James Whale

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
James Whale
Whale and Karloff.jpg
Nacemento 22 de xuño de 1889
Lugar Dudley, Midlands Occidentais
Falecemento 29 de maio de 1957
Lugar Hollywood, California
Causa afogamento
Soterrado Forest Lawn Memorial Park (Glendale)
Nacionalidade Reino Unido Reino Unido
Parella(s) David Lewis (1930-1952)
Profesión Director
editar datos en Wikidata ]

James Whale, nado en Dudley (Midlands Occidentais) o 22 de xuño de 1889 e finado en Hollywood (California) o 29 de maio de 1957 foi un director de cinema británico radicado nos Estados Unidos de América. É especialmente coñecido polo seu traballo en filmes de terror, como Frankenstein (1931), A noiva de Frankenstein (1935) e O home invisible (1933).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Whale foi o sexto dos sete fillos dun metalúrxico e unha enfermeira. Como non era moi forte para traballar na industria coma os seus irmáns máis vellos, conseguiu un emprego de zapateiro. O talento que tiña como compositor e a renda extra acadada no traballo valeulle para pagar os seus estudos na Dudley School of Arts and Crafts.[1]

En outubro de 1915, co inicio da Primeira Guerra Mundial, alistouse no exército e estivo no rexemento de Worcestershire en xullo de 1916. En agosto do ano seguinte fixérono prisioneiro e dedicouse logo a debuxar e escribir, descubrindo o seu talento para as producións teatrais.

Tralo armisticio volveu a Birmingham e comezou a traballar profesionalmente no teatro. En 1928 dirixiu a obra de R. C. Sherriff, Journey's End, con Laurence Olivier, que estaba a principiar a súa carreira. A peza foi un éxito e pasaron a un teatro do West End con Colin Clive no papel principal. A obra tivo seiscentas representacións e Whale tamén dirixiu a versión de Broadway e a adaptación cinematográfica, co mesmo Clive.

En Hollywood tivo o seu gran momento cando dirixiu o filme Frankenstein (1931) e a súa secuela, A noiva de Frankenstein (1935), ademais de O home invisible (1933), feitos para a Universal Pictures e que foron grandes éxitos de público.

Whale recibiu influencia do cinema mudo alemán, particularmente dos filmes de F. W. Murnau e os seus movementos de cámara[2]. Os filmes serviron para lanzar as carreiras estadounidenses de Gloria Stuart, Colin Clive, Elsa Lanchester, Boris Karloff e Claude Rains, actores que coñecía de Inglaterra e para os que creou papeis axeitados ás súas personalidades.

Monumento en memoria de James Whale en Dudley

Para a Universal tamén dirixiu The Road Back (1937), pensado como unha secuela de All Quiet on the Western Front. A pesar das protestas de Whale, o filme foi remontado e cortado despois da súa estrea e resultou un fracaso de público, polo que Whale foi relegado aos filmes B da Universal. En 1937 rodou The Great Garrick da Warner Bros., único filme para este estudio e que, a pesar da coidada ambientación do século XVIII, tamén resultou un fracaso. Nesta época Whale tan só conseguiu o éxito con The Man in the Iron Mask (1939), protagonizado por Louis Hayward e Joan Bennett. Green Hell, filme de aventuras na selva con Douglas Fairbanks, Jr., Joan Bennett e Vincent Price, foi a súa última longametraxe estreada comercialmente. Trala adaptación da obra de William Saroyan Hello-out there!, que non conseguiu estrear, non volver dirixir para o cinema.

Viviu co produtor David Lewis, que divulgou a curta nota de suicidio de Whale en 1987. Whale tiña depresión nerviosa e suicidouse afogándose na piscina da súa casa o 29 de maio de 1957.

Filmografía[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Curtis, James (1998). Faber and Faber, ed. James Whale: A New World of Gods and Monsters. Boston. p. 12. ISBN 0571192858. 
  2. Curtis p. 150

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]