Jacobus van der Vecht

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJacobus van der Vecht
Biografía
Nacemento5 de xullo de 1906
A Haia
Morte15 de marzo de 1992
Putten, Güeldres
Datos persoais
Outros nomesJaap van der Vecht
País de nacionalidadeneerlandesa
Formación profesionalLicenciatura e máster en Bioloxía, doutor en Bioloxía
EducaciónUniversidade de Leiden
Actividade
Lugar de traballo Changi (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónzoólogo, entomólogo
Período de actividade(Con vida en: 1945 Editar o valor em Wikidata)
EmpregadorInstituut voor Plantenziekten at Buitenzorg (Instituto para as enfermidades e pragas vexetais de Bogor)
Universidade de Indonesia
Rijksmuseum van Natuurlijke Historie (Museo Nacional de Historia Natural de Leiden)
Universidade de Groninga
Universidade de Leiden
Membro de
LinguaLingua neerlandesa Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeElizabeth M. "Bep" Bourguignon

Jacobus van der Vecht, nado o 5 de xullo de 1906 na Haia, e finado o 15 de marzo de 1992 en Putten, Güeldres, alcumado Jaap, foi un entomólogo neerlandés especializado en himenópteros, especialmente os das Indias Orientais e Nova Guinea.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Van der Vecht naceu na Haia o 5 de xullo de 1906. O seu pai, mestre das adegas da Corte da entón raíña viúva dos Países Baixos, Emma de Waldeck e Pyrmont, tiña interese pola historia natural e criaba bolboretas como unha afección. Gustáballe levar aos seus fillos a pasear para estudar a natureza e iso fomentou a paixón pola bioloxía en Jacobus.[1]

Van der Vecht deixou a escola da Haia e matriculouse para estudar Bioloxía na Universidade de Leiden. Alí comezou a estudar os himenópteros apócritos aculeados, e especialmente a taxonomía das abellas, centrándose no gran xénero Andrena e nas avespas da familia dos esfécidos. Licenciouse cun máster en 1928.[1]

Carreira científica[editar | editar a fonte]

Despois de licenciarse, Van der Vecht ocupou un posto nas Indias Orientais Neerlandesas no Instituut voor Plantenziekten at Buitenzorg (Instituto para as enfermidades e pragas das plantas de Bogor), en Xava. Mentres estivo en Bogor continuou o seu traballo en himenópteros no seu tempo libre, aínda que tiña outros intereses. Perdeu a maior parte da función dun ollo ao ser alcanzado por unha pelota de tenis. Durante este tempo publicou traballos sobre a fauna de himenópteros indo-australiana incluíndo publicacións sobre as familias dos trigonalíidos, vespidos, esfécidos, ápidos, sapíxidos e pompílidos. Ao mesmo tempo realizaba estudos sobre especies de animais economicamente importantes, principalmente pragas e os seus parasitos. Un campo importante da súa investigación profesional foron as flutuacións nas poboacións de pragas, e isto resultou na súa tese de doutoramento, lida da Universidade de Leiden, sobre un becho que é unha praga da planta do pemento, Dasynus piperis. Outro proxecto de investigación realizado por el implicou a crianza de 40 xeracións sucesivas da couza do coco Artona catoxantha para poder estudar a súa dinámica de poboación, hábitos e o efecto de parasitos e hiperparasitos. Os resultados deberían publicarse en 1941, pero as probas e ilustracións perdéronse durante a ocupación xaponesa das Indias Orientais Holandesas. Porén, unha copia do manuscrito atopouse, e publicouse en 1950, despois de que se preparasen novas ilustracións. Outro interese da súa investigación foi a influencia do clima nas pragas, publicando un importante documento en colaboración con F. H. Schmidt sobre a flutuación do monzón oriental en Xava e Madura.[1] Cando rematou a guerra, estudou a enfermidade do arroz, coñecida como mentek en Indonesia, pero non puido establecer a causa da enfermidade.[2]

Máis tarde Van der Vecht interesouse pola bioxeografía da área indo-malaisia, que se converteu nunha importante área de investigación para el. Comezou a súa investigación neste tema que resultou nun traballo sobre as abellas carpinteiras do xénero Xylocopa das Célebes, un traballo que aínda é importante para os traballadores que intentan comprender a diversidade das abellas carpinteras en Sulawesi. Outro artigo importante foi sobre a evolución dalgunhas avespas indo-australianas do xénero Eumenes; observou diferenzas distintivas entre o patrón de cor máis uniforme mostrado polas avespas da familia dos véspidos nas grandes illas da rexión, e os patróns altamente variábeis das mesmas especies nas pequenas illas exteriores do arquipélago. Isto levou a un interese pola importancia evolutiva da estrutura do niño nas avespas da familia dos véspidos. Ademais, descubriu o "órgano de van der Vecht", que é un órgano que produce unha secreción que algúns grupos de véspidos usan para protexer os seus niños das formigas.[1]

