942-1944
Sucesor:
Pierre le Gentilhomme