Iskra (Искра en ruso; en galego, a faísca) foi unha publicación política de emigrantes socialistas rusos procedentes do POSDR. Estivo dirixido por Lenin.
A fundación débese a Lenin, que tras abandonar Siberia en xaneiro de 1900,[1] pensou que, dada a imposibilidade de publicar un xornal en Rusia, debíase facer no estranxeiro polo que a primeira edición foi publicada na cidade alemá de Leipzig[2]o 1 de decembro de 1900, coa colaboración dos socialdemócratas alemáns. As outras edicións publicáronse en Múnic entre 1900 e 1902; a partir de xullo de 1902, durante a estancia de Lenin en Londres entre 1902 e 1903 a publicación foi editada desde unha pequena oficina no número 37 de Clerkenwell Green en Londres[3] e, a partir, de 1903 en Xenebra.
O xornal tivo un importante papel no II Congreso do POSDR pois publicou un borrador que serviu para a preparación do congreso (xullo-agosto 1903). No curso do congreso, produciuse a división entre bolxeviques e menxeviques.[4] Lenin foi electo dirixente do Partido e abandonou o xornal en novembro de 1903 e dende entón foi un xornal menxevique no que Plekhanov recuperou aos editores anteriores até 1905. Lenin fundará outro xornal, xa enteiramente bolxevique: Vpériod (Adiante).[5]
A publicación chegou a ter unha tirada de 8.000 copias de media. O lema de Iskra foi "Из искры возгорится пламя" ("Dunha faísca o lume revivirá"), unha liña da resposta[6] de Aleksandr Odoievski ao poema[7] de Aleksandr Puixkin dirixido a prisioneiros anti-tsaristas en Siberia.