Tras a ocupación xaponesa de Indonesia, Van der Vecht foi detido en campos de prisioneiros nas duras circunstancias polas que son notorios estes. Foi levado de Xava a Birmania, onde traballou como escravo no famoso Burma Railway. O duro tratamento que recibiu durante este tempo afectouno durante a maior parte da súa vida. Despois de ser liberado, estivo un tempo en Singapur, no Raffles Museum, antes de regresar a Xava onde se reuniu coa súa esposa, Elizabeth M. "Bep" Bourguignon, da que estivera separado durante tres anos e medio, xa que estivo detida en campos separados. A un compañeiro, o doutor M. A. Lieftinck, permitíuselle seguir traballando no museo de Bogor durante o primeiro ano de ocupación. Lieftinck gardara a colección e a biblioteca de Van der Vecht no museo, o que significou que ambos sobreviviron á guerra en bo estado. En xaneiro de 1946 marchou a súa casa dos Países Baixos para recuperarse das súas experiencias bélicas e tamén estivo tres meses nos Estados Unidos de América para estudar os últimos desenvolvementos da entomoloxía agrícola.[1]

En 1947 regresou a Xava para ocupar o posto de xefe do Instituto de Enfermidades e Pragas de Plantas de Bogor, e alí reuniu unha importante colección de insectos. Regresou aos Países Baixos en 1951, pero foi nomeado profesor de entomoloxía e nematoloxía na Facultade de Agricultura da Universidade de Indonesia en Bogor en 1952. Van der Vecht dirixiu a maior parte da súa atención á entomoloxía durante o seu mandato na Universidade de Indonesia. Con Lieftinck intentou manter a Sociedade Entomolóxica de Indonesia, o que resultaba problemático, xa que había poucos entomólogos a tempo completo que permanecían en Indonesia despois da súa independencia dos Países Baixos.[1]

Van der Vecht deixou Indonesia para regresar aos Países Baixos en 1955, xa que traballar en Indonesia fíxose difícil, e esta vez a mudanza foi permanente. Tomou o posto de cpnservador de himenópteros no Rijksmuseum van Natuurlijke Historie ((Museo Nacional de Histoia Natural) de Leiden. Foi nomeado profesor extraordinario de taxonomía zoolóxica da Universidade de Groninga en 1962 e despois, en 1964, sucedeu a Hilbrand Boschma como profesor de zooloxía sistemática da Universidade de Leiden, o que significou que tivo que renunciar ao seu posto no Rijksmuseum van Natuurlijke Historia. En 1963 foi elixido membro da Real Academia das Artes e das Ciencias dos Países Baixos, pero só cinco anos despois tivo que retirarse por motivos de saúde.[1][3][4]

Durante a última parte da súa carreira, Van der Vecht tivo un papel importante no estudo dos himenópteros e como profesor de taxonomía. Xunto con Charles Ferriere reviviu o Hymenopterorum Catalogus de preguerra, un traballo que aínda está en curso. Foi un dos primeiros defensores da importancia da filoxenética para a taxonomía. Foi presidente da Sociedade Entomolóxica Holandesa entre 1961 e 1968. Viaxou recollendo exemplares de himenópteros, a miúdo coa súa muller, a destinos como Suriname, Papúa Nova Guinea e a Arxentina. Durante a súa vida foi un entusiasta coleccionista de himenópteros e despois da súa xubilación continuou, especialmente recollendo exemplares de himenópteros parasitos ao redor da aldea de Putten e arredores, onde el e Bep fixeran a súa casa nun bungalow chamado Andrena, recordando as abellas que comezou a estudar ao comezo da súa carreira. Foi enérxico axudando a mellorar a colección de himenópteros no Rijksmuseum van Natuurlijke Historie de Leiden e continuou publicando artigos aos seus oitenta anos. Na xubilación, Van der Vecht e a súa muller loitaron contra as enfermidades mentais. A súa muller morreu en 1986 e o ​​seu único fillo morrera de pequeno antes da guerra; a parella non puido ter máis fillos despois das súas experiencias nos campos de prisioneiros xaponeses durante a guerra.[1][3]

