Incursión Doolittle

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Incursión Doolittle

Un B-25 engalando do Hornet para a incursión.
Data: 18 de abril de 1942
Lugar: Toquio e outras cidades xaponesas
Conflito: Segunda guerra mundial
Resultado: * Primeiro ataque sobre as illas xaponesas
  • Vitoria propagandística estadounidense
  • Ningunha vitoria táctica ou estratéxica significativa
  • Moral pública dos Estados Unidos aumentada
Combatentes
Estados Unidos Xapón

A incursión Doolittle, tamén coñecida como incursión a Tokyo, realizada o 18 de abril de 1942, foi o primeiro ataque aéreo dos Estados Unidos en golpear o arquipélago xaponés (concretamente a illa de Honshu) durante a segunda guerra mundial. Ao demostrar que o propio Xapón era vulnerable a un ataque a éreo estadounidense, proporcionou unha importante inxección de moral e a posibilidade de represalias tras o ataque a Pearl Harbor o 7 de decembro de 1941. A incursión foi planeada e liderada polo tenente coronel James "Jimmy" Doolittle, da Forza Aérea dos Estados Unidos. Doolittle contaría posteriormente na súa autobiografía que o ataque estaba destinado a reforzar a moral estadounidense e facer que os xaponeses comezasen a dubidar do seu liderado:

Os xaponeses dixeran que eran invulnerables ... Un ataque á patria xaponesa podería causar confusión nas mentes dos xaponeses e sementar dúbidas sobre a fiabilidade dos seus líderes. Houbo unha segunda, e igualmente importante, razón psicolóxica para este ataque ... os estadounidenses precisaban dunha importante inxección de moral.

Dazaseis bombardeiros medios B-25B Mitchell foron lanzados dende o portaavións USS Hornet no oeste do océano Pacífico. O plan era bombardear obxectivos militares no Xapón e continuar cara o oeste para aterrar na China (facer aterrar un bombardeiro medio no Hornet era imposible). Todos os avións involucrados no bombardeo perdéronse, e 11 dos seus tripulantes morreron ou foron capturados (3 dos capturados foron executados polo exército xaponés na China). Un dos B-25 aterrou en Vladivostok,na Unión Soviética, onde foi confiscado e a súa tripulación internada durante máis dun ano. Trece tripulacións enteiras, e tada menos un home do avión número 14, regresaron.

A incursión causou danos materiais insignificantes ao Xapón, pero foi un éxito no seu obxectivo de axudar á moral estadounidense, e poñer en dúbida a capacidade dos líderes militares xaponeses. Tamén fixo que o Xapón retirase a súa potente forza de portaavións do océano Índico para defender as súas illas, e a incursión contribuíu á decisión do almirante Isoroku Yamamoto de atacar Midway, un ataque que resultou nunha derrota decisiva para a Armada Imperial Xaponesa.

Aproximadamente 250.000 civís chineses foron masacrados polo exército xaponés no leste da China como represalia por axudar aos aviadores estadounidenses capturados a escapar.