Especies nomeadas en honor de Van der Vecht[editar | editar a fonte]

Outros entomólogos nomearon unha serie de especies en honra de Van der Vecht, principalmente himenópteros, e algúns exemplos inclúen o incheumónido Aulosaphes vechti, a avespa eusocial Liostenogaster vechti, a pequena abella carpinteira Ceratine vechti, a avespa araña Hemipepsis vechti así como as vespas Epsilon vechti e Labus vandervechti.[5][6]

Algunhas publicacións[editar | editar a fonte]

Van der Vecht foi un prolífico autor de artigos, e unha bibliografía completa está recollida na súa necrolóxica por C. van Achterberg, que foi publicada en Zoologische Mededelingen en 1992. A continuación expóñense unha selección dalgúns dos máis notábeis:[1]

  • 1926 "Nieuwe naamlijst van de in Nederland voorkomende soorten van het geslacht Andrena. (Hymenoptera, Apidae)". Zool. Med. Leiden 9: 300–304.
  • 1930 (con S. Leefmans) "De roodgeringde mangga-rups, Noorda albizonalis Hamps". Korte Meded. Inst. Plantenz. Buitenzorg 14: 1–8.
  • 1931 "De stand van het onderzoek der peper-insecten in Nederlandsch Indie". Landbouw 6: 820–828.
  • 1933 "De groote peperwants of semoenjoeng, Dasynus piperis China". Dissertation Rijksuniversiteit Leiden: 1–101.
  • 1936 "Some notes on the life-history of Apoderus clavatus Pasc. (Col., Curculionidae). Ent. Meded. Ned.-Indie 2: 9–12.
  • 1948 "Entomologie in de U.S.A." Verslag 79de Winterverg. Ned. ent. Ver.
  • 1950 "Population studies on the Coconut Leaf Moth Artona catoxantha Hamps. (Lep., Zyg.)". Proc. 8th int. Congr. Entomology: 702–715.
  • 1952 (con F. H. Schmidt). "East monsoon fluctuations in Java and Madura during the period 1880–1940". Verh. Metereol. Magn. Inst. Djakarta 43: 1–36.
  • 1953 "The Xylocopa species of Celebes". Idea 9: 57–69.
  • 1953 "The problem of the mentek disease of rice in Java". Contr. gen. agric. Res. Stn Bogor 137: 1–88.
  • 1954 "Agricultural Entomology in Indonesia, 1939–1948". Proc. 7th Pac. Sc. Congr. 4: 100–108.
  • 1972 "Palaearctic Eumenidae Hymenopterorum catalogus Volume 8 of Hymenopterorum catalogus". Nova editio Dr. W. Junk, 199 pp.
  • 1990 (con J. M. Carpenter). "A catalogue of the genera of the Vespidae (Hymenoptera)". Zool. Verh. Leiden 260: 1–62.
  • 1991 (con J. M. Carpenter). "A study of the Vespidae described by William J. Fox (Insecta: Hymenoptera), with assessment of taxonomic implications". Ann. Carnegie Mus. 60: 211-224.

Abreviatura[editar | editar a fonte]

A abreviatura Vecht emprégase para indicar a Jacobus van der Vecht como autoridade na descrición e taxonomía en zooloxía.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 C. van Achterberg (1992). "Obituary and bibliography of Jacobus van der Vecht (1906–1992)". Zoologische Mededelingen 66: 295–302. 
  2. IRRI (ed.). The Virus Diseases of the Rice Plant. p. 28. ISBN 9-7122-0240-2. 
  3. 3,0 3,1 J. T. Wiebes (1992). "Levensbericht J. van der Vecht" (PDF). Levensberichten en Herdenkingen 1992 (Koninklijke Nederlandse Akademie van Wetenschappen): 69–72. 
  4. "Jacobus van der Vecht (1906 - 1992)". Koninklijke Nederlandsche Akademie van Wetenschappen (Real Academia Neerladesa das Artes e as Ciencias). Consutado o 17 de xullo se 2921.
  5. "Index of Scientific Names results for vechti". Global Names Index. Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2021. Consultado o 15 de xuño de 2021. 
  6. Hari Nugroho; Jun-ichi Kojima; James M. Carpenter (2011). "Checklist of the Vespid Species (Insecta: Hymenoptera: Vespidae) occurring in the Indonesian Archipelago". Treubia 38: 71–186.